fbpx

Soa Bonaval

When:
22 Outubro, 2021 – 24 Outubro, 2021 all-day
2021-10-22T00:00:00+02:00
2021-10-25T00:00:00+02:00
Where:
Museo do Pobo Galego - Santiago

O 22, 23 e 24 de outubro celébrase a 1ª edición de Soa Bonaval, un evento organizado polo Museo do Pobo Galego,  con concertos, conversas e itinerarios sonoros.

O festival pretende  desmitificar os xéneros e as etiquetas, e contar con artistas que traballan sobre os sons clásicos e de raíz, o local e a cultura e a lingua propias, compoñendo músicas plenamente actuais que van desde o electrónico ao folk pasando polo pop, o rock ou o ambient.

O cartel desta primeira edición inclúe propostas como a da cantautora de Ibias (Asturias), Lorena Álvarez quen traerá a Soa Bonaval a súa “Colección de canciones sencillas”; Peña o grupo pontevedrés formado por Toño Magariños (Diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate) ou Libredón, o proxecto musical do compostelán Denís Estévez, que desfragmenta e recompón pezas clásicas cunha linguaxe analóxico-dixital.

Ademais o festival estreará Exvba, unha proposta que nace da unión de Elba Fernández e Xavi Font. Os gañadores do Mestre Mateo 2020 á mellor música orixinal por “Hierro”,  Elba e Xavi deciden afastarse dos longos tempos no estudio para crear este proxecto que verá a luz na Igrexa de Bonaval, lugar para o que foi creado.

No formato de conversas con artistas, Soa Bonaval trae a un dos produtores máis aclamados da última década. O catalán Raül Refree, que neste ano meteuse de cheo na música tradicional galega. A conversa completarase coa actuación de Tralo-Valo, o dúo da tocadora Carme da Pontragha e o zanfoneiro Ariel Ninas, que interpretarán un repertorio baseado no arquivo do antropólogo danés Gustav Henningsen en Galicia nos anos 60.

A primeira edición do Soa Bonaval complétase co itinerario sonoro Son[em]peza. A proposta do DEAC fopi desenvolvida pola educadora Carme Campo xunto co equipo do Arquivo do Patrimonio Oral Inmaterial ( APOI) e poderase realizar durante o festival, conducido por persoal do Museo. Despois, e até finais de ano poderá realizarse de maneira autónoma.

As entradas poñeranse á venda a partir do luns 11 de outubro ás 11 horas a través da plataforma Vivetix do Museo do Pobo Galego.

O festival está organizado polo Museo do Pobo Galego, co patrocinio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Arcebispado de Santiago.