fbpx

Shakespeare en Roma

When:
10 Febreiro, 2023 @ 7:00 p.m. – 8:30 p.m.
2023-02-10T19:00:00+01:00
2023-02-10T20:30:00+01:00
Where:
Salón Nobre do Colexio de Fonseca
Santiago de Compostela
Cost:
6 €

O Centro Dramático Galego, a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, volve á obra de Shakespeare no arranque de 2023 e faino dun xeito moi singular: catro pezas do bardo inglés con dramaturxias galegas actuais e cinco directores e directoras de escena para asumir o reto da posta en pé desta produción nun escenario excepcional: o Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

O xenial dramaturgo británico achegouse en catro ocasións ao mundo clásico a través dos textos Tito Andrónico, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Coriolano, escritos entre 1594 e 1609 e nos que sitúa a acción no Imperio Romano para, desde o seu tempo, reflexionar sobre o poder.

Así, o espectáculo Shakespeare en Roma nace como unha oportunidade para unir tres momentos da historia: o presente, o período isabelino e a Roma clásica a través da guerra, a violencia e a loita polo dominio que guían o destino dos personaxes. Iso, como fondo, porque na forma, despois dos traballos dramatúrxicos de Volodymir Snegurchenko, Ana Carreira, Ana Abad de Larriva e Lorena Conde, resultan versións que condensan en 35 minutos cada unha das obras orixinais, nun proceso de reescrita que pon ademais o foco nalgúns interesantes personaxes secundarios.

O talento da nómina de dirección, conformada por Rui Madeira para Coriolano, María Barcala e Xúlio Lago para Xulio César, Sara Rey para Antonio e Cleopatra e Quico Cadaval para Tito Andrónico, suma a súa pegada desde traxectorias e métodos de traballo diferentes. E a esta dinámica únese a interpretación do mesmo elenco dos oito actores e actrices presentes nos catro títulos: Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado. O vestiario de Saturna e o espazo sonoro de Xosé Lois Romero son tamén elementos moi importantes do espectáculo.

Grazas á colaboración no proxecto da Universidade de Santiago de Compostela, o resultado desta proposta pódese ver no Salón Nobre de Fonseca, o emblemático edificio que xa albergou os ensaios e que fará o propio con todas as funcións, nunha posta en escena de proximidade na que o público ocupará practicamente o mesmo espazo que os protagonistas destas traxedias de poder, amor e vinganza.

Do 9 de febreiro ao 2 de abril, con pases de mércores a domingo ás 19.00 horas.

Localidades á venda en ataquilla.com e no despacho de billetes habilitado no compostelán Pazo de Fonseca (praza de Fonseca s/n).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.