fbpx

Semana do Libro de Compostela (SELIC)

When:
10 Setembro, 2021 – 19 Setembro, 2021 all-day
2021-09-10T00:00:00+02:00
2021-09-20T00:00:00+02:00
Where:
Rúa do Vilar - Santiago de Compostela

A Semana do Libro de Compostela celebrará a súa quinta edición do 10 ao 19 de setembro. Coas restricións precisas pola pandemia, a SELIC regresa coa intención de atender os cambios permanentes na sociedade e na cultura, e coa vontade de abrir unha liña de pensamento sobre o mesmo acto de ler. Haberá un espazo con casetas de librarías e editoriais na Rúa do Vilar, no que decorrerán a maioría das actividades deste ano. O evento foi presentado esta mañá pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director da SELIC, Camilo Franco.

“A SELIC quere estar no medio da rúa e da xente porque a cultura queremos entendela como algo habitual para os e as santiaguesas e para identificar a Santiago como unha cidade para ler, unha cidade de libros, de debate, de conversa, unha cidade de argumentos e de ficción”, manifestou a edila.

Narrativa, poesía, ensaio, tradución, cinema, teatro, ilustración, contacontos, música e xornalismo. Todas levan á lectura. Ao feito último (ou primeiro) de ler. Por que lemos? Que nos aporta? O director da SELIC, Camilo Franco, explicou que “o programa da SELIC atende a multitude de intereses que ten a sociedade desde o punto de vista da lectura e tamén quere abrir unha reflexión sobre a propia lectura”. “Ler é algo que non se practica agora como hai dez anos: hai máis soportes, hai máis maneiras de ler e como se le condiciona o que se le”, engadiu.

“A SELIC terá 50 títulos como principais protagonistas que, como mínimo, serán 50 oportunidades para desfrutar da cidade e da cultura”, destacou Mercedes Rosón. Cunha programación que amplía os focos de atención, o festival contará coa presenza de Domingo Villar, que estará en Compostela para compartir o seu primeiro libro de relatos. A cidade será a protagonista nos paseos organizados pola Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG), nos que participarán autoras como Berta Dávila e Marcos Calveiro, que levarán ás asistentes polos lugares representados nas súas respectivas obras. Dous percorridos estarán centrados na relación da capital galega coa escritora Emilia Pardo Bazán e nas conexións de Compostela coas múltiples formas do cinema ao longo dos anos, neste caso os paseos estarán coordinados por Maos Innovación Social.

Luís Pardo entrevistará a Esteban Hernández sobre os seus libros centrados nas claves da situación político-económica do país. Federico García Lorca, agora tamén presente na Alameda de Compostela, centrará un faladoiro con Henrique Alvarellos e Aníbal Malvar no centenario do seu nacemento. Tamén se reivindicará a figura de Roberto Vidal Bolaño cun coloquio e a proxección do filme Doentes, de Gustavo Balza. Tampouco faltará a música en directo, con concertos como o de Alfonso Espiño, que tamén debullará o seu libro sobre a escena musical compostelá entre os anos cincuenta e o 1978. O programa completo irase debullando ata o día 10, cando dea comezo o festival.

Este ano, a SELIC busca achegarse á cidadanía de Compostela empregando formatos cunha maior posibilidade de interacción do público. Non haberá presentacións ao uso, senón conversas entre autoras e autores, entrevistas e recitais para conseguir novas formas de relacionarse coas lectoras e lectores, que son a peza esencial do festival.

A concelleira de Acción Cultural asegurou que esta quinta edición da SELIC “reclama atención sobre algunhas historias propias de Santiago como espazo para a fantasía, a Compostela da música rebelde e a do cine e teatro”, que terán unha presenza significativa “que vén reafirmar a longa relación entre a cidade e todas as formas de facer cultura, esas formas de facer cultura das que hoxe a cidade pode sentirse orgullosa”.

Librarías e editoras

As librarías e editoras de Compostela estarán representadas nas dez casetas que conformarán o espazo da Selic na rúa do Vilar, que se converterá na milla da lectura de Santiago do 10 ao 19 de setembro. aCentral Folque, Alvarellos editora, Árbore Azul, Bunker Books, Carlos Meixide, Consorcio de Santiago, Cuarto de inverno, Fundación Anselmo Lorenzo, Irmás Cartoné, Libraría Lila de Lilith, Libraría Numax, Libraría Pedreira, Patas de peixe, USC. Servizo de Publicacións Librería Aenea pasarán polo festival.

Horarios

Na fin de semana o horario do festival na rúa do Vilar irá das 11.30 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 21.00 horas. Durante a semana as actividades centraranse na tarde, de 16.30 a 21.00 horas.

CONSULTA AQUÍ O PROGRAMA COMPLETO