fbpx

Ruxe Ruxe (1996-2021): 25 anos de universo gráfico

When:
4 Agosto, 2021 – 26 Setembro, 2021 all-day
2021-08-04T00:00:00+02:00
2021-09-27T00:00:00+02:00
Where:
Zona C - Santiago de Compostela
Cost:
Free

A nova Zona C-Punto de Información Cultural acolle até a fin do mes de setembro a mostra Ruxe Ruxe (1996-2021): 25 anos de universo gráfico, unha ollada aos deseños que vestiron e acompañaron a andaina musical da banda máis lonxeva de Compostela. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, o director xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e os integrantes de RUXE RUXE, Vituco Neira, Xan Rico e Xulia Neira, participaron no acto de apertura desta mostra no edificio da praza de Cervantes que outrora foi a Casa do Concello.

En 2021 a banda cumpre 25 anos sen baixar dos escenarios, un cuarto de século facendo rock en galego ininterrompidamente que os converteu nun dos grupos galegos con máis traxectoria e en todo un referente para moitas formacións que chegaron despois. Dende a estrea do seu recoñecido logo nos inicios do grupo en 1996 e até os últimos deseños do disco O estraño falar dun monstro da aldea (2020), Ruxe Ruxe sempre coidou a imaxe gráfica do seu traballo coa complicidade de profesionais do deseño, a fotografía e o debuxo que souberon entender á perfección as súas inquedanzas e dotar todo o seu universo dunha riqueza gráfica de grande valor. Moitas destas pezas son obra de artistas composteláns, como o creador do logo Javier Iglesias, Pachu M. Torres, Xulio Cé “Arinspunk”, Miguel Duarte ou Javi Bermejo, pero tamén os hai doutras e doutros grandes artistas que son parte xa da historia gráfica dos Ruxe Ruxe, como o Grupo Revisión, Ramón Díaz “Raio” (Caramuxo), Carlos Azagra (El Jueves), Diego Pérez “Diebujitos” ou Laura Romero,

A arte dos seus case 20 traballos discográficos, a cartelería de infinidade de concertos, as súas icónicas camisolas, ilustracións, deseños web, videoclips animados, chapas, revistas, esculturas, artesanía e até tatuaxes recompilados ao longo de 25 anos, forman unha colección que convén revisar e reivindicar pola singularidade artística e o valor contracultural de todo este universo xerado arredor da banda.

A exposición permanecerá na Zona C. Punto de Información Cultural até a fin do mes setembro. O seu horario de visitas en agosto é de martes a sábado de 11 h a 14 h. A partir de setembro, o horario de visitas é de martes a sábado de 11 h a 14 h e de 16 h a 19 h, e os domingos de 11 a 14 horas. A entrada é de balde.