fbpx

Raniero Fernández. O arquivo

When:
14 Xullo, 2022 – 12 Febreiro, 2023 all-day
2022-07-14T00:00:00+02:00
2023-02-13T00:00:00+01:00
Where:
CGAC

O CGAC acolle desde o 14 de xullo unha nova proposta expositiva que revisa desde unha perspectiva contemporánea a obra dun dos fotógrafos galegos de referencia nos anos 50 e 60, o vigués Raniero Fernández. A exposición súmase ás outras dúas que mantén abertas o museo estes meses dentro da súa programación de verán, que se centran na performance, as artes vivas e a fotografía.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na presentación da mostra, na que estivo acompañado do director do CGAC, Santiago Olmo, e dos comisarios Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal.

O representante da Consellería de Cultura, FP e Universidades destacou a capacidade desta exposición para “achegar unha nova visión da prolífica obra do que foi un dos fotógrafos galegos de referencia da súa época, cuxo legado merece ser divulgado”, indicou. Neste sentido, recordou o papel de Raniero Fernández como presidente da Agrupación Fotográfica Gallega, cando se converteu, dixo, en dinamizador da actividade cultural da súa cidade natal, Vigo, e gran parte de Galicia “como tamén quedou reflectido na súa obra”.

Anxo M. Lorenzo valorou o traballo do fotógrafo vigués ao ser quen de retratar “parte da nosa historia cun estilo diferente para a súa época, con imaxes do porto de Vigo que hoxe en día son testemuña da pegada da emigración a América da década dos 50 ou coa súa visión particular de elementos etnográficos propiamente galegos”, engadiu.

Valor documental

A exposición Raniero Fernández. O arquivo divulga a obra do fotógrafo vigués desde unha perspectiva contemporánea. Inclúe pezas da década dos 50 e 60 nas que retrata a Galicia da emigración, o mundo rural desde unha perspectiva idealizante como é costume na fotografía non profesional. Tamén inclúe fotografías que adquiren un importante valor documental como imaxes de mulleres vendendo leña ou leite no centro de Pontevedra ou unha muller levando o leite en burro en Lugo xunto a fotografías da feira de Santiago de Compostela, un tema recorrente desde principios dos 40.

A mostra que pode visitarse ata o 12 de febreiro conta, ademais, con series de cruceiros e hórreos dos que ten catalogados máis de 400 negativos. Esa mesma procura arquivística empregouna tamén para abordar a temática da ourivaría relixiosa, xerando series que hoxe, á luz da fotografía contemporánea, adquiren un importante interese ao traer á mente a obra de artistas coetáneos. Co obxectivo de revisar a obra do fotógrafo vigués desde unha óptica actual, pero contextualizándoa na súa época inclúense tamén obras doutros fotógrafos como Ferrol, Losada, Rueda, Schimidt de las Heas, Terré, Veiga Roel e Zamora.

Tres exposicións

Raniero Fernández. O Arquivo súmase ás outras dúas exposicións que mantén abertas o CGAC durante todo este verán. Por unha banda, pode visitarse ata o 2 de outubro O museo como escenario, dedicada ás artes vivas, á performace e a fenómenos escénicos. A partir das propostas de Rosana Antolí, Marta Pazos e Berio Molina, os espazos do CGAC convértense nun lugar de produción e experimentación onde as instalacións creadas polos artistas funcionan de xeito autónomo, pero tamén poden ser activadas polo espectador.

Ademais, o CGAC tamén ten aberta a exposición Nalgures da australiana Narelle Jubelin, coa que se afonda na memoria da paisaxe. Entre outras obras, a artista inclúe por primeira vez nunha exposición outras creacións artísticas, como pezas descatalogadas de Cerámicas do Castro e de Sargadelos, algunhas pertencentes ao Laboratorio de Formas e poderá visitarse ata mediados de outubro.