fbpx

Programación cultural Concello de Ames

When:
22 Xaneiro, 2021 – 30 Xuño, 2021 all-day
2021-01-22T00:00:00+01:00
2021-07-01T00:00:00+02:00
Where:
Casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns

A programación cultural do primeiro semestre no concello de Ames está composta de 13 espectáculos de teatro, música e danza, tanto para o público infantil como para o público adulto. Dita programación desenvolverase nos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Trátase dunha programación deseñada para todos os públicos e diversa en canto a contidos, onde se pode atopar comedia, drama, teatro de investigación, etc. Abarca distintas disciplinas das artes escénicas, como son a danza, a música e o teatro.

Para o público infantil
Dita programación comeza o venres, 22 de xaneiro ás 18.00 horas, da man da compañía O Viravai, que representará na Casa da Cultura de Bertamiráns, o espectáculo infantil musical Paio e o poder da música. Ademais do divertimento, este traballo contén unha clara finalidade educativa. No espectáculo trátanse temas tan transcendentes e actuais coma o “bullying”, a igualdade, o reciclaxe ou a literatura galega.

A seguinte obra de teatro que inclúe dita programación representarase o 5 de febreiro, ás 18.00 horas. Neste caso, Talía Teatro representará Voa, voa!. É unha comedia, dirixida a nenos e nenas de catro a nove anos, na que se proporá recuperar ditos, retrousos e xogos de man. Unha relación de ditos populares centrados nestas pequenas rimas que perduraron xeración tras xeración e que se foron transmitindo de xeito oral. Esta peza teatral representarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

A compañía Uxía representará no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a obra Rosalía Pequeniña. Será o 26 de febreiro, ás 18.00 horas. Trátase dun espectáculo no que Uxía presenta a súa poesía nun concerto baseado no libro-disco Rosalía pequeniña, editado por Galaxia. Repertorio de Rosalía pequeniña con algúns temas tamén de María Fumaça .

Para o mes de marzo, Baobab Teatro representará, o día 5, a obra Mai Mai no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Este espectáculo, para maiores de cinco anos, conta a historia do último Oso Panda do planeta e a súa loita por sobrevivir, a falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global fan difícil a supervivencia desta especie. Unha muller emprendedora e moi revolucionaria e un famoso fotógrafo comezan unha viaxe por separado para atopar o último Panda do planeta, toda unha aventura na que se atoparán unha chea de problemas que solventar. Unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, a codicia, o éxito e a concienciación medioambiental.

O 12 de marzo estará no Milladoiro o espectáculo Almanaque musical, da compañía Percubebés. Esta obra de música folk tradicional, e dirixida a nenos e nenas de cero a tres anos, mostra aos pequenos e pequenas o ciclo do ano con graciosas cantigas acompañadas por Pelán. Pelán ensinará o día que é, e todo o que abrangue o almanaque e a súa relación coa lúa, as mareas, o agro, as festas. A arpa de Bea e a voz de Marcelo do Bode completan o elenco facéndonos cantar e bailar sen deixar de aprender.

A obra de teatro Don Gaiferos, de Os Monicreques de Kukas, estará no Milladoiro o día 26 de marzo ás 18.00 horas. Os actores, actrices, monicreques e músicos, a modo de opereta e partindo do romance popularizado por Don Faustino, irán incorporando cancións e músicas do folclore galego. Contarase un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago que narra a viaxe do peregrino francés Gaiferos de Monmarltan ata a súa morte aos pes do santo na Catedral compostelá.

Para rematar a programación infantil, Caramuxo Teatro subirase ao escenario de Bertamiráns coa obra Catro o 16 de abril, ás 17.00 e ás 18.00 horas. Trátase dun espectáculo visual de danza contemporánea, dirixido a nenos e nenas de seis meses a tres anos de idade,  no que se xoga coa vida, coas formas, os sons e as texturas. Pretende descubrir a través da danza como linguaxe e canle de coñecemento.

Programación para o público adulto
Por outra banda, programáronse seis obras de teatro para público adulto. A primeira será A Lingua das Bolboretas, de Sarabela Teatro, que se representará o venres, 29 de xaneiro ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe que emprende o protagonista da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento da realidade e o respecto cara o próximo) e é testemuña tamén da traxedia que supuxo vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.

O segundo espectáculo para adultos representarase o 5 de febreiro, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste caso a compañía Ainé Producións representa O Montacargas. A historia narra a situación de dous homes (Ben e Gus) que están pechados nun cuarto, unha estancia miserablemente amoblada. As personaxes discuten sobre noticias de prensa e equipos de fútbol. Mentres avanzan no diálogo, Pinter dános a entender que se trata de dous asasinos a soldo á espera de misteriosas ordes que unha organización ha de transmitirlles.

En marzo a programación comeza o día 5 coa obra Sofía e a Postsocráticas, da compañía Inversa Teatro. Este espectáculo, que se representará no Milladoiro, versa sobre a violencia machista, afondando nas causas da estrutura do maltrato. A partires de tres personaxes en escena: Sócrates, Platón e Aristóteles (interpretados por mulleres) trataremos de buscar un novo logos, é dicir, un novo patrón interpretativo da realidade no que poidamos facer o cálculo do que é ou o que non é violencia machista.

Os días 26 e 27 de marzo, a compañía Contraproducións estará en Bertamiráns coa obra Mocos. Trátase dunha comedia unipersonal inspirada nunha imaxe da pandemia: uns nenos no recreo, illados en cadanseu cadrado no patio dunha escola. Que memoria gardarán diso cando crezan? É como un moco que se espalla nace un fío de divertidas historias escolares vividas e lembradas polos adultos de hoxe e que, desde o humor e a emoción, xogan cos medos e esperanzas que herdamos e deixamos en herdanza.

No mes de abril, o espectáculo de danza Pink Unicorns representarase o venres 30 no Milladoiro. A compañía La Macana presenta este auténtico desafío que fará gozar das marabillas da relación pai e fillo, da pericia de cada un.

Para pechar a programación cultural do primeiro semestre, Rebordelos representará Liberto, unha obra que se poderá desfrutar o 7 de maio en Bertamiráns. Conta en primeira persoa a historia de Ada, unha nai que ten a afrontar que o seu fillo recen nacido ten una parálise cerebral severa. Dende a forza que se atopa nos fiordos da vida, a peza amosa as artistas da maternidade e o lado máis mamífero desta, axudándonos a comprender que a propia morte é parte da vida. Liberto é un relato honesto de como xestionar a dor e seguir avanzando, un proceso primitivo, pegado ao noso animal e, por iso, dá unha peza teatral chea de vitalidade.