fbpx

Octava edición de Fanzine Fest

When:
5 Decembro, 2022 – 10 Decembro, 2022 all-day
2022-12-05T00:00:00+01:00
2022-12-11T00:00:00+01:00
Where:
A Coruña

Fanzine Fest, o festival de música electrónica de vangarda de referencia no noroeste peninsular, regresará o próximo mes de decembro aos escenarios coruñeses para situar á cidade como a capital dunha experiencia sonora e visual única. A Coruña celebrará seis xornadas repletas de música electrónica de vangarda coa oitava edición do festival que, un ano máis, reunirá a figuras destacadas da música electrónica e artes visuais a nivel galego, nacional e internacional. Os tickets para os shows con entrada de pago xa están á venda na través da páxina web oficial www.fanzinefest.com.

Fanzine Fest desenvolverase en 5 localizacións da cidade da Coruña, con outros tantos escenarios. O da xornada inaugural será, como é habitual nas últimas edicións, o Planetario da Casa das Ciencias, que este ano se converterá no escenario Planetario x WE. A plataforma de sustentabilidade ambiental WE Sustainability exemplifica así o seu compromiso co festival, que desde 2019 aposta precisamente pola inclusión de actividades de coidado e respecto da contorna da man do proxecto galego. En Planetario X WE, o luns 5 de decembro, o público asistente volverá gozar de shows A/V e proxeccións inmersivas en formato full dome. O encargado de abrir a oitava edición do festival será o produtor galego afincado en Barcelona, Andrés Satué, co seu proxecto de electrónica experimental Huma. En Fanzine Fest presentará un directo exclusivo con visuais do berlinés Urok.

Outra das sedes do VIII Fanzine Fest será a Domus. Por unha banda, o martes 6 acollerá a xornada FPS-BPM, a sección dedicada especificamente á creación audiovisual e que conta con Juan Lesta e María Nuñez á fronte. O ciclo, que este ano celebra a súa terceira edición, contará con videoclips, videoarte e coloquios do audiovisual galego e nacional coa intención de xerar unha visión 360º da escena da videocreación. A entrada será libre ata completar aforo.

Ao día seguinte, o mércores 7, o auditorio do museo científico tamén será sede da terceira xornada do festival, na que o público gozará de dous live A/V: Frecuencias Ancestrales, de Beyond & Pedro Maia, no que ambos os artistas traballan co compositor mexicano Óscar Carrillo para revisar a música tradicional mexicana e comparala coa música avanzada do século XXI; e Ed is Dead (Edu Ostos), artista poliédrico que presentará na Domus un live co seu quinto e último traballo: Global Sickness.

O xoves 8 de decembro o festival vivirá unha xornada singular: Fanzine Fest sairá, por primeira vez na súa historia, á rúa. A praza de Azcárraga será o epicentro do escenario Cidade Vella, unha proposta de programación ao aire libre na que haberá unha sesión continuada de música con artistas da escena local, como Isaac Peces, Edgar Carl, Dj Elektrógena, Pablo Ruizgalán e Liños ou a madrileña afincada en Lugo Annie Hall; ademais de actividades e talleres para público de todas as idades. E, sen saír do barrio, o venres 9 pola tarde regresará outra das iniciativas clásicas do festival: Fundación Luís Seoane x SON EG. O centro de arte contemporánea acollerá, un ano máis, o escenario SON Estrela Galicia, con seis horas non-stop de vangarda electrónica asinadas polo estadounidense Detroit in Effect e os galegos Occy, Sergio Amaro e Roi. Ambas as citas na Cidade Vella serán de acceso libre.

Finalmente o sábado 10 Fanzine Fest poñerá o broche de ouro co seu mítico maratón na Sala O Túnel. Un peche ao grande, con 9 horas de música ininterrompidas na que se darán cita figuras imprescindibles da escena galega, nacional e internacional para que o público despida esta oitava edición como se merece: bailando. Polo escenario de O Túnel pasarán figuras como Reka, toda unha referencia dentro da escena internacional, ou Truncate, artista crave no desenvolvemento do xénero techno en EEUU. Tamén estarán Acoustic Trauma ou Komatssu, que presenta o seu live na Coruña tras dúas décadas de traxectoria; Death Whistle, que presentará un proxecto específico para a ocasión; Lefrenk & The Panic Room, que estrearán live AV; ou nomes como VJ Caskbel, Bombyx Blow & Baldo y Gnomalab.