IV Churrasconcerto
O vindeiro sábado 21 de maio o campo da festa de Couso acollerá o IV Churrasconcerto, un evento no que a carne de porco á brasa será o acompañamento perfecto da poesía e a música en galego.
Pola parte cárnica, haberá churrasco desde as 21 h, e para aquelas persoas que non queiran carne haberá tamén dispoñible racións de empanada vegana.
Pola banda da poesía, o lucense Brais García presentará o seu primeiro libro, o inclasificable A negrura no peito, unha obra que transita entre diversos xéneros seguindo a estrutura dunha traxedia clásica. Para a súa presentación estará acompañado do guitarrista de jazz Rafa Fernández.
A parte dos concertos abrirana Sofía Espiñeira e MJ Pérez co seu espectáculo conxunto Agora cantas ti, agora canto eu, no que estas dúas cantautoras se unen para acompañárense mutuamente nos seus universos musicais. A continuación chegarán, desde o Morrazo, The Lelli Kelly’s co seu rock & roll explosivo e con novo disco, A chorar a Cangas. Pechará a xeira de concertos a banda Noxo, o grupo punk de Couso que non fai máis que acaparar boas críticas do seu primeiro traballo Harmónica axitación musical.
Ao rematar a música en directo a festa continuará coa pinchada de Ferromona.
Ademais, haberá dispoñible un espazo con baños para quen queira quedar a durmir (aínda que será necesario traer esteira e saco).