fbpx

Inventio

When:
9 Outubro, 2022 all-day
2022-10-09T00:00:00+02:00
2022-10-10T00:00:00+02:00
Where:
Auditorio de Galicia-Santiago

Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual, composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos… Todo isto e moito máis é Inventio, un novo espectáculo de gran formato inspirado no Camiño de Santiago que o vindeiro outono-inverno tomará os nosos escenarios. Inventio é unha creación para público familiar que reborda humor, misterio e fantasía, na que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses; unha experiencia sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca “unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir”.

Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade. Baixo a dirección creativa do mago Martín Varela, trátase dunha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, Xunta de Galicia (a través do programa Xacobeo 21-22) e Fundación “la Caixa”, co apoio de Sargadelos, que visitará un total de 15 escenarios de Galicia, España e Portugal de setembro de 2022 a xaneiro de 2023. 

A historia

Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin rastro nin lembranza ningunha.

Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense, que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Equipo

Con dirección do novo ilusionista galego Martín Varela e dramaturxia de José L. Prieto, o equipo creativo e artístico de Inventio está formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses e mais o propio Varela, que exercerá de guía do espectáculo. Á fronte da dirección artística, Suso Montero, recoñecido escenógrafo cunha dilatada traxectoria en teatro e televisión. Na dirección de maxia, dous destacados ilusionistas españois -Fani Triana e Martín Camiña- e na de circo, Jorge Miquel, un estudoso cunha longa traxectoria na posta en marcha de proxectos circenses. Na dirección musical, José Trincado ‘Triki’, produtor e técnico que traballou con grupos como Milladoiro ou compañías como a Fura dels Baus. Á fronte do ballet e as coreografías, Mercedes Suárez; Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario.