fbpx

INAUGURACIÓN ‘EL JARRÓN INFINITO’

When:
14 Xullo, 2022 – 24 Setembro, 2022 all-day
2022-07-14T00:00:00+02:00
2022-09-25T00:00:00+02:00
Where:
Zona C. Punto de información cultural
Cost:
Free

El jarrón infinito de Mar Ramón Soriano é o novo proxecto que ocupará o primeiro e o segundo andar da Zona C. Foi seleccionado na modalidade de proxectos de creación artística para formar parte da programación que este espazo dedica á arte emerxente.

Mar Ramón Soriano (Valencia, 1993) contextualiza este proxecto na investigación procesual e teórica que vén desenvolvendo ao situar a materialidade das cousas no seu centro de interese. Segundo a artista, a natureza dun obxecto articúlase segundo pesos, resistencias e fraxilidades. O corpo é un obxecto máis que, representado coa cerámica e articulado con outros elementos dunha forma precaria, fornece un compoñente de dramatismo e temor á rotura.

Mar mira consciente arredor seu e le as connotacións que cada cousa achega á composición final:  “Unha bolsa da compra deixa unha marca nos meus dedos, miro as aprehensións das que fala o filósofo Graham Harman e observo as ergonomías”. A artista amosa interese nos materiais cotiáns, que en moitas ocasións pasan desapercibidos, aproveitando os seus significados nun constante exercicio de terxiversación.

El jarrón infinito nace da necesidade de afondar no proxecto en que a creadora está mergullada: traballa desde a referencia dunha imaxe tirada por Ruth Mathilda Andersón en 1920 ás “apañadeiras” de Niñodaguia, parroquia oleira onde se atopa o taller da artista.

As “apañadeiras” eran mulleres que cargaban as olas desde os obradoiros cerámicos até o forno no que se cocían. Unhas xigantescas e pesadas cestas pousaban sobre as súas cabezas establecendo unha forma que Mar determina como un volume vasiforme.

A figura que resulta do pousado sobre a cabeza amosa paralelismo cos procesos de amoreamento cos que a creadora está a traballar e que teñen tamén como referencia a Columna sen fin de Brancusi.

Mar Ramón Soriano conquista o espazo a través das dimensións do cerámico. Constrúe módulos que se sitúan uns derriba doutros á maneira dos rañaceos ou dos impoñentes obeliscos, na procura de acadar unha altura ou unha monumentalidade que se exerce dende a colectivización de módulos máis modestos. Pola súa vez, os volumes teñen o xerme de corpo que carga e é cargado, que serve de sostén ou é sostido. Estas acumulacións de formas onduladas e orgánicas, observadas de forma lateral, poden percibirse como o debuxo de dúas liñas curvas situadas a modo de espello, nun exercicio de simplificación ou de extracción da cualidade mínima, e é esta imaxe concreta a que vincula as disciplinas empregadas na produción desta mostra.

Volumes, cores, densidades e disposicións establécense e distribúense no primeiro e no segundo andar da Zona C a partir de tres series de obras que exploran cuestións físicas de peso e gravidade, un interese polo arquivo histórico e os procesos inherentes ao traballo con diversos materiais. El jarrón infinito desenvolve os intereses da artista, abordados desde unha serie de módulos cerámicos, o traballo en pezas téxtiles e un terceiro conxunto que se conforma a partir de imaxes fotográficas.