fbpx

Estrea de ‘3Caminos’ en Amazon Prime Video

When:
22 Xaneiro, 2021 all-day
2021-01-22T00:00:00+01:00
2021-01-23T00:00:00+01:00

A serie ‘3Caminos’, que relata a vida de cinco amigos unidos polo Camiño de Santiago, estrearase en exclusiva en Prime Video o próximo 22 de xaneiro. Esta produción é a grande aposta audiovisual da Xunta de Galicia para a promoción do Xacobeo 2021 e dos valores do Camiño de Santiago entre unha audiencia global. Trátase, tamén, da primeira serie transmedia sobre esta temática, promovida pola empresa compostelá Ficción Producciones e que conta cunha subvención de 1.500.000 euros a través dunha convocatoria extraordinaria lanzada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta.

‘3Caminos’ é un drama con tinturas de comedia que explora a relación entre cinco amigos de cinco nacionalidades distintas en tres momentos puntuais das súas vidas. O paso do tempo vai desmontando os seus soños, tecendo e destecendo parellas e amizades e transformando a personalidade dos cinco. 2000, 2006 e 2021, tres camiños, tres etapas da vida, moitos problemas, tensións e conflitos do mundo ordinario que se xogan no taboleiro espiritual e material do Camiño de Santiago.

O Camiño actúa de catalizador e escusa para reunilos en cada unha das épocas nas que nos asomamos ás súas vidas. Acompáñanlles historias cheas de emocións, amizades, coraxe, pero tamén decepcións, medo e perdón. Reflexións sobre a existencia, abordando temas tan complexos como o paso do tempo, o final do amor cando se desgasta e morren os soños, e o medo a envellecer.

Dirixida por Norberto López Amado e Iñaki Mercero e protagonizada por Álex González, Verónica Echegui, Cecilia Suárez, Anna Schimrigk, Andrea Bosca e Alberto Jo Le, ‘3 Caminos’ é unha produción de Ficción Producións en colaboración coa Xunta de Galicia, Televisión de Galicia, RTP, Cinemate e Beta Films que contará con 8 episodios.