Don Gaiferos, de Os Monicreques de Kukas
Obra teatral de Os Monicreques de Kukas con actores, monicreques e músicos que a modo de opereta, partindo do romance popularizado por Don Faustino Santalices e incorporando cancións e músicas do folclore galego, conta un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago que narra a viaxe do peregrino francés Gaiferos de Monmarltan ata a súa morte aos pés do santo na Catedral compostelá.
Nesa viaxe atemporal atoparase con diferentes personaxes como Exeria, a dama peregrina a Xerusalén, un arrieiro maragato, uns cómicos italianos, un demo que unha e outra vez quere desvialo do seu camiño ofrecéndolle todo tipo de praceres mundanos e ata unha reporteira da televisión galega. A eles incorpóranse diferentes personaxes arquetipos dos diversos peregrinos que viaxan a Compostela coma un faquir hindú co seu elefante, un escocés, un portugués, unha andaluza flamenca así como lendas, costumes, lugares e monumentos representativos do feito xacobeo ata rematar aos pés do Apóstolo Santiago no Pórtico da Gloria.