fbpx

‘Creadores de conciencia’

When:
16 Febreiro, 2022 – 29 Maio, 2022 all-day
2022-02-16T00:00:00+01:00
2022-05-30T00:00:00+02:00
Where:
Auditorio de Galicia-Santiago
Cost:
Free

O mércores 16 de febreiro ás 20.00 h, inaugúrase no Auditorio de Galicia a exposición ‘Creadores de conciencia. 40 fotógrafos comprometidos’. No acto inaugural estarán presentes o alcalde de Santiago e Presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia, Xosé Sánchez Bugallo; o director da sucursal DKV, Carlos López Cachaza; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a subdirectora do Auditorio de Galicia, Silvia Modia; e o fotoxornalista José Cendón; así como de outros membros da corporación municipal. ‘Creadores de conciencia’ é un proxecto producido por DKV con motivo do XX aniversario das súas accións de Responsabilidade Social.

En palabras do comisario da mostra, Chema Conesa (Murcia, 1952), “o traballo das /dos corenta profesionais da fotografía exposto aquí conforma un mapa de feitos que resultan ao cabo un retrato veraz dos dilemas aos que se enfronta a comunidade mundial no seu presente e no seu futuro. Un debuxo trazado sobre unhas imaxes que falan de compromiso, testemuño persoal e excelencia profesional”

Unha exposición da que é imposible sair indiferente e que remove conciencias para que ninguén se desentenda das inxustizas, os abusos, ou a dor humana. Unha homenaxe a unha xeración de fotoxornalistas que veñen capturando cos seus obxectivos momentos transcendentais da historia recente, en non poucas ocasións enfrontando e asumindo riscos sobre a propia vida. Chema Conesa afirma: “practican un oficio voluntariamente silencioso, vocacional ás veces, e con grandes doses de risco e desprezo á comodidade persoal e á seguridade económica” e continua: “adoitan ser persoas solitarias, afeitas ao oficio de cazar, dotadas dun sentido da realidade extremo, hábiles na estratexia do achegamento e da máis diversa procedencia en intereses e formación. Ancoradas ao seu compromiso profesional, á decisión voluntaria que as levou até alí, a súa meta é a foto, e non lles preocupa a súa transcendencia nin repercusión. Non pretenden adoutrinar a ninguén e, con todo, a forza das súas imaxes provoca conciencia e torce vontades aínda ao seu pesar.”

Son un total de 120 fotografías, moitas publicadas nos medios de comunicación máis importantes do mundo, e polas que teñen recibido recoñecementos e premios. Capturadas en sitios como Siria, Colombia, Venezuela, Iraq, Exipto, Kabul, Haití, Croacia, Kosovo ou India até Melilla, España ou Marrocos. Imaxes necesarias, ás veces duras e incómodas, que poden ferir a quen as contempla.

FOTOXORNALISTAS
Samuel Aranda, Bernat Armangué, Walter Astrada, Sandra Balsells, Lurdes R. Basolí, Javier Bauluz, Clemente Bernard, Pep Bonet, Manu Brabo, Olmo Calvo, Sergi Cámara, José Cendón, José Colón, Javier Corso, Ricky Dávila, Juan Manuel Díaz Burgos, Ricardo García Vilanova, Antonio González Caro, Diego Ibarra Sánchez, Sebastián Liste, J.M López, Andoni Lubaki, Kim Manresa, Enric Folgosa Martí, Andrés Martínez Casares, Maysun, Fernando Moleres, Alfonso Moral, Emilio Morenatti, Daniel Ochoa de Olza, Ana Palacios, Santi Palacios, Judith Prat, Abel Ruiz de León, Rafael S. Fabrés, Gervasio Sánchez, Carlos Spottorno, Rafael Trobat, Guillem Valle e Mingo Venero.

A entrada é de balde e o horario da exposición é todos os días de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 20.00h. Os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00h.