Concerto de ‘Monoulious DOP’
“Sábado” é o primeiro sinxelo do “Disco Disko”, o terceiro álbum de Monoulious DOP que sairá publicado no mes de novembro. O novo traballo discográfico coincide coa celebración do décimo aniversario da banda.
A canción que estrean en formato videoclip é un dos doce temas dun disco que navega por todos os xéneros musicais, desde o funkipop á electrónica, pasando pola bachata-disco ao rock. Fiel á súa identidade transgresora, o novo de Monoulious DOP é un convite á festa, con letras autocompostas cargadas de retranca e ritmos que prometen poñer a mover os pés!
A presentación oficial do disco será o vindeiro 26 de novembro na Capitol, en Santiago, nunha sala que prometen volver encher, como xa fixeran en febreiro de 2020 coa estrea do anterior traballo, o “Black Album”.
As entradas xa están á venda a través da plataforma Entradium.