fbpx

Artesanía de Galicia en Compostela

When:
11 Setembro, 2021 – 12 Setembro, 2021 all-day
2021-09-11T00:00:00+02:00
2021-09-13T00:00:00+02:00
Where:
San Martiño Pinario - Santiago

A Xunta de Galicia organiza esta fin de semana ­–o sábado 11 e o domingo 12 de setembro– o evento Artesanía de Galicia en Compostela, no que participarán preto de 40 artesáns da marca Artesanía de Galicia especializados en oficios como a xoiería, a talla de madeira, os xoguetes, a forxa, a estampaxe, o coiro, o tecido artesanal, os complementos de moda, a escultura, a ourivería, o téxtil, a elaboración de figuras de pan, a palla trenzada, a bixutería ou a cerámica.

O evento celebrarase no claustro de San Martiño Pinario en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas e ten por obxectivo impulsar a comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia e a divulgación dos nosos oficios artesanais.

Os 30 obradoiros que participarán como expositores son Amorote Printing Workshop (Ames), Arte-San (Sarria), Artesanía Silvent (Caldas de Reis), Casperlota Atelier (Paderne), Cuchillos Artesanos Villar e Macala Joyas (Teo), Design Orfebres (Ourense), Druída (A Estrada), DuArte Leather (Mos), Emytelar Tejidos Artesanales (A Coruña), Fusaiola (Vilalba), Las flores de Greta (Gondomar), Leónlagata (Sanxenxo), Lucecús (Guitiriz), Lumecú (Vilar de Santos), Mario López (Vigo), Plata Nativa (Sada), Xabier Artesanal (Pereiro de Aguiar) e Xoiart (Carral), así como os obradoiros composteláns Contraform, Degerónimo, Ilex Talla, Io Obradoiro Téxtil, Jatafarta, Latonta y Larubia, Laura Triñanes Xoiería, Milena Colella, Mundaya, Roni Herrán e Xiana Cobo.

Na programación do evento inclúense tamén obradoiros abertos ao público familiar gratuítos de iniciación a diferentes oficios artesanais impartidos por seis profesionais da marca Artesanía de Galicia.

Os ceramistas Carlos San Claudio (Vigo) e Susana González, do obradoiro Terralume Cerámica (A Coruña), dirixirán un taller de iniciación ao torno cerámico; o artesán Jorge Bellón (Cedeira) ensinará a elaboración de figuras tradicionais con miga de pan; a asociación de artesás Trenzarte. Artesanía en palla (Mazaricos) realizará un obradoiro de trenzado de palla; Leonor Díaz, do obradoiro Como pez en el agua (Vigo), impartirá un taller de pintura sobre madeira; e a artesá Marina Seoane (Oleiros) dirixirá un de creación dun tapiz colaborativo en alto lizo.

Referentes na cultura compostelá

Durante todo o horario de apertura do evento, os ourives composteláns Ricardo Rivas e Julio Lado encargaranse de amosarlle ao público as diferentes técnicas que fixeron da ourivería un referente dos oficios artesanais e da cultura de Santiago de Compostela. Trátase de dúas figuras de recoñecido prestixio, galardoados co Premio Traxectoria Artesanía de Galicia 2020 e 2016, respectivamente, en recoñecemento á súa ampla experiencia e mestría no oficio, así como ao seu compromiso pola divulgación e a transmisión das técnicas da ourivería.

A través desta iniciativa, a Xunta busca dar respaldo ao sector artesán galego na súa adaptación a novos hábitos de consumo e a novas fórmulas de comercialización dos seus produtos. Así mesmo, o feito de incluír obradoiros abertos para todos os públicos contribúe a achegarlle a artesanía á sociedade, especialmente aos máis pequenos, a visibilizar a marca Artesanía de Galicia e os oficios artesanais, e a fomentar o relevo xeracional.

CONSULTA AQUÍ O PROGRAMA