fbpx

Altamira Brilla

When:
12 Xuño, 2021 – 13 Xuño, 2021 all-day
2021-06-12T00:00:00+02:00
2021-06-14T00:00:00+02:00
Where:
Brión e Ames

A Deputación da Coruña e os  concellos de Brión e Ames, organizan os días 12 e 13 de xuño “Altamira Brilla”, un evento que conmemora os 550 aniversario da histórica batalla de Altamira. O programa inclúe a presentación na Ponte Maceira dos traballos de investigación que se están levando a cabo para a elaboración do plan director das Torres de Altamira, unha ruta histórica, a representación da batalla a cargo do grupo Os Quinquilláns e un concerto de Baiuca.

Dous días de actividades
Os días 12 e 13 de xuño desenvolveranse os actos do programa “Altamira Brilla”, unha festa que estaba deseñada para o pasado ano e que tivo que ser cancelada pola pandemia. O adiamento supuxo tamén que a festa que conmemorará a Batalla de Altamira pasase a celebrarse neste ano en que se cumpren exactamente os 550 aniversario do acontecemento histórico.

As conmemoracións comezarán o día 12 cun acto que terá lugar na Ponte Maceira (Ames) en que se presentarán as investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres de Altamira nunha sesión en que intervirá o arquitecto Mario Crecente e as historiadoras Mercedes Vázquez e Mª Pilar Rodríguez, autoras do libro “A batalla de Altamira” ademais do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas e representantes dos concellos de Brión e Ames.

Pola tarde dese mesmo día terán lugar as rutas polos escenarios da batalla en territorio dos concellos de Ames e Brión para o que fará falta reserva previa.

Festa o 13 de xuño, día da Batalla
O día da festa grande será o 13 de xuño cunha xornada que comezará a partir das 19.15, hora de saída dos autobuses para se achegar ás Torres de Altamira ás que non se permitirá acceder con vehículos particulares.

A recreación teatral por parte da compañía Os Quinquilláns da batalla de Altamira dará inicio ao programa artístico que se completará co concerto de Baiuca e que incluirá tamén proxeccións de luz e imaxes sobre o propio monumento. Os asistentes recibirán como agasallo o libro sobre a Batalla de Altamira. O fin de festa, que incluirá petiscos a cargo da organización, será por volta das 23 horas en que está previsto o regreso dos transportes até a carballeira de Santa Minia.

Conmemoración histórica
Foi precisamente o día 13 de xuño de 1471, hai agora 550 anos, en que aconteceu a grande batalla que tivo lugar ao pé das Torres de Altamira, un monumento considerado Ben de Interese Cultural e situado nun espazo privilexiado que o converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construídas no século IX, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1471.

Posibelmente un incendio no século XVIII contribuiría á deterioración do ben que a finais do século XIX foi utilizado como “canteira” para a construción. A Deputación da Coruña mercou a propiedade en 1973 iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres ademais dalgunhas ventás con arcos da reconstrución de 1471.