fbpx

Acendido de Nadal no OCA Puerta del Camino

When:
2 Decembro, 2021 @ 6:00 p.m. – 8:00 p.m.
2021-12-02T18:00:00+01:00
2021-12-02T20:00:00+01:00
Where:
Miguel Ferro Caaveiro, s/n Santiago
Cost:
4 €

O Hotel OCA Puerta del Camino realizará un acendido de Nadal o 2 de decembro ás 18:00 horas no que haberá música, animación infantil e chocolate con churros.

O donativo, de 4 euros, destinaranse en favor da Asociación Sarela, dedicada ás persoas con dano cerebral adquirido e aos seus familiares, na súa rehabilitación e no fomento da súa participación social. “Enmarcamos o noso acendido deste ano na semana da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro), como un claro xesto de visibilización deste colectivo. E neste caso, desta entidade santiaguesa. Non só de todo o traballo que fan as persoas que conforman Sarela, senón, e principalmente, de que é o dano cerebral e cales son as súas consecuencias”, explicou o director do hotel, Lalo Crespo.

Pola súa banda, Luciano Fernández, secretario da Asociación Sarela valorou positivamente este tipo de accións “porque permiten, que é o máis importante, dar visibilidade ao dano cerebral e ao traballo que levamos realizando durante os 21 anos (que se cumprirán o día 19 de decembro) e todo nun ambiente festivo e familiar. Desde Sarela insistimos en que somos unha entidade que naceu impulsada por familias con dano cerebral e que poñemos todos os nosos recursos ao dispor da cidadanía, non só compostelá, porque traballamos en todo a área sanitaria de Santiago”.

Á súa vez, quixo destacar que Sarela é hoxe na área compostelá unha das referencias entre os recursos especializados na atención ao dano cerebral, con servizos como os de rehabilitación, centro de día, ou de mellora da autonomía persoal, terapia acuática, atención ás familias etc.

Ademais, anunciou unha proposta de colaboración mediante a cal o persoal do hotel OCA Porta do Camiño e todo o que se queira sumar da cadea (vía virtual) recibiría, por parte do equipo da Asociación Sarela, unha formación de como proceder no caso de que un compañeiro sufra un ictus, unha das causas principais do Dano Cerebral Adquirido ( DCA), xa que unha actuación inmediata é clave para evitar ou conseguir que as lesións sexan o menos graves posible.

Parte da responsabilidade social empresarial de OCA Hotels é integrarse nos destinos nos que se asenta. Colaborar con entidades que actúan en favor de colectivos vulnerables é parte diso. Desde a dirección da cadea lembran que “non podemos esquecer que calquera de nós é susceptible de en algún momento correr o risco de lesionarse, de diminuír as nosas capacidades e en definitiva de necesitar que toda a sociedade envórquese para que ninguén quede atrás”.