fbpx

A igualdade cultural (tamén) é un dereito

When:
24 Setembro, 2021 – 25 Setembro, 2021 all-day
2021-09-24T00:00:00+02:00
2021-09-26T00:00:00+02:00
Where:
Facultade de Ciencias da Comunicación- Santiago

Creadoras de distintas disciplinas artísticas, audiovisuais e escénicas, daranse cita os vindeiros 24 e 25 de setembro na Facultade de Ciencias da Comunicación para reflexionar sobre a igualdade na creación cultural. Trátase da primeira das catro xornadas que no marco do programa ‘A Cultura é un Dereito’ organiza a área de Cultura da Deputación da Coruña no último cuatrimeste do ano e poñendo o foco no desafío de construír o novo modelo cultural postpandemia.

Baixo o título ‘A igualdade cultural (tamén) é un dereito: feminismos e creación contemporánea na Galiza’ e comisariada por Clara R. Cordeiro, o encontro non só ofrecerá relatorios e mesas de debate e reflexión crítica senón que tamén se complementará con intervencións artísticas e performances para amosar o talento e a calidade da creación feminina actual.

A asistencia a esta xornada é de balde pero o aforo limitado, polo que as persoas interesadas en asistir deben realizar unha inscrición previa a través do formulario dispoñible en aculturaeundereito.gal

O programa comeza o venres 24 e baixo o epígrafe xenérico ‘A creación será feminista ou non será’, contempla un relatorio da escritora e tradutora María Reimóndez sobre creación e lingua fronte a hexemonías; e un panel de experiencias multidisciplinares titulado ‘A cultura como campo de batalla: da violencia patriarcal á resistencia creativa’ no que intervirán a actriz Diana Sieira, a deseñadora Uqui Pemui e a produtora Eire García Cid. Tamén inclúe unha performance a cargo de Marcia Vázquez e Pau Herrero, e remata cunha mesa de debate sobre ‘O colectivo como lugar: visibilidade, denuncia e redes de apoio’ no que intervirán Ana G. Liste do colectivo Xornalistas Galegas, Chelo Loureiro de CIMA Galicia, Eli Ríos da plataforma A Sega, e Marcia Vázquez e Pau Herrero de 85C.

A xornada do sábado leva por título ‘O persoal é política cultural’ e comezará cunha intervención escénica a cargo da actriz Carmen Conde. A primeira mesa de debate, ‘Maternidades creativas: enfoques e relacións entre o laboral, a precariedade e os coidados’, contará coa intervención da crítica de arte Ánxela Caramés, a música Su Garrido, a artista de circo Raquel Oitavén, a artista urbana Diana Rodeiro ‘Nana’, e a actriz Iria Pinheiro. Continuará cun panel de experiencias multidisciplinares sobre ‘o síndrome da impostora’ no que participarán a escritora Antía Yáñez, a artista plástica Rebeca Lar, a ilustradora Bea Lema, e a música Pauliña. O encontro rematará coa presentación da intervención que a artista plástica María Mejide desenvolverá durante os dous días acompañando o proceso discursivo da xornada.

O programa ‘A Cultura é un Dereito’ continuará no mes de outubro co Congreso de Teatro Amador, en novembro coa xornada sobre Museos locais, e rematará en decembro coa xornada sobre Sutentabilidade e Cultura.