fbpx

18ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE)

When:
15 Marzo, 2023 – 21 Marzo, 2023 all-day
2023-03-15T00:00:00+01:00
2023-03-22T00:00:00+01:00
Where:
Museo do Pobo Galego, Numax, Teatro Principal

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico impulsada polo Museo do Pobo Galego celebra a súa maioría de idade fiel ao seu obxectivo fundacional de fomentar o audiovisual como medio de reflexión antropolóxica, e cunha especial atención á perspectiva de xénero. Á presentación oficial da programación desta décimo oitava edición, que se vai celebrar do 15 ao 21 de marzo, asistiron a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; a concelleira responsable de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; o deputado provincial da Deputación da Coruña, Xosé Penas Corral; e o director da Agadic, Jacobo Sutil.

A directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira, debullou as claves desta 18 MICE, que ten como eixo temático a rururbanía, e que celebrará a súa sesión inauguralo 15 de marzo ás 20 horas no Teatro Principal, coa reprodución que o cineasta Pepe Coira fixo do desaparecido filme de Antonio Román Canto de emigración. Unha reconstrución realizada a partir dos materiais que se conservan da película: o seu guión, unha serie de fotografías da rodaxe, e a partitura orixinal da música composta por Teódulo R. Páramos, que interpretará en directo, sincronizada coa proxección, a Orquestra Clásica de Vigo.

Seccións oficiais: Internacional e Galicia

Once traballos optarán ao Premio MICE ao Mellor Filme no capítulo Internacional, sete deles de diversas nacionalidades e catro realizados en Galicia que compiten tamén polo Premio MICE ao Mellor Filme Galego. Así, veremos as estreas en Europa da francesa Porte de Clichy, de Sébastien Marziniak; Las colonias, do cineasta mexicano Luis Lazalde; e o documental arxentino I Nostri Giorni, de Gisela Peláez; e a estrea en España de Detached, de Vladimir Krivov (Federación Rusa). Tamén, o filme ecuatoriano La primera puerta, do Colectivo Súper Cuy; a italiana Aylesbury Estate, dirixida por Carlotta Berti, e o filme español Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró. Entre os títulos galegos, desfrutaremos da estrea mundial de Malgrat, de Santiago Teijelo; a estrea en Galicia de Al otro lado del mar, de Eloy Domínguez Serén e o cineasta colombiano Samuel Moreno Álvarez; e as curtametraxes Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo; e A festa do emigrante, de Sara Traba.

Todos os filmes optarán tamén ao Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, ao  Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección; e ao Premio do Público. A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar o domingo, 19 de marzo, ás 12:30 horas no Museo do Pobo Galego, conducida polo actor e músico Sergio Llauger.

18 anos con perspectiva de xénero

A perspectiva de xénero define esta edición coa que a MICE acada a súa maioría de idade. Segundo destacou a súa directora, Ana Estévez Lavandeira, o 90% do equipo organizador e de produción son mulleres e a porcentaxe de autoras femininas na programación sitúase no 50%. Tamén, un ano máis, o festival dedica unha sección, Impropias, ao cinema etnográfico realizado por mulleres; comisariada pola cineasta Ainhoa Rodríguez, directora do filme etnográfico Destello Bravío.

Como seccións non competitivas volven tamén Trazas, en colaboración co Cineclube de Compostela; e Lindes, co MDOC-Festival Internacional de Documentário de Melgaço como festival convidado.

Entradas, espazos e programación paralela

Toda a programación da MICE é gratuíta e desenvolverase en tres espazos da cidade: o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX. A grella e toda a información sobre como adquirir os billetes pode consultarse na web do festival http://mice.museodopobo.gal/

Ademais das proxeccións, nesta 18ª edición haberá programación para escolares na MICE Petís, formación para profesionais, unha exposición e performance a cargo da artista Marta Valverde, e proxeccións virtuais a través da MICE en liña.

Unha completa programación, que conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de cultura da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.