fbpx

Estupor entre a hostalaría compostelá ante as novas restricións para conter a pandemia da Covid-19

Interior dun local en Compostela antes da pandemia. Foto: Iván Barreiro

Ante o empeoramento da pandemia da Covid-19, o Ministerio de Sanidade anunciou onte novas restricións na hostalaría en toda España e que se aplicarán en Galicia desde este domingo ás doce da noite. Estas medidas son o peche do ocio nocturno (discotecas, salas de baile e bares de copas); a imposición da hora límite de apertura dos locais de hostalaría e restauración ata a 1 da mañá (a partir das doce da noite non se poderán admitir novos clientes); a distancia mínima interpersoal de 1,5 metros no servizo en barra e a distancia mínima entre meses ou agrupacións de mesas de 1,5 metros, cun máximo de 10 persoas cada unha. Ademais, como xa estaba establecido na nosa comunidade desde o xoves, non se poderá fumar nas terrazas se non é posible manter unha distancia de seguridade de 2 metros.

O sector recibiu estas novas con sorpresa e gran preocupación. A Asociación Hostalaría Compostela lamenta que non se lles informara previamente das causas da toma desta decisión. A entidade considera que este tipo de medidas non poden prolongarse no tempo sen unha alternativa de ocio nocturno para a poboación e advirte que esta situación pode levar a optar por outro tipo de xuntanzas en espazos privados onde non hai ningún tipo de control, como si que se estaban a levar a cabo no interior de bares de copas e discotecas (control de aforo, distancia de seguridade, uso da máscara…).

Hostalaría Compostela reclama á Administración a busca dun equilibrio entre a seguridade sanitaria, tanto dos clientes como dos traballadores, e o mantemento dos negocios dun sector do que viven milleiros de familias e do que dependen moitas outras empresas provedoras e distribuidoras. Ademais, fai un chamamento á responsabilidade individual e á realización de probas PCR de xeito indiscriminado como máximo garante da contención do virus.

Na mesma liña, o pub Sónar publicaba onte un comunicado na súa páxina de Facebook no que calificaba esta decisión como inxusta e discriminatoria, «que impón restricións onde se cumpren as normas de prevención e os protocolos ao milímetro, nun local hosteleiro que aposta pola programación de música en directo e demais artes escénicas, que ten traballador@s directos e outros moitos beneficiados indirectos (músicos, técnicos, diseñadores, distribuidores, cartelería, restauración, hotel, provedores varios, etc.)». No mesmo texto fanse algunhas preguntas do tipo: «O virus ataca máis nas salas de concertos? E máis agresivo a partir da unha da mañá? Ou é máis indulxente coa xente nas terrazas de bares e chiringuitos de praia? No Metro, autobuses e avións maréase e non infecta a ninguén?».