Espiño culmina a súa investigación sobre as orixes do pop e o rock en Santiago de Compostela

Alfonso Espiño. Foto: Iván Barreiro

A amalgama de xéneros musicais que se deu en chamar “música moderna” na España dos anos cincuenta foi dando paso timidamente ó rock and roll, que procedente dos Estados Unidos de América, atopou axiña un rexeitamento frontal por parte das autoridades e a prensa do franquismo. En Santiago, o desenvolvemento de actividades musicais populares nun contexto urbano tivo un desenvolvemento temperán, estando en ocasións dotado de características propias.

O músico e investigador compostelán Alfonso Espiño Louro é o autor do traballo, denominadoBeat, pop e rock en Santiago de Compostela (1954-1978)’, defendido o pasado venres 28 de xuño na Facultade de Historia e que acadou a calificación de Sobresaliente cum laude. Dirixido por Javier Garbayo Montabes, ten o seu punto de arranque na observación dos primeiros conxuntos universitarios santiagueses. Espiño destaca ó conxunto Sky, que con compoñentes procedentes da Tuna Universitaria e estudantes de Farmacia en maioría, foron pioneiros na electrificación de guitarras (1954) ou o uso de sintetizadores (1956).

Sky inauguraron coa súa música o Hostal dos Reis Católicos no Ano Santo de 1954, sendo ocupado o seu lugar no hotel polo até agora pouco coñecido conxunto Jarle, que foron o xermolo do popularísimo combo Los Tamara. Os anos finais da década dos cincuenta e os de principios da dos sesenta estiveron caracterizados por conxuntos coma Casbah, Los Psiquis ou Los Tesseo’s, que representaban oficialmente á Universidade de Santiago nos seus actos oficiais. Eminentemente acústicos e con repertorios baseados na música latina, francesa e italiana, foron incorporando paulatinamente elementos de jazz, bossa nova e rock and roll. A crecente demanda de matrícula por parte de estudantes procedentes de Porto Rico favoreceu a creación da Sociedad Universitaria Portorriqueña, que popularizou a música procedente deste país en agrupacións que mesturaban compoñentes santiagueses con antillanos.

A fecunda etapa do beat

O éxito do Trío Los Bardos en 1963 supuxo o cénit da música latinoamericana en Compostela, que xa miraba a Gran Bretaña, en concreto a grupos coma The Shadows e The Beatles. A explosión do beat e do pop anglófilo fixo agromar na cidade decenas de conxuntos entre aquel ano e 1969, deixando entremedias os Ciclos de Música Moderna do Colexio Maior Universitario da Estila, concorridísimas citas polas que se deixaron ver e escoitar os principais conxuntos representativos dos anos sesenta en Santiago, coma Los Chelines, The Music Stars ou Los Rebeldes.

Nos anos setenta, a influencia dos expoñentes da Nova Canción Galega e o triunfo comercial de cantantes coma Andrés do Barro xerou proxectos coma Brétema ou N.H.U., nos que as letras en galego cobraron gran relevancia. Nos albores da Transición, o crecente interese do público galego pola música folk evidenciou unha minguante relación de grupos rock e pop, estilos en decadencia naquel tempo.

Outra das achegas da tese de Espiño foi a identificación dun artigo periodístico en El Correo Gallego que permitiu pescudar a orixe, até agora descoñecida, da canción Mean Mr Mustard de The Beatles. O xornal santiagués publicou en 1967 a nova que na súa versión inglesa do Daily Mirror inspirou a John Lennon para compoñer a canción que se publicaría no álbum Abbey Road (1969).

ENTREVISTA

Espiño: «No meu disco hai detalles que fan que cada vez que o escoites, atopes algo novo»