fbpx
CompostelaReportaxes

Escribir en Compostela

Libros en Lila de Lilith. Foto: Iván Barreiro
Libros en Lila de Lilith. Foto: Iván Barreiro

O acto de escribir é algo íntimo e solitario. Nace dunha necesidade de contar tan antiga como nós mesmos. O ser humano necesita expresarse.

Con todo, o capitalismo converteu a literatura en todo un mercado, ás veces voraz, ás veces máis amigable, como é o caso da literatura galega. Pero, en calquera caso, desde que un escritor comeza a incubar unha idea nas súas entrañas ata que ti, querido lector, acariñas a portada dun libro sobre a mesa de calquera libraría, existe todo un camiño que analizaremos nesta reportaxe;  un mundo formado por creadores, editores e libreiros.

E é que pór na rúa un libro non é tarefa fácil, especialmente nun país onde, segundo datos do último Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros, un 40% dos españois afirma “non ler nunca ou case nunca” e, a xulgar polas listas de vendas, ten máis éxito Terelu Campos que Paul Auster.

Quixemos ademais palpar o pulso particular do estado da literatura en Compostela, cos seus claroscuros.

Contemos a historia dun libro calquera, o que poidan alumar escritoras como Anna R. Figueiredo, que un bo día deu o salto do relato curto á novela sobre as miserias da emigración moderna, ou María Reimóndez, que entre Vigo e Compostela leva anos narrando historias con transfondo feminista.

Contemos a historia de editores que se arriscan como Fernando Cimadevila, de Contos Estraños, filla fantástica de Urco Editora, que naceu  da necesidade de dar voz a un xénero inexplorado na literatura galega.

Contemos a historia de libreiras valentes como Patricia Porto, da libraría Lila de Lilith, un espazo feminista para crear, compartir e coñecer.

A escritora Anna R. Figueiredo, na cafetería do Hotel Costa Vella. Foto: Iván Barreiro
A escritora Anna R. Figueiredo, na cafetería do Hotel Costa Vella. Foto: Iván Barreiro

O amor por escribir        

O relato do noso libro imaxinario podería comezar en calquera cafetería, como a do Costa Vella, onde citamos a Anna R. Figueiredo. Ela mesma recoñécenos que acode moitas veces a escribir aquí. Poucas cousas hai máis literarias que un escritor esbozando palabras nun café calquera. Metatexto, contexto, subtexto e intrahistoria encérranse nesta simple confesión da escritora entrevistada.

Anna, ten nome de personaxe de Ingmar Bergman, é unha doutorada en Física pola Universidade de Sheffield. A súa primeira novela, ‘Os bicos feridos’, unha historia sobre esa gran broma xeracional do “se estudas moito, terás un bo traballo”, obtivo o Premio Viadutos de Novela 2018, logrando así o pase directo á primeira división: publicar con Galaxia.

De onde veñen os escritores? Preguntámoslle a Anna, a ver se ten algunha pista. Anna conta que  foi lectora antes de escritora.

“Defínome como escritora. Para min escribir é unha necesidade. O estraño é non escribir”, di.

Esta autora, que durante o día desdóbrase en profesora de Física  -“na Ciencia tamén hai creatividade, contamos historias”-, obrígase a “escribir todos os días”, consello este común  de todos os escritores, e que tamén comparte María Reimóndez en conversa telefónica.

“A escribir apréndese escribindo”, explica María.

E lendo. E indo a obradoiros de escritura. E presentándose a concursos. “E dando a ler a outros o que escribimos, preferiblemente persoas que adoiten ler habitualmente, para recibir comentarios e críticas”, engade María.

Tanto María como Anna coinciden en que Compostela é unha cidade ben dotada para a escritura. Anna defínea como “máxica” debido a que existen múltiples “lugares de encontro” -librarías como Cronopios, Couceiro, Chan da Pólvora; cafeterías como Airas Nunes ou o Casino, que está a impulsar a difusión das obras do Premio Novela Europea; espazos artísticos como Os Catro Gatos- onde acollen desde presentacións de libros a clubes de lectura, obradoiros, recitais ou charlas. Ademais, existe a posibilidade de “coñecer persoas de diferentes disciplinas. Hai moita xente que escribe, quedamos para cafés, ceas, intercambiamos historias, técnicas…En Compostela púidenme sentar cun dos meus mitos: Suso de Toro”, relata Anna.

Pero, como se chega a publicar cunha editorial? É tan complicado como din? Un chega ao momento de desesperación de John Kennedy Toole e a súa famosa conxura? E unha vez que se asina o contrato coa editorial, é tan tortuosa a relación?

Anna e María desmitifican o camiño. Non é fácil, hai que ter “paciencia”, coinciden ambas, debido aos prazos das propias editoriais, ademais das características das mesmas, moitas delas pequenas e independentes, nadas á calor de Internet.

María recomenda achegarse directamente a elas, algo relativamente fácil en Galicia. A escritora tamén destaca como vantaxe – ás veces hai que facer da necesidade virtude – a escasa mercantilización da literatura galega. Non existe a monstruosa maquinaria de mercadotecnia das grandes editoriais en castelán así que, aínda que as editoriais locais non arroxan grandes cifras de vendas, permiten maior liberdade creativa aos autores.

Ademais, tanto Anna como María recoñecen que as súas respectivas editoriais foron respectuosas cos textos orixinais, sen sentirse obrigadas a realizar cambios substanciais nas súas obras.

O editor Fernando Cimadevila, na cafetería Agarimo. Foto: Iván Barreiro
O editor Fernando Cimadevila, na cafetería Agarimo. Foto: Iván Barreiro

Editoras

Unha vez que o escritor lle pon punto e final á súa obra, chega o momento de que esta comece a viaxe en busca dun editor que vexa suficiente creatividade e potencial comercial como para decidir publicala; se é que o escritor non decide acudir a fórmulas alternativas como a autopublicación, os ebooks e o crowdfunding.

Para falar do mundo editorial, sentámonos con Fernando Cimadevila, que en 2011 propúxolle a Urco Editora crear un selo especializado en “literatura fantástica galega”, un xénero propio e que non quería parecerse a nada do que se fixera antes. Foi así como alumou Contos Estraños, centrado en autores galegos de terror, ciencia ficción e o que eles denominan “agroterror”, historias ambientadas no rural galego, caracterizado por esa atmosfera desasosegante da soidade das grandes paisaxes galaicas.

Acollen así a autores como Manuel Lourenzo, Ramón Caride, Xurxo Esquío… e apostas arriscadas como “Plug & Play”, colección de relatos de ciencia ficción erótica. Con todo, Fernando conta que, aínda que eles “arriscan e publican o que lles gusta”, non todas as editoras actúan así.

“As máis grandes non están demasiado abertas a publicar a autores novos porque as vendas non están garantidas”. Por tanto,  se un escritor se achega a unha delas, terá que armarse de “paciencia” xa que os tempos de espera son longos.

Como contrapartida, a crise e Internet fixeron proliferar pequenas editoras coas que un autor novel pode probar sorte para “facerse nome”.

Do mesmo xeito que nos contaban Anna R. Figueiredo e María Reimóndez, Fernando recomenda aos novos creadores introducirse no ambiente literario, facer contactos, acudir a concursos e, sobre todo, “gozar escribindo”.

“En Contos Estraños á hora de decidir publicar un texto, guiámonos non só pola orixinalidade -aínda que é difícil sorprender a  un editor se coñece a fondo a ciencia ficción-, senón tamén pola calidade técnica, o ritmo narrativo, e que estea enfocado a xente nova, pero sen a moralina que en tempos pasados víase nos libros enfocados aos institutos”.

E para ser editor? Que cualidades hai que ter? “Pois moita ilusión porque o que gañamos serve para reinvestir (ri Fernando), visión, cultura literaria e man esquerda, xa que temos que saber tratar cos autores”.  Ás veces os escritores  son como fillos díscolos.

Fernando termina coa mensaxe de que ser editor supón tamén unha “obriga moral”, xa que calquera industria cultural debería de dar oportunidades a xente nova.

En Santiago sitúase a Asociación Galega de Editoras, que agrupa ás especializadas en literatura galega.

Patricia Porto, en Lila de Lilith. Foto: Iván Barreiro
Patricia Porto, en Lila de Lilith. Foto: Iván Barreiro

As librarías, o soño romántico

E unha vez que por fin o libro fíxose carne (ou papel e tinta), chega o momento de distribuilo nas librarías, que adoitan quedarse cun 30% aproximadamente dos ingresos por vendas do libro.

Pero mais aló das cifras, as librarías son  eses redutos culturais que contribúen a facer cidade, tal como reivindican as libreiras Patricia Porto (Lila de Lilith) e Mercedes Corbillón (Cronopios).

“As librarías xa non son simples contedores de libros”, lembra Mercedes.  Forman parte do tecido cultural grazas ás súas múltiples actividades.  Clubes de lectura, presentacións de libros, obradoiros de escritura, contacontos… son só parte da oferta que podemos atopar, nun sitio como Compostela especialmente ávido deste tipo de actividades. “Nese sentido somos unha cidade privilexiada, vivimos unha auténtica efervescencia cultural”, comenta Patricia.

Na era da lectura dixital, que achegan as librarías? Por que seguir con ese soño romántico? Patricia e Mercedes coinciden: son espazos vivos onde os lectores teñen a oportunidade de coñecer aos creadores; forman comunidade (entre lectores ou entre escritoras, como é o caso de Lila de Lilith, punto de referencia de autoras feministas); intercambian recomendacións -Mercedes conta que en Cronopios ela e o seu equipo recomendan aos lectores só o que lles gustou-, reciben un trato próximo, asesoramento…  En definitiva, factor humano, algo que de momento non nos dá Amazon.

Ademais, as librarías teñen algo de lugar onde perderse e soñar. “Os libros están coidados”, di Patricia.

Por onde van os gustos dos lectores? Que é o que máis se vende? “No caso de Cronopios, literatura infantil e novela, salvo “Fariña”, que foi un éxito inesperado. En canto a autores galegos,  teñen moito éxito Arantza Portabales e Inma López Silva. Ultimamente vemos que interesa moito o tema do feminismo”.  Mercedes coincide con Patricia, cuxa Lila de Lilith céntrase nos xéneros de ficción, ensaio e literatura infantil e xuvenil desde unha perspectiva feminista.  É o que se chama “librarías feministas”, das que existen 50 no mundo.

“Nós notamos que o público demanda cada vez máis literatura feminista. A xente interésase pola sexualidade e  os afectos cunha visión de xénero, aínda que tamén percibimos interese polo tema da maternidade. Mulleres que tentan conxugar o seu papel de nais co de militantes”, conta Patricia. “Ademais, desde as editoriais están a recuperarse a autoras que foran borradas da historia; vemos máis oferta de literatura feminista nos catálogos; e os lectores cada vez pídennos máis a autoras clásicas como Virginia Woolf ou Simone de Beauvoir”, explica.

De que madeira ten que estar feito o libreiro? “Buscamos o fomento da lectura -deberían facerse campañas para que non se perda o hábito no paso á idade adulta- e o compromiso coa cultura galega”, defende.

“Vocación e ganas de compartir” é o que cre Mercedes que hai que ter para montar unha libraría nos tempos que corren.

Quizais estes valores tamén sirvan para os que se atrevan a escribir ou a editar un libro nun mundo onde as enquisas mostran cifras desoladoras de pirataría e de lectura, baixo a escusa da falta de tempo.

Que Paul Auster nos perdoe.