fbpx
De librosGalicia

Escribir A Catro Voces

MJ, Silvana, Ruth e María. Foto: Mino de Andrade

Inaugurar unha sección nunca é fácil. Comezamos sempre coas mellores intencións, pero  non sabemos cara onde camiñará o noso bebé, algo así como cando empezas a escribir un libro. Casualmente –ou non- neste número veño presentarvos ‘De libros con Ruth’, un novo espazo de Pincha onde falaremos dos nosos escritores e escritoras, que en Compostela son moitos. Quixo a xefa de todo isto, Rebeca Munín, que estreara a sección falando de min, deste proxecto de escritora que eu mesma encarno. Así que vos traio a historia do meu fillo literario ‘A cuatro voces’, que viu a luz este mesmo verán, tras unha xestación longa e compartida con outras catro magníficas nais, responsables da idea de traer ao mundo a  este neno de portada azul: as escritoras Silvana Lameiro Micciche, María Pérez Prol eMaria João Matos, ademais da ilustradora Jun Fernández.

A orixe

Toda historia ten un principio, e seguindo a estrutura clásica de introdución, nó e desenlace, á de ‘A Cuatro Voces’ remóntase a unha tarde de novembro de 2014, cando as catro nos coñecimos nun curso de escritura creativa na Universidade de Santiago de Compostela. Tras uns meses intensos de escritura, os nosos camiños continuaron os seus propios percorridos, pero sempre “acabamos coincidindo”, en palabras de Silvana, entrelazándonos a pesares do tempo e da distancia –Maria Joãoestivo un tempo en Cambridge e Silvana en Heidelberg-. 

Ademais, cada unha realizou proxectos literarios de forma independente (antoloxías, exposicións, colaboracións en libros, publicación de relatos en webs culturais…). Antes de ‘A Cuatro Voces’, Maria Joãoe Silvana traballaran xuntas no libro colectivo ‘Contos ao revés’, quizais o preludio inconsciente da nosa obra.

Como nacen os libros? Non o sei, pero creo que o noso foi concibido unha mañá de verán de 2018 nunha conversa entre Silvana e máis eu: Que que bonito sería reunir os nosos relatos; que por que non o intentamos; que que tal se llo propoñemos a Maria João(MJ, como a chamamos agarimosamente) e a María; que sería xenial que Jun os ilustrara…

Tal como di MJ, “vimos que tiñamos unhas voces literarias moi diferentes, pero que poderían xogar ben xuntas”.

 E cando nos quixemos dar conta, era outono e estabamos inmersas no arduo proceso de autopublicación.  E digo arduo porque, aínda que asemelle sinxelo contratar a unha editorial para que se encargue dos pasos da corrección, maquetación, impresión e asuntos legais, como autoras tivemos que sacar tempo de onde non o tiñamos para supervisar toda a produción. O camiño foi duro, pero ninguén dixo que combinar a vida cotiá –traballo, familias, nenos, escolas, facturas, compras, comidas, viaxes…-  coa arte fora sinxelo, sobre todo cando se pon o máximo amor no que se fai. 

A vantaxe foi que, a pesar dos vórtices de tarefas diarias e ás veces da distancia física, “a comunicación entre nós para traballar sempre fluíu ben”, explica Silvana, o cal resultou imprescindible para que un proxecto así rematara con éxito.

Tamén rabúñaselle tempo ás horas libres, ás noites, fins de semana, vacacións, “porque o que facemos nos apaixona”, di Silvana; e á contorna familiar, a cal apoia “aínda que haxa xente que non entenda que te dediques a algo que non che dá cartos”. Hai sorrisos con este comentario, pero tamén un sentimento compartido.

Jun amosando unha das súas ilustracións. Foto: Mino de Andrade

Contido ‘A cuatro voces’

A historia ten final feliz. A nosa presentación en sociedade foi o pasado 18 de xullo na libraría Lila de Lilith, acompañados pola miña compañeira Rebeca Munín, e por todas as persoas que nos alentaron durante este tempo, ademais de lectores que se achegaban por primeira vez á nosa proposta.

 ‘A cuatro voces’ é un conxunto de 19 narracións diferentes entre si, creadas en diferentes épocas; con temas que van desde o intimista ata o fantástico, a ciencia ficción ou o realismo sucio de personaxes nocturnos e rueiros.

Ao longo dos relatos descóbrense os persoais universos de cada unha:o mundo fantástico, un pouco costumista, e escuro de María Pérez Prol –especialmente  no relato ‘Capítulo Oscuro’, sobre a noite máis negra dun escritor-; o lirismo e intimismo con reminiscencias de Virginia Woolf de Maria João, historias moi persoais vencelladas con vivenzas; as personaxes ao límite  e o humor surrealista e inesperadamente tenro de Silvana –“teño un mundo interior moi florido, e a escritura ten algo de terapéutico que axúdame a sacar o que levo dentro”-; ou os seres solitarios das hiperconectadas cidades actuais, nas que  estamos máis sós que nunca, que atoparedes nos meus relatos.

As ilustracións

As ilustracións de Jun Fernández -formada na facultade de Belas Artes de Pontevedra e na Akademie für Illustration und Designde Berlín- para  cada un dos relatos son parte fundamental da obra e un dos seus elementos diferenciadores. Decidimos ilustralo porque iso lle daba “forza ao libro”, apunta María, e “nos servía para ver que sentía outra persoa ao lelo”.

Ademais, entendémonos con ela desde o primeiro instante, e foi capaz de “captar o miolo do que cada unha quería contar”, resume Silvana; a pesar da complexidade inicial de traballar con catro escritoras diferentes con relatos sen fío condutor común. 

“Para min foi un reto, pero agradezo moito a liberdade que me brindaron en todo momento”, comenta a Jun.

O futuro

Mentres cada unha pensa en próximos proxectos no eido do relato curto ou da “novela gráfica” (no caso de María), as autoras imaxinan o seu propio destino dentro dos muros desta cidade. “Compostela é unha explosión de creatividade”, segundo Silvana. “Pasan moitas cousas ao mesmo tempo”, cre  MJ. Ela vive a escrita como “unha forma de expresión”, mentres que María e Silvana confesan que para elas “escribir é todo”. Silvana séntase a escribir todos os días desde hai dous anos, e froito desa constancia nos próximos meses verá a luz o seu primeiro libro de relatos en solitario: “Con pequenos intervalos atmosféricamente poéticos”.

Todas coincidimos en que lemos e escribimos en calquera lugar. Móbiles, libretas ou mesmo un pano de mesa son bos soportes para atrapar ideas antes de que fuxan cando vén a inspiración. Os disparadores de creatividade: xente que pasa, fotos, conversas, cousas pequenas… “A poesía está en todas partes”, conclúe Silvana.

De momento, mentres aluman novas historias, desexamos que os lectores gocen deste ‘A cuatro voces’ tanto coma nós gozamos escribíndoo.

 

‘A CUATRO VOCES’

Editorial: Letrame 2019

Autoras: María Pérez Prol, Ruth Ríos, Maria João Matos e Silvana Lameiro Micciche

Puntos de venda:

-Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7).

-Cronopios (Alfredo Brañas, 24).

-Aenea (Rúa Irmáns Rey Alvite).

-Couceiro (Praza de Cervantes, 6).

-Pedreira (Rúa do Home Santo, 55).

-Os Mundos de Carlota (Rúa de San Pedro, 52).

- Follas Novas  (Montero Ríos, 37). 

Ou compra en Amazon amzn.to/30jnkge 

E tamén en A Pobra de Caramiñal e Ferrol. Puntos de venda e información en: https://www.facebook.com/acuatrovoceslibro

Instagram @acuatrovoceslibro