fbpx
CompostelaCulturaNovas

Escenas do Cambio regresa en febreiro con moito protagonismo feminino

Presentación Escenas do Cambio.

A Xunta de Galicia renova para 2021 o seu festival de inverno, de teatro, danza e arte en acción na Cidade da Cultura, Escenas do cambio, concentrando nunha fin de semana longa de febreiro −desde o xoves 18 ao domingo 21− un total de 11 propostas escénicas procedentes de cinco países: España, Portugal, Francia, Reino Unido e Xapón. Destas pezas, dúas serán estreas absolutas e tres poderán verse por vez primeira en España neste certame, que contará nesta sétima edición con nova directora, a galega Lola Correa.

Así o avanzou na rolda de prensa de presentación de Escenas do cambio 2021 o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, quen estivo acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; da directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; da concelleira de Cultura do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; da directora do festival, Lola Correa; e dunha representación galega de artistas e compañías que participan: as directoras teatrais Marta Pazos, de Voadora e Ana Vallés, de Matarile Teatro, e as coreógrafas Begoña Cuquejo, Clara Ferrão e Paula Quintas.

Unha importante representación de creadoras nesta rolda de prensa, en consonancia cun festival que sempre rexistra unha alta presenza feminina, como é o caso tamén desta edición, dirixida agora por unha muller. Este marcado acento feminino foi posto en valor pola secretaria xeral da Igualdade na súa intervención como institución colaboradora de Escenas do cambio.

Dúas estreas absolutas

Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura afondou na súa intervención nas estreas coas que vai contar o festival. Deste xeito, explicou que as absolutas recaen en Conversaciones 10. Sobre la distancia da performance madrileña Ana Matey; e en Escenas en danza, da que destacou que se trata dunha peza creada ex profeso para a Cidade da Cultura. Representarase en diferentes espazos do complexo do Gaiás para o que se conta con seis das mellores bailarinas e coreógrafas de Galicia: Nuria Sotelo, Begoña Cuquejo, Kirenia Martínez, Clara Ferrão, María Roja e Paula Quintas.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo quixo remarcar a importante pegada que ten sempre neste festival de artes escénicas a danza, “á que se lle da o espazo que merece como unha das grandes disciplinas, tamén en Galicia, como demostra este elenco de seis coreógrafas que están a triunfar tamén fóra das nosas fronteiras coas súas propostas”, argumentou.

Tres estreas en España

En canto as obras que poderán verse por vez primeira en España grazas ao festival, a directora de Escenas, Lola Correa, enxalzou a participación do recoñecido coreógrafo xaponés Hiroaki Umeda, quen representará en streaming e desde Toquio a impactante Intensional Particle. Ademais, ao remate ofrecerá unha conferencia en liña “permitíndolles aos e ás asistentes poder interactuar en tempo real cun dos artistas actuais máis na vangarda no eido da danza contemporánea”.

Escenas do cambio 2021 tamén suporá acoller a estrea en España de Romeo e Julieta a partir do Prokofiev, de Miguel Moreira e Útero Teatro. Lola Correa apuntou que este recoñecido dramaturgo e a súa compañía son “un referente da innovación escénica en Portugal e contar con eles supón sempre poder gozar de propostas transgresoras e anovadoras”, como mesmamente é esta peza atípica, polo seu inusual final, da obra de Shakespeare.

A terceira estrea vén da man de Voadora, compañía galega cun impresionante palmarés de premios, un recoñecemento que vai á par coas boas críticas que reciben as súas creacións e a boa acollida do público a todas as súas propostas. Escenas do cambio é un festival no que sempre soen contar con espazo para amosarnos os seus novos traballos. Neste caso, trátase de Sincro, unha peza na que Marta Pazos, como directora e protagonista, explora dun xeito valente aspectos íntimos e familiares da súa vida.

Programa multidisciplinar, internacional e innovador

Completan este programa propostas multidisciplinares como un obradoiro poético de escribir poemas en mistos, impartido por Julio Fer na Fundación Eugenio Granell ou un paseo polas rúas de Compostela co mesmo Robert Walser, interpretado por Marc Caellas, creador que repite no certame con Suicide notes. Estas pezas amosan a expansión, unha edición máis, da programación de Escenas do cambio desde o complexo Gaiás ao centro de Santiago, ao que se lle suma a representación no Centro Dramático Galego da peza portuguesa Antes, de Teatro Praga, unha orixinal e hilarante proposta que xunta un psicoanalista e un dinosaurio.

A representación internacional tamén inclúe a Francia con El cómo quieres, de Toujours après minuit, unha compañía creada por Brigitte Seth e Roser Montlló Guberna, que son á vez directoras e intérpretes: e do Reino Unido, Psychodrama, a primeira peza colaborativa creada e interpretada polo escritor, actor e músico canadense Christopher Brett Bailey e a compañía de escena experimental Sleepwalk Collective.

Esta programación internacional de Escenas do cambio non eclipsa outros dos sinais de identidade do festival: o de ser escaparate do que está a facer neste intre o sector galego,  tal e como demostran as pezas Sincro, Escenas en danza e El diablo en la playa, doutra das compañías de Galicia co maior proxección fóra e dentro de Galicia, como é Matarile Teatro.

Colaboracións
Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2021 conta con entidades colaboradoras galegas como o Centro Dramático Galego, o Concello de Santiago e a Fundación Eugenio Granell, dentro da liña de estender a programación máis aló do Gaiás. Ademais, de fóra de Galicia colaboran o INAEM, o Institut Français, o Institut Ramón Llul e o Instituto Camões.

Toda a información da programación de Escenas do Cambio 2021 está na páxina da Cidade da Cultura de Galicia e tamén na do festival.