fbpx

Entroido compostelán con desfiles de disfraces e Xenerais da Ulla e un Meco inspirado no ex comisario Villarejo

Presentación do Entroido. Foto: Concello de Santiago
Presentación do Entroido. Foto: Concello de Santiago

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, deu conta hoxe da programación do Entroido, nun acto celebrado no Teatro Principal no que tamén se desvelou o aspecto que terá este ano o Meco. Na presentación participou tamén o creador da figura, José Manuel Méndez, e deuse a coñecer o cartel das festas, deseñado polo artista Marcos Vigo.

Méndez explicou que o Meco está inspirado este ano na personaxe de José Manuel Villarejo, o ex comisario da Policía que se atopa en prisión provisional acusado dos delitos de organización criminal, suborno e branqueo de capitais. Por iso «o boneco leva nunha man micros e sistemas de escoita, os petos cheos de billetes, e nas mans a carpeta na que se agocha para facer as súas típicas escapadas a paso lexionario»

Como é tradición, o Meco será quen abra o Entroido de Santiago, o sábado 2 de marzo, co seu desfile dende a praza de Cervantes ata a praza do Toural acompañado polas comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño. A figura subirá ao balcón do Prazo de Bendaña para vixiar desde alí o desenvolvemento das festas, que arrancarán co pregón a cargo de Manuel Jabois. Despois do discurso do xornalista, haberá un espectáculo de patinaxe sobre zancos a cargo do grupo colombiano Tchyminigagua, que percorrerá a rúa Nova, a praza de Praterías, a rúa do Vilar e a praza do Toural.

Concurso infantil de disfraces
O domingo 3 de marzo haberá animación de rúa dende as 10:30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo, acompañada da charanga Os Atrevidos. O seu percorrido arrincará de Conxo e rematará na rúa da Raíña despois de percorrer as rúas Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Xeneral Pardiñas, Alameda, praza do Toural, rúa Nova, Praterías, rúa do Vilar e rúa do Franco.

Na mañá do domingo tamén está programado, no Teatro Principal, un concerto da Banda Municipal de Música de Santiago en colaboración coa asociación Amigos da Ópera de Santiago. O recital dirixido por Casiano Mouriño estará protagonizado por Lucía Tavira, soprano cordobesa gañadora do I Certame Compostela Lírica.

A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos. A festa estará animada por A Run Run, co seu espectáculo Déixalle ao Dillei, e haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés.

Os nenos e nenas serán tamén os protagonistas das propostas programadas para o luns 4 de marzo. No Pazo de Bendaña haberá obradoiros de máscaras surrealistas entre as 12:00 e as 14:00 horas, con entrada libre ata completar as prazas dispoñibles. Pola tarde, de 18:00 a 20:00 horas, Pesdelán dirixirá un obradoiro de danzas de Entroido, tamén no Pazo de Bendaña. Para esta actividade é preciso inscribirse previamente no correo electrónico teatroprincipal@santiagodecompostela.gal. Pola tarde tamén haberá pasarrúas coa charanga Estradens Band, dende a praza Roxa ata a rúa de San Pedro.

Martes de Entroido
O día grande do Entroido, o martes 5, arrincará co obradoiro de xenerais da Ulla que se celebrará no Pazo de Bendaña de 12:00 a 14:00 horas.

Xa pola tarde, terá lugar o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17:30 horas, e que percorrerá as rúas Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20:00 horas terá lugar a presentación do espectáculo Antroidanzas, con Pesdelán, e posteriormente a entrega dos premios do desfile.

No desfile do Martes de Entroido vanse repartir preto de 14.000 euros en premios en seis categorías: carrozas, comparsas, grupos, mellor parella, mellor disfrace individual e mellor comparsa de parroquias ou barrios do Concello de Santiago.

Xa ao día seguinte, o mércores 6 de marzo, Santiago despedirá o Entroido coa Queima do Meco na praza Roxa, despois do seu desfile dende a praza do Toural pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. A comitiva irá acompañada de A Ruliña de Laraño e da charanga Estradens Band, e de todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.

Xenerais da Ulla
A programación do Entroido complétase coas actividades desenvolvidas na Rede de Centros Cívicos, e tamén co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla. Os atranques xa se celebraron no Castiñeiriño, Marrozos e Angrois, e escoitaranse aínda o 2 de marzo en Aríns e o 3 de marzo no Eixo.