fbpx

Elena Ferro: «Antes a xente avergoñábase dos zocos pero hoxe sacámoslles un sorriso»

No 2019 Elena Ferro gañou o Premio Nacional de Artesanía, un recoñecemento que adicou ás labregas e labregos. "Antes moita xente avergoñábase de usar zocos porque era o calzado da xente máis humilde. Agora sacámoslles un sorriso. Este premio di que estamos aquí, que os zocos non morreron", cóntanos na que é a nosa última 'Entrevista con Xeito'.

Fai tres meses que comezamos este especial con artesáns e artesás que contan coa marca de Artesanía de Galicia. Sesenta días nos que pouco a pouco demos a coñecer o traballo feito a man de decenas de profesionais. E que mellor maneira de rematar que coa premiada eferro.

No seu taller en Merza (Vila de Cruces) elabora distintos modelos de zocos nos que, respectando as dúas funcións máis importantes do zoco tradicional -que sexan quentes e que non pasen a auga- crea numerosas posibilidades con cores, formas... "O máis importante de calquera calzado é que sexa cómodo pero tamén ten que ser atractivo á vista", opina Elena. Se queres saber como é o seu xeito de traballar, dálle ao play no seguinte vídeo! 🙂