‘El Camino más dulce’ daranos a coñecer desde o 2 de abril as sobremesas máis típicas do Camiño Mozárabe

Xa queda moi pouquiño para que arranque a aventura da nosa amiga e colaboradora Vicky Morales! O próximo 2 de abril comezará a súa peregrinación desde Córdoba ata Santiago, a onde ten previsto chegar o 15 de maio. O obxectivo deste proxecto, denominado ‘El Camino más dulce’ é o de poñer en valor o Camiño Mozárabe e dar a coñecer as súas sobremesas típicas.

Vicky, cordobesa de nacemento pero picheleira de adopción, presentou esta iniciativa o pasado venres nas instalacións de El Corte Inglés, acompañada do seu director de comunicación en Galicia, Pati Blanco. “Sinto dunha maneira moi persoal a unión entre as miñas dúas cidades e quiero compartir El Camino con todas aquelas persoas que queiran formar parte del e se animen a seguir esta aventura a través da páxina web e das redes sociais”, explica a tamén autora do blog Taller de Azúcar.

1.000 quilómetros a pé

‘El Camino máis dulce’ pretende ser un vehículo de coñecemento do Camiño Mozárabe a Santiago, un proxecto cultural e gastronómico a desenvolver ao longo da Ruta Mozárabe (unida en Mérida á Vía da Prata), un camiño de investigación e promoción da gastronomía doce tradicional dos pobos do percorrido. Os obxectivos de Vicky, que percorrerá a pé os 1.000 quilómetros que separan as dúas cidades, son promocionar e dar a coñecer o Camiño Mozárabe, pouco coñecido e transitado, sobre todo nas súas primeiras etapas; e destacar a gastronomía durante toda a ruta, centrándose na pastelería tradicional. Tamén pretende recuperar e compartir as receitas que vaia descubrindo na ruta, poñer en valor as tradicións de cada pobo, a súa historia, riqueza natural e arquitectónica e unir lazos entre Córdoba e Compostela, cidades que ratificaron o seu irmandamento no 2010.  A cordobesa escribirá un diario de viaxe recollendo os datos máis relevantes de cada etapa.