fbpx
CompostelaReportaxes

Do sushi ao origami: Un chisquiño do Xapón en Santiago!

Megumi no Kayuen. Foto: Iván Barreiro
Megumi no Kayuen. Foto: Iván Barreiro

Esta lectura deixaralles un lixeiro sabor a atún, arroz, algas e soia… Mesmo a sake! A min pasoume co meu primeiro libro dunha autora xaponesa: ‘El cielo es azul, la tierra blanca’, que por certo transcorre nunha taberna, como esta historia…

Para viaxar ao Xapón deberíamos como mínimo coñecer algún escritor, ver algunha peli de debuxos desas tan fantásticas e preciosas! (Como ‘El mundo de Chihiro’, coa que chorei de ‘bonitírma’ que é!) Probar a comer con palillos (sigo sen dominalos) e coller comida no Kayuen, en Montero Ríos. Malia que hai moitos sitios onde probar sushi en Santiago (occidentalizado, non o dubidedes!), ningún máis está feito por mans xaponesas!

Yuko Kayumi chegou a nosa cidade de casualidade, buscando un niño onde acougar, logo de vivir en Madrid, onde se dedicaba a súa verdadeira profesión, a pintura, e de comprobar que as súas alerxias e o traballo do seu marido non se ían levar moi ben. Así que despois de moito viaxar polo mundo e de caer enferma en África, apareceu en Compostela e decidiu abrir un pequeno local, estreito e longo, cheo de cor e de abanicos con debuxos de tigres e geishas! Entre a desorde de libros, palillos de madeira con distintos decorados, libretas con personaxes de cómics, papel de cores para facer figuriñas de origami e calcomanías con formas de peixes e de sushi, traídas directamente do Xapón… Atopamos a Yuko coas mans na masa… ou no arroz! Viaxa dúas veces ao ano a súa terra, a un pequeno pobo chamado Shigaraki, onde visita a súa nai e de paso trae -para deleitarnos- moitos produtos e sobre todo salsas. Gústalle a comida galega, aínda que non come carne e di que aderezamos pouco! (Rimos).

No frigorífico do Kayuen hai ensalada de algas, distintos tipos de sushi, as boliñas de arroz que comía Shin-Chan (que ilusión me fixo! Chámanse onigiri), de salmón, atún, polo ou de cirolas (aínda que esas son bastante fortes e non chas recomenda se es principiante). Tamén hai futomaki, makis, washoku, yakisoba, gyoza, etc. Cada paquetiño de comida leva a súa salsa, é todo fresco e recoméndache que o comas no día! Enviciada me ten! Delicioso todo.

Lecturas xaponesas

Yuko é moi tímida e fala pouco español, o xustiño. É sincera e moi agradecida, reservada e parca en palabras. Logo de facerlle unha pequena entrevista (porque a súa comida probeina antes de todo, faltaba máis!), recordei a miña primeira lectura do país nipón. Porque como di a miña asesora en lecturas proveitosas, Patricia da Libraría de Mulleres Lila de Lilith, “en Occidente estamos moi acostumados a acción, a rapidez, ás presas, á execución… E para gozar do mundo Oriental e dos seus autores, debemos míralo dende outra perspectiva máis sosegada e pausada, con calma”. Na súa libraría, como en A Reixa Tenda, podedes atopar distintos autores e autoras nipóns. Entre as suxestións de Patricia non poden faltar Murakami, que ademais ten varios títulos traducidos ao galego, tamén Kaori Ekuni, Hiromi Kawakami (autora do libro que vos dixen arriba) e non esquezades os libros ilustrados, que son máxicos como as caricaturas! Ou os de poemas breves, coñecidos como haikuse que se basean nas emocións derivadas de contemplar a natureza.

Por certo, hai outros moitos sitios en Santiago onde comer sushi, dende o Santiago Kyoto, pasando polo Toyama, A Casa da Viña, o Casino, Casa Marcelo, pero non esquezades pasar -teño que insistir- polo Kayuen, da nosa amiga Yuko! Aínda que me queda probar o que fai Megumi Shiozawa, a presidenta da Casa Galicia-Xapón, a primeira xaponesa que tivo un restaurante nesta cidade (no ano 2000) e unha gran amante do bo comer. De feito, para cando acabedes de ler, agardo estar con ela probando os pratos dun coreano! (Chisco e río).

Megumi cóntame que o sushi non é o que máis comen os xaponeses. Aínda que agora sexa tan comercial e que o podamos atopar case en calquera parte, na súa casa cando era pequena, súa nai rara vez o facía, aínda sendo cociñeira (tres ou catro veces en toda a súa vida), porque é algo caro e propio máis ben das celebracións. Megumi aprecia moito a materia prima de Galicia e cre que temos moito respecto polo produto, “por iso é probable que aos xaponeses lles guste a cociña tradicional galega, por respectar os sabores, e porque tanto eles coma nós, comemos de to-do! Cousas para outros moi raras ou pouco agradables, como opulpo!”. Afirma que “canto máis sinxelo é un prato, máis difícil é de facer ben, como a cociña con produtos crús”. Por iso fala da dificultade de facer e de comer un bo sushi (ou de beber un bo sake) e de aí que lles estrañe a popularidade que ten por aquí.

Os alimentos básicos para os xaponeses, case sempre aderezados con sake azucarado (salsa Teriyaki) e salsa de soia, son os guisos con algas, a tempura, o polo á prancha, o sashimi, o ramen, as empanadillas gyoza (que son chinas tamén), os fideos, a sopa de miso, o arroz e as ensaladas e os vexetais, como o repolo.

A comunidade xaponesa en Galicia ascende a unhas 50 persoas máis ou menos, (aínda que a embaixada di 80), pero coñécense todos, por iso di que son menos, en Santiago viven 14. Megumi é unha deles. Veu a estudar e foi o amor a que envolveu para quedar. E non só pola comida! (Chisco, chisco e morro coa risa) Na casa Galicia-Xapón asesora aos turistas que veñen a Galicia e aos que queren ir ao Xapón. Así mesmo organiza diversas actividades ao longo do ano, relacionadas coa cultura asiática, as artes, a música, o vestiario, a comida e o turismo. Sabiades que en Compostela hai máis de 300 alumnos estudando xaponés? E que ademais de Barcelona, Madrid e Granada, en Compostela tamén se fai o exame oficial de xaponés, o Noken?

Unir Galicia e Xapón

Pero ademais da Casa Xapón, na Sociedade Galega de Estudos Nipóns da Universidade de Santiago tamén traballan para promover o coñecemento entre a cultura dese país e a nosa. Comezaron a traballar o ano pasado e investigan sobre filosofías orientais e fan divulgación a través de congresos e outros eventos que traen ata Santiago a importantes expertos internacionais. Organizan obradoiros de caligrafía, sesións de cine sobre a mitoloxía xaponesa, entre outras. Marcelino Agís, presidente da Sociedade e catedrático de Filosofía, e Alba Iglesias, vicepresidenta da mesma, contan con entusiasmo e paixón o que fan. Din que “a lingua é a chave de entrada ao país, para ler os anuncios, para ter unha información mínima. Se non sabes o seu idioma é un mundo totalmente descoñecido, es como un extraterrestre alí! Aprender a ler a súa caligrafía sirve para entender os seus conceptos, a súa psicoloxía, a súa mentalidade, que difire bastante da nosa, a súa forma de ver o mundo e o por que!”… Ambos os dous estudan xaponés e amosan moito respecto pola súa organización e pola súa gastronomía, como non! “A mesa xaponesa é esteticamente unha marabilla. É unha festa para os sentidos! Todo… as cores, os aromas. Moitas cuncas, os palillos. Unha gran cantidade de pequenas cousas. Normalmente comen pequenas porcións de moitos alimentos. Cando preparan a mesa, para cada comida escollen un prato dunha cor determinada, para resaltar o que leven dentro. Coidan cada detalle… É moi atractivo para nós, ademais, que teñan o mar tan presente: o peixe, o marisco, as algas. Aínda que un dos grandes misterios gastronómicos é que tendo o arroz como prato básico, nunca mesturan todo nunha paella!” (A gargallada limpa!)

Outra das cousas que máis atraen do Xapón e sorprenden, en Santiago tamén, son as súas tradicións, que os xaponeses conservan aínda vivindo fóra. Por iso, antes de saír do Kayuen, relambendo no atún e co olor a xenxibre no nariz, inclinei a cabeza, coa palma da man pegada ao meu ‘muñón’ dereito, preto do peito, pechei os ollos e cun sorriso e entre murmurios, puxen fin ao día, do mesmo xeito que facía Yuko cara nós: Arigatou gozaimasu! (Moitas gracias!) E bo proveito a todos.

(Á miña prima maior Paty, por facerme sushi e dedicarme haikus de bolboretas!)

Fotografías: Iván Barreiro