fbpx
666rpmCompostela

Dj Sanma: Encestando pelotazos de Rock & Roll

Sanma. Foto: Mónica Pato
Sanma. Foto: Mónica Pato

Por César Varela (@imitoaquenson), de Historia do Rock Compostelán 

Nun lugar de Santiago de cuxo nome non podo lembrarme, coñecín á nosa criatura subterránea de hoxe. Un Xigante en tódolos aspectos. Na Pincha falamos de músicos, actores, artistas en xeral, camareiros, cociñeiros… pero coido que nunca prestamos especial atención a esa cada vez máis extinguida especie, desgraciadamente tan pouco valorada, que pulula polos garitos da nosa cidade, os Dj’s. Difícil selección a que tiven que pasar pola peneira do underground, deixando nas bancadas a varios dos que considero, baixo o meu humilde criterio, personaxes realmente interesantes, que levan toda a vida ou parte dela, adicándose a este fascinante menester. En Compostela existen máis Dj’s, que cirurxiáns plásticos por metro cadrado.

Sanma, tipo auténtico a mil anos luz do postureo e o concepto de Dj en si, alterna discos de plástico como bo amante do Rock & Roll, con elegancia e a cabeza sempre ben alta, con gran saber estar e en vinilo, á vella usanza. Non é novo nisto, nin tampouco se adica exclusiva e profesionalmente a este negocio. Sanma traballa no subterráneo e ao mesmo tempo sobresae 2 metros por enriba del. É un especialista en encestar agullas nos surcos máis escuros do Rock & Roll. Empezou a poñer música en festas de amigos, cumpreanos… e logo, por diferentes amizades (Valentes eles!) que rexentaban pubs, empezou a aceptar invitacións para pinchar nos seus locais, música alternativa con sans obxectivos: que a xente gozase. E se podía dar a coñecer grupos e temas non relacionados co Mainstream de cada época, pois que mellor que mellor…

Riquela, Transi, Embora, Arume, A Calexa, Modus Vivendi, A Reixa, Náutico, Capitol, Ateneo… son algún dos locais polos que se deixou caer estes últimos anos. Habitualmente pincha na Sala Riquela e en canto o almanaque llo permite, vai ao Transi, Embora e ao Arume. Pincha desde sempre con vinilo, porque na súa opinión é o mellor formato que existe, pola súa calidade de son, aínda que envidia de maneira insá aos que van pinchar cun pendrive no peto do seu vaqueiro.

Cada día que pasa, a súa discoteca aumenta a pasos axigantados. Coido que perdeu a conta nos 5000 Lps e 3000 singles, aínda que é dos que prefiren máis calidade e menos cantidade. As súas sesións cavernícolas sulfatan Rock&roll, Garage, Twist, Greasy R&Blues, Punk, Swing, Exótica, Surf, Frat Rock, Ye-Yé, PowerPop, Psych, Hard 70’s, Freakbeat, Mod, Metal… Está moi agradecido co trato de tódolos locais, xa que ata día de hoxe, non lle permiten pasar sede nunca! Cando pinchaba na cabaleirizas do Modus, quedoulle ben claro, que os arcos do teito non son de cartón-pedra.

Debuxante e coleccionista de autógrafos oxinais en b/n, de cine clásico, flyers de ilustradores-deseñadores underground relacionados ou influenciados polo mundo do cómic e da música, libros de fotografía e ilustración, cómics, T-Shirts orixinais, posters serigrafiados, robots… Vamos! Que na súa casa nunca se aburre, pero tampoco adoita convidar a amantes de deseños de interiores minimalistas, para evitar angustias e desfalecementos.

Ex-xogador de baloncesto (Ala-Pívot 4×4), xogou ata fai 2 anos e desde 1982, no Peleteiro, Obradoiro, Rosalía, Pontevedra, Cambados, Riveira, Noia, Portas, Arzúa, Conxo, Viaxes Piña… A día de hoxe, continúa en plena forma.

Gustaríalle volver pinchar no sensacional Arume e no novo Paraíso Perdido. Aí o deixo caer!

Estade pendentes das súas próximas sesións, xa que adoita avisar 6 horas, 6 minutos e 6 segundos antes de cada función. Que vostedes o desfruten! Que demonios!

Sanma. Foto: Mónica Pato
Sanma. Foto: Mónica Pato