fbpx
CulturaDe librosGaliciaNovas

Diana López e Susana Pedreira: “A conciliación segue sendo unha utopía”

Susana e Diana (no centro), na presentación do libro ‘As mulleres que opinan son perigosas’.

En 2018 celebrouse en Pontevedra por primeira vez o foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’. Foi un encontro pioneiro no que diversas xornalistas reflexionaron sobre o papel da muller no eido xornalístico, especialmente no xénero de Opinión. Alí expuxéronse temas transversais como a maternidade, o ‘Síndrome da Impostora’, o machismo, o trato ás mulleres nas redes sociais, a precariedade laboral…

Dese encontro sae agora o libro do mesmo nome, resumo dos relatorios e revisitación ás relatoras catro anos despois, pandemia mediante. 

Falamos coas súas autoras e coorganizadoras do Foro: Diana López e Susana Pedreira.

Como credes que evolucionou a situación do feminismo desde o 2018 ata agora?

Diana: No 2018 estabamos nun momento moi alto do feminismo, no que todo o mundo se consideraba feminista. Acababamos de ter unha primeira folga xeral  das mulleres. Pensabamos que todo melloraría e que a axenda das mulleres se ía cumprir. Sen embargo, catro anos e unha pandemia despois, o feminismo está nun momento máis delicado e probablemente con máis adversarios que naquel momento: a ultradereita no Parlamento, fendas dentro do propio movemento…

No caso do xornalismo feito por mulleres, creo que houbo unha melloría porque hai máis espazo para a nosa opinión. 

Susana: O traballo do libro consistiu en revisitar todos os relatorios, transcribilos e logo volver falar con todas as relatoras catro anos despois. Unha das conclusións máis positivas é que todas elas, excepto unha, seguen opinando no mesmo medio de comunicación ou ampliaron. Tamén son máis as mulleres que opinan nos medios locais.

Temos na actualidade no feminismo novos debates con diferentes posturas.

Hai un tema transversal en todo o libro: o ‘Síndrome da Impostora’. Isto materialízase en que as mulleres temos tendencia, por exemplo, a documentarnos máis antes de falar porque se nos cuestiona máis.

Foto: Iván Barreiro

Diana: Xa isto vén da escola. As mulleres temos que demostrar máis para que se nos outorgue esa intelixencia que aos homes se lles presupoñe. Cando chegamos ao ámbito de opinión, un lugar onde hai bastante violencia nas redes sociais, intentamos cubrirnos as costas para que a nosa opinión sexa súper fundada. A maior parte das veces os homes nos critican simplemente por ser mulleres. Se nos cuestiona máis a nós. Rosa Montero ou Fernanda Tabarés, por exemplo, expresaron que sentían o ‘Síndrome da Impostora’; pensaban que non merecían o traballo que tiñan. 

Para min foi terapia o que escoitei no Foro.

Susana: No libro volvemos preguntar ás mulleres por este Síndrome e dixéronnos que agora o sentían menos. Danse contan de que non son elas as que non están á altura, senón que son os demais os que intentan facer ver que non o están. Dixerimos doutra maneira o Síndrome porque lle puxemos nome. 

Outro tema é o a da culpabilidade vencellada á maternidade, sentir que non se chega a todo.

Diana: Gústame a opinión de María Varela, que dicía que non quería “renunciar a nada”. Iso supón facer ata unha cuádrupla xornada, e iso vai na saúde física e mental. Por exemplo, teletraballar cando tes fillos é unha quimera. 

A conciliación segue sendo unha utopía. A pandemia foi unha oportunidade perdida para a conciliación das mulleres.

Susana: Catro anos despois, está máis na opinión pública o tema da maternidade. Falar abertamente  -nunha mesa dedicada a elo-  do conflito de compaxinar maternidade e unha profesión non era o habitual no momento do Foro. 

Para cando o próximo Foro?

Non podemos revelar a data exacta, pero será este mesmo 2022 en Pontevedra, onde todo o público recibirá como agasallo un exemplar do libro. 

Desexando estar na próxima edición 😊

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.