Dez días para gozar con Escenas do Cambio de novos proxectos teatrais galegos e da vangarda internacional

O Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, ‘Escenas do cambio’, levanta este xoves, 7 de febreiro, o pano no Gaiás para dar a coñecer durante dez días as propostas máis innovadoras e arriscadas das creacións da vangarda internacional —Vera Mantero, Ligia Lewis, Tino Sehgal, María Salgado & Fran MM Cabeza de Vaca, François Chaignaud, Marco Berrettini e MOTUS—; da española —Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel— e como non, da galega. Precisamente, esta quinta edición vai servir de escaparate para a presentación de cinco novos proxectos creativos da escena galega: ‘Empapelado amarelo’, de Melania Cruz e Tito Asorey; ‘O inevitable’, de Diego Anido e Borja Fernández; ‘A cama do meu avó Manuel Méndez’, de Celso Fernández Sanmartín; ‘A casa vella’, de Nuria Sotelo e Cris Sánchez; e ‘Spanberguianismo’, de Alejandra Pombo.

O director artístico de ‘Escenas do cambio’, Pablo Fidalgo, fixo fincapé en que nesta edición o festival confirma a súa aposta por que a danza sexa cada vez máis protagonista no certame — cun evidente peso no programa tanto en cantidade como en calidade — así como pola representación de pezas que aposten pola disidencia e o traballo en comunidade, “dous relatos que están a construír, desde os seus inicios hai cinco anos, a identidade do festival”, recordou.

Igualdade e identidade
A presentación de ‘Escenas do cambio’ tivo lugar na escenografía de ‘Empapelado amarelo’, primeiro proxecto de Melania Cruz e Tito Asorey tras ‘Ilmaquinario Teatro’, compañía presente noutras edicións do festival e coa que conseguiron varios Premios Casares e nominacións ao Max de Teatro.

Agora, baixo o paraugas artístico de ‘A quinta do cuadrante’ comezan unha nova etapa e estrea ‘Empapelado amarelo’, espectáculo teatral baseado nunha novela de Charlotte Perkins Gilman, publicada en 1891,na que se denuncian os mecanismos de represión do heteropatriarcado sobre as mulleres da época.

‘Empapelado amarelo’, xunto a de MDLSXde MOTUS, conforman as dúas pezas do festival que máis  afondan en temas de igualdade e de xénero, moi recorrentes en todas as edicións. Un leitmotivque gabou na rolda de prensa a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quen incidiu na “valiosa ferramenta” que supoñen as creacións artísticas que van nesta liña na loita contra estereotipos, no fomento da igualdade e na consecución do respecto á diversidade e á identidade, tamén de xénero.

Cinco novos proxectos galegos
Xunto ao proxecto de Melania e Tito Asorey, ‘Escenas do cambio’ 2019 permitirá coñecer tamén o primeiro traballo de Diego Anido e Borja Fernández como ‘Colectivo Marciano Balboa’ para presentar ‘O inevitable’. Ambos contan cunha ampla bagaxe en compañías referentes da escena galega como ‘Chévere’ ou ‘Voadora’. Tamén o festival de inverno da Cidade da Cultura foi escollido por un dos mellores autores de narración oral de Galicia, como é Celso Fernández Sanmartín, para presentar a versión teatral do seu recente salto ao mundo editorial con ‘A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez’.

Pola súa banda, Nuria Sotelo e Cris Sánchez —dúas referentes da danza e a performanceen Galicia— están en pleno proceso de constitución dun novo espazo creativo: ‘A casa vella’ e apostaron por ‘Escenas do cambio’ para avanzar e adiantar como está a ser este ‘work in progress’.  A presenza galega no festival complétase con Alejandra Pombo. A compostelana presenta o seu último proxecto: a tradución xunto a María Jerez de Spanberguianismo, un blog escrito durante o verán de 2010 polo artista e coreógrafo Märte Spänberg, que mantivo enganchados á súa escrita e ao que alí se contaba a unha comunidade importante de artistas relacionados coa danza e as performances.

Toda a información polo miúdo da programación de Escenas do Cambio 2019está na páxina do festival —www.escenasdocambio.org—, onde tamén se poden mercar as entradas.