fbpx
CompostelaCulturaNovas

Dez anos de Cidade da Cultura de Galicia

Foto: Concello de Santiago

Hoxe celebrouse o acto do décimo aniversario da Cidade da Cultura de Galicia, que se inaugurou en xaneiro de 2011 no Monte Gaiás, en Santiago.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González, que presentou esta mañá o balance dos primeiros dez anos de funcionamento do complexo, asegurou que remata unha “fase de consolidación desta potente infraestrutura como ferramenta para o desenvolvemento social, cultural e económico da Comunidade e que arrinca unha nova etapa baseada na expansión para chegar máis lonxe”.

O titular de Cultura do Goberno galego subliñou que o Gaiás de 2021 é un espazo de referencia no eido da cultura, a tecnoloxía e o emprendemento, con máis de 600 persoas traballando a diario nas súas instalacións, unha media anual de case 200 actividades culturais e 400 eventos organizados por empresas, institucións e colectivos sociais nas súas instalacións, e que pechou 2019 –último ano antes da pandemia– recibindo a máis dun millón de persoas, entre visitantes, turistas, usuarios dos servizos públicos e traballadores.

Román Rodríguez eloxiou a calidade dunha programación cultural aberta, dirixida a un amplo abano de públicos e na que ten cabida desde a creación contemporánea máis experimental á cultura de base, con ciclos e eventos que xa son un clásico da axenda cultural de Galicia, como Atardecer no Gaiás, o festival de teatro Escenas do cambio, o Serán ou o Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia.

Ao longo deste período de dez anos, o responsable de Cultura da Xunta fixo fincapé no intenso traballo que se traduciu no desenvolvemento do Bosque de Galicia, do Parque do Lago, do Xardín Literario, do Xardín do Teatro, así como de áreas destinadas ao xogo da cativada, como o Parque da Balea. “Conseguimos completar a oferta cultural con espazos dirixidos ás familias para gozar do lecer e da natureza”, asegurou o conselleiro.

Retos de futuro

A folla de ruta na nova etapa que se inicia na Cidade da Cultura plasmarase no que será o segundo plan estratéxico da Cidade da Cultura, un documento que xa está en marcha e que abranguerá as liñas de traballo para o período 2021-2027.

O primeiro fito desta fase nova será o remate do Fontán, o edificio que abrirá un novo eixo de traballo na Cidade da Cultura ao converterse nun impulsor do sistema universitario de Galicia e que tamén fará de Santiago de Compostela unha referencia no eido dos estudos do patrimonio acollendo institucións tan relevantes como o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC ou novo Centro de Estudos sobre o Patrimonio Cultural (CISPAC), especializado no Camiño de Santiago.

Nun ano marcado pola celebración do Xacobeo, Román Rodríguez anunciou que o Gaiás se presenta como un dos escenarios onde se desenvolverá o programa cultural que está a preparar a Xunta de Galicia, con proxectos como a exposición Galicia futura, coa que se pecha a triloxía de mostras organizadas desde o Goberno de Galicia con motivo do Ano Santo, tras Galicia, un relato no mundo e Galicia, de Nós a nós.

Na nova etapa, o conselleiro adiantou que o Gaiás afondará na súa dimensión de “factoría de proxectos culturais”, pero sempre co obxectivo de que estes contidos percorran outros espazos culturais de Galicia, nun circuíto de itinerancias que pretender converter esta infraestrutura nun fornecedor de contidos para toda a Comunidade.

Integración na cidade

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que tamén asistiu a este celebración, sinalou que “dentro de 40 anos”, cando se cumpla medio século do seu funcionamento, “será unha infraestrutura, un equipamento asumido por todos os galegos como un emblema e un elemento significativo e representativo do conxunto de Galicia”; e estará “integrada dentro da malla urbana da cidade”. Así mesmo, afirmou que o complexo se está consolidando como un referente “absolutamente positivo”, que o pon en valor e que permite consolidalo como “un investimento” e non como “un gasto”.

Para o alcalde, “un equipamento desta categoría e dimensión, necesariamente plantexa problemas de integración e axuste”. Un debate, explica, que xa se tivo cando se elaborou o PXOM de 2008 no que se pensou “como articular a integración paisaxística, urbanística e de conectividade entre a Cidade da Cultura e a propia cidade de Santiago”. O complexo ocupa, sumando os edificios construídos e as zonas de parques, 70 hectáreas, “o dobre da dimensión da dimensión do recinto amurallado” de Compostela, que é de aproximadamente, 32 hectáreas. “É unha actuación dun tamaño tan grande que ocupa unha posición tan relevante, que o reto de integralo e incorporalo dentro do tecido urbano, é un reto dunha magnitude importante”. Asegura Sánchez Bugallo que estamos vendo “como pouco a pouco, esa integración se está producindo”.

O rexedor rematou sinalando que neste Ano Santo “imos ter a oportunidade de xerar sinerxias entre os recintos que temos en Santiago (CGAC, Auditorio de Galicia, Pazo de Congresos ou Cidade da Cultura), consolidando unha cidade cun nivel de equipamentos e de servizos enorme”.