fbpx
GaliciaNovasTurismo

De turismo polos campos de cultivo ecolóxico de Orballo, en Paderne

Nun momento no que os turistas tratan de fuxir das aglomeracións de xente, a empresa galega Orballo abre esta fin de semana as visitas guiadas aos seus campos de cultivo ecolóxico en Donín (Paderne) para gozar dunha experiencia única: a de coñecer o rural galego de primeira man, aprendedo todos os detalles do traballo no campo dende o punto de vista dunha empresa nova que trata de transformar os estereotipos da vida no campo.

Da man dunha guía especializada crearanse grupos dun máximo de 15 persoas para percorrer as plantacións de aromáticas, especies forestais autóctonas e té que a empresa ten no municipio de Paderne, a uns minutos de Betanzos.

O crecemento esponencial da marca fixo multiplicar os seus campos de cultivo e o interese por visitalos e coñecer todos os segredos que levaron ao mercado infusións como Tormenta, manta e menta, ou o primeiro té cultivado en ecolóxico na Europa continental.

Respectando todas as indicacións sanitarias, o grupo poderá coñecer a evolución da empresa, ver exemplos dos seus cultivos e pasear por un entorno natural privilexiado, ao tempo que vai degustando diferentes infusións de Orballo.

Segundo apunta Torres, responsable de comunicación, “o valor que teñen estas visitas é que somos os propios traballadores os que contamos o proxecto. É como se foran de visita ao teu traballo. Iso fai que te deteñas máis nos detalles, que os expliques doutra maneira porque é algo que fas todos os días”.

Aínda que estas visitas xa se viñan realizando dende o pasado ano, durante o presente tiñan quedado suspendidas pola situación sanitaria. “Preferimos agardar un par de meses para ter claro que o que facía falla para ofrecer as máximas garantías sanitarias. A día de hoxe temos deseñado un circuíto cun capacidade para 15 persoas, nas que se fai especial fincapé en respectar todas as medidas de seguridade. Ante todo queremos ser un espacio seguro”.

Todo aquel que teña interese en visitar os campos de Orballo poderá adquirir as entradas a través da páxina web www.orballo.eu ou contactando a través das súas redes sociais.