fbpx
GaliciaNovas

Cultura galega para gozar na casa

Castelao
Autorretrato de Castelao.

A crise sanitaria do coronavirus levaranos a estar, polo menos, ata mediados de abril en confinamento. Pero iso non quere dicir que non poidamos seguir gozando de moreas de propostas culturais desde a nosa casa.

Así, por exemplo, a Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón para o período que dure o estado de alarma unha programación con abondosas actividades de lecer cultural a través de Internet. Propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións. Trátase dunha etiqueta á que a Xunta convida a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura.

Os arquivos xestionados pola Xunta (Arquivo de Galicia; e históricos, do Reino de Galicia, Lugo, Ourense e Pontevedra) propoñen una viaxe polo tempo dentro da nosa Comunidade. Entre os diferentes recursos poden destacarse as exposicións virtuais en 3D e percorridos 360º ou as mostras do Arquivo do Reino, a última das cales foi publicado o pasado 8 de marzo, co gallo do Día internacional da Muller, e que leva por título Meigas, feitizos das menciñeiras: procesos xudiciais por bruxería.

Aínda que os museos xestionados pola Xunta non están abertos, podemos explorar as súas coleccións e as actividades que se realizan neles ao través do mundo dixital. Na maioría deles pódese facer un percorrido completo polas súas salas expositivas e contemplar as obras expostas como se se estivera no interior, con información complementaria.

Tres boas opcións de visitas virtuais para comezar, por ser centros estar afastados das cidades e a súa interesante proposta museográfica, son o Museo do Castro de Viladonga e ao propio Castro, o Massó e as Pallozas e conxunto etnográfico do Cebreiro. Ademais, pode facerse unha visita virtual polos espazos de todos os museos xestionados pola Xunta.

As bibliotecas xestionadas pola Xunta desempeñan un papel de provedoras de servizos á sociedade en xeral, e coas limitacións obrigadas, continuará a facelo. Para isto está, entre outros servizos, GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, películas e audiolibros en formato electrónico da bibliotecas públicas galegas. A través desta pódense descargar e visionar obras en formato dixital de temáticas diversas nas que os intereses de todas as persoas lectoras teñen o seu espazo e o seu lugar.

En concreto, en GaliciaLe hai máis de 4.500 títulos, dos que a maioría están en galego e en castelán, pero tamén os hai en inglés, portugués, francés, italiano, catalán e éuscaro, libros infantís, xuvenís e para adultos. Ademais conta cun total de 31 revistas e 300 audiovisuais feitos en Galicia que comprenden longametraxes, curtas ou documentais. Para facilitar o acceso a esta plataforma só será necesario rexistrarse na mesma e non será preciso ter o carné de lector dalgunha biblioteca pública galega.

Audiovisual galego

Este é un momento propicio para coñecer o pasado e o futuro do audiovisual galego e visionar documentos que nos revelan aspectos pouco coñecidos de Galicia e a súa cultura, pero de gran interese. Son materiais audiovisuais históricos que foron recuperados polo CGAI como as imaxes de Castelao en Bos Aires de Eligio González (1972), o filme Un viaxe por Galicia de Manuel Aríns (1958) ou as vistas de Vigo e arredores gravadas por un afeccionado danés en 1926, entre outros.

E, do pasado, trasladámonos ao futuro do audiovisual visionando os traballos de Cinema en curso, un programa destinado a alumnos de entre 6 e 18 anos de pedagoxía do cine, que busca achegar a mocidade ao cine como arte, creación e cultura, e explorar as potencias didácticas da creación cinematográfica.

A Cidade da Cultura ofrece a posibilidade de coñecer dixitalmente e de xeito virtual a mostra Galicia un relato no mundo. Como novidade, ofreceranse oito novos clips de guías nos que se explicarán pezas da exposición e historias relacionadas coa mesma, afastadas das pezas estrela máis coñecido. En concreto, as pezas audiovisuais estarán dedicadas ao Mapa de Sawley, a II Guerra Mundial en Galicia, a emigración galega a América: o Cap Norte, as conexións con Europa da Galicia da Idade do Bronce, o nacemento da bandeira galega, os indianos, as gravacións musicais da emigración e o aporte económico e cultural da emigración.

Ademais, a Cidade da Cultura pon ao dispor de todo o mundo outros materiais audiovisuais de gran interese na súa canle de YouTube, así como a través das súas distintas redes sociais.

Por outra banda, o Consello da Cultura Galega conta cun apartado no que celebra a estrea, hai trinta anos, das primeiras tres longametraxes de ficción en lingua galega: Sempre Xonxa, Continental e Urxa. De momento poden visionarse as dúas primeiras pero anuncian que proximamente estará dispoñible tamén a terceira.