fbpx
Crusat & CostasGalicia

Crusat & Costas: Señor Cuco 2016

Crusat e Costas en Vide, Vide! Foto: Iván Barreiro
Crusat e Costas en Vide, Vide! Foto: Iván Barreiro

UN NIÑO CHEO DE ESPERANZA

Por Lorena Costas  @lorena_costas

Aquí estamos de novo cun tinto atlántico; algo que tal vez xa non sorprenda tanto como hai uns anos, pero que como ben sabedes segue a ser minoritario nunha D.O. internacionalmente coñecida pola dominancia do Albariño.

Traemos, desta volta, un tinto dunha subzona menos coñecida: A do Condado do Tea, xa moi preto de Portugal; a subzona de Rías Baixas máis afastada da famosa Val do Salnés.

Señor Cuco é un proxecto de Entrevideiras, formado por tres socios (Anxo, María e César, aínda que nun principio tamén colaborou Rocío) que decidiron unir forzas, paixón e viñas para levar adiante un soño. Anxo Eiras aporta viñas, en concreto a do Xestal, finca na que seu pai plantou Sousón, Pedral e Mencía, que elaboraba principalmente para a casa. Tamén nos contou que seu pai lle dixo que algún día se falará máis dos tintos que dos brancos en Rías Baixas. O resto da uva (Caíño, Espadeiro) provén de Señorío de Rubiós, onde tamén traballa María Álvarez. César Alonso é enólogo, entre outras, da adega Cuñas Davia, no Ribeiro.

Pois ben, un día estes amigos que se coñeceron estudando vitivinicultura na Granxa, puxeron en marcha o soño de facer voar o Cuco e, empregando como niño a Adega de Señorío de Rubiós, elaboraron o Señor Cuco 2016, primeira colleita de pouco máis de 2000 botellas.

Catro variedades minoritarias (Espadeiro, Pedral, Sousón e Caíño), tan minoritarias como o cuco, que xa poucas veces escoitamos cantar na nosa terra. Catro variedades que representan con precisión a autenticidade do clima galego: choiva, terra e tamén intensa calor no verán; tal vez por iso, o viño ten matices tan diferentes, segundo se cate máis atemperado ou máis frío, ou incluso se lle damos días e o volvemos a catar.

O chan areoso e granítico acentúa o carácter galego, aporta frescura e unha potente acidez: destacan os aromas de arando e froitas vermellas, cereixa galega (da ácida, que tanto nos gusta), tamén violetas e especias. En definitiva, un viño elegante, que non perde rusticidade e identidade por ser fresco e bebible.

Quen sabe se o que dixo o pai de Anxo será verdade dentro de non moitos anos? Quen sabe se o niño do cuco por fin volverá ter vida?

E que non se nos esqueza: Que tal se o tomamos cun coello estufado e brindamos polos tintos atlánticos?

DATOS

ADEGA: Entrevideiras

D.O.: Rías Baixas (Subzona Condado do Tea)

VARIEDADES: Pedral, Sousón, Caíño, Espadeiro

Grao: 12º

Ano: 2016

Prezo: En torno aos 16€ en Vide, Vide!

ENCRUCILLADA VINÍCOLA

Por José Crusat  @choumimx

Imos falar dun viño tinto da DO Rías Baixas, pero de onde os viños son cosmopolitas, onde mesturan influencias para ter unha personalidade propia, falamos do Condado do Tea. Terra de encrucillada do Miño atlántico co ribeiro e a raia portuguesa. Onde a diversidade está presente.

Esa diversidade iníciase cos tres amigos que deciden emprender este proxecto, pero tamén na mestura de múltiples pequenas parcelas propias do rural galego, e finalmente coas catro uvas presentes nesta elaboración.

E falemos pois das características de cada unha destas uvas. Por unha banda temos o Caíño Tinto ou Caíño Redondo, unha uva na que a súa principal característica é alta acidez e intensidade de froita. A Pedral confire aos viños nariz complexa de froitas especias e herbas acidez media. A Souson aporta bravura, froita escura e astrinxencia. E finalmente o Espadeiro, a raíña dos tintos atlánticos, é uva de finura, intensidade aromática a froita e boa acidez. Toda esta mestura produce un viño complexo onde cada unha das partes suma e confire a súa personalidade a un viño harmonioso.

Trátase dun viño de capa media alta, escuro profundo, de cor granate con bordo violáceo. No nariz mostra unha grande complexidade, con froitos negros, arandos e grosellas moi maduras, moras cereixa escura. Por outra banda temos notas de flores coma violetas, rosas rosas, e tamén balsámicos, mentolados e regaliz. Na boca é un viño que ten corpo, de fácil entrada pero persistente e longo, cunha acidez marcada, cereixas e arandos volven a aparecer. É un viño complexo, cunha parte agreste do sousón, acidez do caíño e finura do espadeiro.

E para finalizar, propoño gozar desde viño cunhas tradicionais uñas de porco cos seus bertóns e chourizo. Ou se nos sentimos un algo cociñeiros… por que non facelas en plan rulo de uñas recheo de bertóns? Un pouco de modernidade.