fbpx
Crusat & CostasGalicia

Crusat & Costas: Saíñas

Este viño está moi vivo

Por Lorena Costas @lorena_costas

Nesta ocasión poñémonos mans á obra para falarvos dun viño froito da sinerxía xurdida, coma case sempre, a partires dunha conversa de bar. Todo comezou o ano pasado en Bagos,  Pontevedra, un deses templos do viño que adoitamos frecuentar todos os que gustamos de catar cousas novas e aprender da sabedoría de Adrián.  Disque un bo cliente seu, amigo de Javier Fernández (propietario da adega da que falaremos) comentoulle que buscaba a alguén para cambiar un pouco o estilo dos viños da adega. E é aquí onde aparece o segundo personaxe nesta historia: Pablo Soldavini. Aínda que tamén haberá máis personaxes nesta historia dos que tamén falaremos.

A Adega Saíñas, propiedade de Javier Fernández, xa comezou a elaborar viños no ano 1992, antes de que a Ribeira Sacra se constituíse en Denominación de Orixe. Fundamentalmente traballan a variedade Mencía, a raíña por esas terras con diferencia, aínda que tamén posúen ceca de 4 hectáreas de parcelas de viñas vellas con mestura de variedades. E velaí que aparece en escena Pablo Soldavini, un rapaz arxentino que xa leva uns cantos aniños por aquí, primeiro en Madrid, como deseñador gráfico; e logo pola nosa terra, axudando nas vendimas de amigos e despois xa co firme propósito de facer viño de seu. A partires de súa experiencia foi coñecendo xente con diferentes sensibilidades e atopando ese ideal de facer viño máis ao seu xeito e non ao xeito industrial. O seu desexo é facer viño para beber e gozar en compañía, non hai maior ilusión para el que alguén que lle di que lle gusta o seu viño; e nós non podemos estar máis dacordo!

Dentro desa filosofía comeza a traballar con Javier, xusto antes da vendima do 2018, con pouco tempo para coñecer as viñas en profundidade, pero cun grato sabor de boca produto desta elaboración da que vos falamos: unha antesala dos proxectos que proximamente sairán ao mercado, onde as crianzas en barrica tomarán protagonismo. Saíñas 100% Mencía é un viño vivo de cepas vellas, que non responde aos estándares de mercado que buscan un viño que “sempre saiba igual”. É un viño elaborado por Javier, baixo as recomendacións de Pablo: un viño para catar “por botellas” como Pablo di, e tenche razón, eu beberíao por caldeiros!!! Froito desta sinerxía tamén aparecen nesta historia Diego e César, propietarios de Viños Vivos en Santiago, algo máis que unha tenda de viños ao uso. Este viño e máis o Saíñas Granito Rosa, elabóranse só para eles, e alí deberedes mercalos! Ou tal vez poidades pedilo nalgún dos moitos restaurantes que temos nesta cidade 😉 

Se queredes a miña recomendación, eu mercaría un par de botellas (xa vos dixen que se bebe a caldeiros) e acompañaríaas dunha boa carne ao caldeiro. Boa idea, non?

Frescura do río Cabe

Por José Crusat @choumimx

Imos a un viño procedente da Ribeira Sacra pero que tenta aportar frescura e algo de modernidade aos viños desta zona. Trátase do Saíñas, elaborado na Adega do mesmo nome no concello de Pantón. Pantón atópase localizado no medio da Ribeira Sacra, e limitado polos tres principais ríos que esculpen o territorio; Miño, Sil y Cabe. Adega Saíñas é unha adega de sempre, existente dende a propia fundación da D.O., pero coa axuda de Pablo Soldavini busca atopar novos e frescos camiños.

O viño elabórase nunha parcela de dúas hectáreas encadrada na Subzona de Ribeiras do Miño, nunha ladeira no río Cabe. Esta parcela ten chans graníticos moi descompostos, case areosos. Este tipo de chans marcan os viños que se elaboran coas uvas das parcelas. Normalmente son viños limpos, aromáticos, harmoniosos, frescos e non excesivos en grao alcólico. Os viños teñen unhas maduracións suaves que fan que conserven a súa acidez. Pola contra, os chans de lousas producen viños mais quentes, minerais de maior grao alcólico.

Este viño Saíñas está elaborado con uva cento por cento Mencía, que macerou enteira en depósitos de aceiro inoxidable e cunha extracción moi suave. A extracción suave quere dicir que non se intenta sacar moita cor das peles das uvas, intentando que sexa moito maior o aporte do propio zume. Búscase con isto un viño lixeiro e sinxelo de beber, para sentarse embaixo dunha figueira unha tarde de outono e bebelo de golpe.

Viños de capa media baixa, limpo e cor de cereixa. No nariz atópanse froita vermella, amorodo, cereixa, lácteos, iogur de amorodos, frescura. Na boca é un viño fresco, de trago largo, viño de “glu glu”, acidez media e sinxela, lixeiro; novamente voltan as froitas vermellas, cereixas.

Para acompañar o viño escollín un capón de Vilalba recheo cos seus froitos secos e pasificados e acompañado de patacas e cebolas ao forno. Ou para os “milenials” que andamos cortiños de cartos, podemos optar por unhas peles de polo fritidas cunha maionesa de curry.

FICHA TÉCNICA:

Adega: Saíñas

D.O.: Ribeira Sacra

Variedades: 100% Mencía

Grao: 13º

Ano: 2018

Prezo: Sobre 11 €

Fotos: Iván Barreiro