fbpx
Crusat & CostasGaliciaGastronomíaNovas

Crusat & Costas: Peixes da Rocha

Os peixes tamén viven nas montañas

Por Lorena Costas @lorena_costas

Comezamos o 2021 contando mentiras (tralará)... Como é iso de que os peixes tamén viven nas montañas? Ai,  pois si, alá pretiño do fermoso e maxestoso Santuario das Ermidas, en Viana do Bolo, agóchanse uns rapaces chamados Curro Bareño e Jesús Olivares. Talvez vos soen os nomes, posto que son dous dos integrantes de Fedellos do Couto, que elaboran os seus viños na zona da Ribeira Sacra. Pero como persoas inquedas que son (de aí o de fedellos), decidiron explorar outras terras, polos dominios da D.O. Valdeorras, pero sen pertencer a ela. Os vales que rodean Viana do Bolo e o encoro do Bao proporcionan diversidade nas variedades de uvas, cousa que na Ribeira Sacra ocorre con menos frecuencia. É unha zona desgraciadamente menos coñecida, pero cunha paisaxe fermosísima, rodeada de montañas e pequenas aldeas repartidas a unha e outra beira do río.

Curro e máis Jesús comezaron con este proxecto no ano 2016, con diferentes viñas, principalmente vellas. Decidiron chamalas “Viños do Macizo Ourensán” para resaltar esa zona da que falamos, onde conflúen Valdeorras, Ribeira Sacra e Viana: traballan nos límites da maduración, onde máis difícil resulta que iso suceda polas altitudes e orientacións. Comezaron, precisamente, nesta última zona, Viana, elaborando o Peixes da Estrada e Peixes da Rocha, do que imos falar. Dende o ano 2018 elaboran dous novos viños, Eixe e Os Bidueiros.

Pero volvendo ao que nos ocupa, os Peixes elaboran este viño nunha das zonas máis interesantes do macizo ourensán: os viñedos son algúns dos máis altos de Galiza, a uns 600-850 metros de altitude. Por ese motivo, as uvas non maduran facilmente, polo que moitos dos viñedos eran abandonados ou se dedicaban a facer augardentes. As viñas rondan os 60-80 anos  e crecen ao seu ser arredor de bancais de pedra. Aparecen todas xuntas, tintas e brancas: Mencía, Mouratón, Grao Negro, Garnacha Tintoreira, Bastardo, Sousón, Godello, Colgadeira e Palomino. Ao estar fóra da D.O. teñen liberdade para mesturar as uvas brancas e tintas e de diferentes localizacións dentro das beiras do río. Os viñedos cos que se elabora Peixes da Rocha viñedos están situados nas aldeas de Punxeiro e Sta. Mariña de Froixais, a zona máis alta e fría de Viana: o resultado é un viño delicado, complexo e profundo: unha bafarada de aire frío da montaña, froita negra fresca e mineralidade pronunciada.

E seguindo co atrevemento... Por que non tomar este viñazo cun bo linguado ao forno con verduras?

Estudos de xeoloxía no macizo central por uns bos peixes

Por José Crusat @choumimx

Estes rapaces, unhas boas pezas, uns bos peixes, decantáronse a elaborar nunha zona ao límite da maduración, buscando a diferenciación coas zonas próximas de Valdeorras máis baixas e moito máis calorosas. Parcelas de altura, entre os 600 e 850 metros que aportan a frescura con chans de granito do Macizo Central galego, alí en Viana do Bolo. De invernos duros, onde non querían ir nin os mestres unha vez aprobada a oposición. Un castigo para moita xente non hai moito tempo.

Alí atopan viñedos vellos moitos deles abandonados e deciden recuperalos e interpretar os viños que poden dar. Deciden que os viños que elaborarán han de reflectir esas condicións únicas do lugar. Fermentan os viños con lévedos naturais, e tratan a uva coa maior delicadeza posible. Para elo, fermentan co bago enteiro, co cangallo e as uvas sen romper. Prodúcese entón una fermentación dentro da propia uva e a maceración cos pelexos e moito máis delicada. Diariamente mergullan as uvas no mosto que se vai producindo. Deste xeito o viño é máis suave e fresco con menos asperezas, delicado e fluído. Trala fermentación e maceración que é longa, o viño pasa a barricas de carballo francés usado onde se cría un tempo variable (variable porque ata que non está no mellor non sae delas) superior aos 12 meses.

Se pasamos a catar o viño, ao ollo apréciase fluído, de cor cereixa picota cun reberete granate. Nariz espezados, terra mollada, froitos vermellos. Xa na boca é fresco, lixeiro, acidez contida, sedoso, envolvente, e moita froita negra, grosellas, amoras e, ao final, persistente e con percorrido.

E tal como estamos en tempos de friaxe, hai que meterlle algo ao corpo para combatelo. Como proposta moderna dígovos crema das verduras do cocido (cos seus grelos, garavanzos e pataca) cun taco ou terrina de botelo e cachucha en baixa temperatura. E como proposta tradicional, en tempos entre reis e Carnaval, simplemente desfrutar o viño cun anaco de rosca, periquito ou como se chame na vosa zona. Xa sabedes, encargádelle ao panadeiro que vos traia, o sábado á tardiña, unha boa rosca!

FICHA TÉCNICA:

Adega: Bodegas Peixe

D.O.: Sen D.O.

Variedades: Mencía, Mouratón, Grao Negro, Garnacha Tintoreira, Bastardo, Sousón, Godello, Colgadeira e Palomino en proporción variable

Grao: 12º

Ano: 2017

Prezo: En torno aos 20-22€

Fotos: Iván Barreiro