Crusat & Costas: Pé de Perdiz

Crusat e Costas en Vide Vide! Foto: Iván Barreiro

Pé de Perdiz: O soño dunha noite de verán

Por Lorena Costas

Dise que cando non existían aparellos para medir o grao alcohólico da uva, a xente colleitaba o viño cando a cor das vides era dese ton vermello similar aos pés das perdices (ou paspallás).

Curioso e fermoso nome para este viño branco procedente da D.O. Ribeiro do que hoxe falamos. Esta pequena adega familiar situada en Berán (Leiro), comeza hai aproximadamente setenta anos a súa andadura vendendo os viños da súa colleita, e non é ata 1995 cando se rexistra xa como adega na D.O. Os comezos foron vendendo viño a granel, pero no 2014 deciden dar o paso de sacar ao mercado as súas elaboracións embotelladas, con gran acerto, penso eu, xa que na súa corta traxectoria, ademais de colleitar viño, tamén colleitan bastantes premios, tanto en brancos coma en tintos.

Cal é o segredo? Probablemente a elaboración honesta, sen máis pretensións que plasmar o recollido na viña, axudados por unha fantástica ubicación dentro do Ribeiro, boas orientacións das parcelas, pouca pluviosidade e tempo cálido e seco, que conseguen que o viño non precise demasiada intervención humana. De feito, o seu obxectivo é que o viño se produza en ecolóxico en pouco tempo. As cepas teñen unha idade aproximada de 30 anos e apostan fundamentalmente polas variedades autóctonas e pola recuperación dalgunhas outras: Brancellao, Ferrol, Sousón, Treixadura, Albariño, Loureira, Caiño… forman parte das elaboracións desta adega.

Esa honestidade e sinxeleza vese plasmada sen dúbida neste Pé de Perdiz Branco 2014: trasládame de súpeto a eses momentos da infancia, na vila, coas derradeiras horas do sol do verán; aromas a herba e flores secas, a froita branca madura, almíbares e meles, froito dunha cálida estación. Pero tamén despuntan os toques balsámicos e mentolados sobre todo ao principio, onde o que máis resalta é a Albariño, para logo deixar paso á Loureira e xa na copa parada a Treixadura madura e floral, non sen certos matices de hidrocarburos nos últimos achegos do nariz. En boca é persistente, asombrosamente salino e con boa acidez punzante ao principio, ben marcado o chan arenoso.

En definitiva, un viño para beber sosegado, gozando do solpor e das noites cálidas, e tal vez unhas boas sardiñas como na noite de San Xoán?

Pé de Perdiz: Chegou o verán

Por José Crusat

Imos falar dun viño do Ribeiro sinxelo pero honesto, un viño para gozar agora que chegan as calores do verán. Onde aparece reflectida a súa orixe, un viño que ademais nos leva a recordos da nenez, de familia, de praia. 

Un viño de mestura de castes, que volvo a repetir para min é a característica principal do Ribeiro. Onde cada unha das uvas aporta o seu anaco para crear un viño completo. Temos albariño, loureira e treixadura. A treixadura é unha uva complexa no seu cultivo que pode quedar falta de acidez se madura en exceso, pero que coa mestura con outras variedades compénsanse e confiren unha complexidade que non podería lograrse en solitario. E aí están a albariño conferindo corpo e a loureiro aportando a lixeireza e acidez necesarias.

Todo elo con cepas de boa idade dunha media de 30 anos, e en chans graníticos e areosos que nos dan viños mais frescos. Con orientación do nacente ao poñente aportando unha orientación óptima para a maduración das uvas. Terreos secos de baixa humidade que permiten un traballo en viña reducindo produtos ao estritamente necesario.

O viño presenta unha cor amarela con lixeiros dourados indicándonos que é un viño maduro, que non é xove sen mais. Nos aromas amosa intensidade sendo complexo, froitas de pepita, cítrico, cunha mazá ben madura da albariño, toques balsámicos de mimosa, e fiúncho que aporta a loureira e no fondo notas ameladas dunha treixadura madura. Na boca se nos presenta cun grao alcohólico compensado coa acidez, boca media, doces e lixeiro amargor final.

Como maridaxe deste viño, venme a mente a praia, sexa río ou mar, baixo a sombra dos piñeiros, co viño ben fresco e gozando daquelo que non se debe de perder, a fiambreira, cunha tortilla de patacas ou incluso un filete de porco empanado, cunha sandía fresca como sobremesa.

 

FICHA TÉCNICA

Viño Pé de Perdiz Branco 2014

Adega: Pé de Perdiz - D.O. Ribeiro

Variedades: Albariño, Treixadura e Loureira

Grao: 13º

Prezo: 8€

Onde mercalo? Vide, Vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10)