fbpx
Crusat & CostasGalicia

Crusat & Costas: Os Mecos Hollejos 2016

Os Mecos 2016 – Hollejos de José Luis Aristegui: A perfección do imperfecto

Por Lorena Costas

Os que nos ledes dende hai un tempo (tedes mérito, así que, moitas grazas!) sabedes que xa temos falado deste produtor da Rúa (Valdeorras) anos atrás. Non obstante, convén sempre refrescar a memoria e, sobre todo, volver a poñer na primeira liña a alguén que, para min, representa moito do que me gusta no bo facer vinícola.

Primeiro por honestidade e valentía, e segundo por atrevemento, paixón e autenticidade; aínda que as súas elaboracións podan ser moi distintas entre si, por ser un elaborador inquedo e apaixonado, a súa liña de traballo sempre se mantén: respecto pola viña, observación minuciosa, mínima intervención.

Feito este obrigado recordatorio da figura de Aristegui, tócanos falar neta ocasión do seu ‘Os Mecos 2016 – Hollejos’. Godello 100% procedente dunha parcela pizarrosa, fóra de D.O. pola súa elaboración, non pode ser máis imperfectamente perfecto. Un viño co que Aristegui pretende representar o xeito de facer o viño como se facía antes en Valdeorras; sen medos, sen complicacións, con arestas e moita personalidade.

Da elaboración deste viño, que fermenta coas súas peles, falaravos Crusat, que destas cousas entende un chisco, pero por adiantar un pouco, direivos que se trata dun viño branco feito ao xeito dun viño tinto, e que desde que sae da viña ata que pasa á botella, pasa por aceiro inoxidable e despois por cerámica.

Como resultado das inquedanzas de Aristegui sae este ‘Os Mecos’, irreverente, independente, libre coma un neno, moi afastado da tipicidade da Godello exuberante e comercial: cor dourada tirando a alaranxada, aromas a mazá primeiro reineta, despois vermella, froita confeitada. En boca é un viño persistente, envolvente, seco e tánico. Unha acidez que se afasta do principio da boca para quedarse ben atrás, facendo salivar, invitando a seguir bebendo.

Coma sempre, xa sabedes, o tempo voa, e as botellas tamén, así que ide apurando a mercar unha e acompañádea neste verán cunha boa empanada de xureliños!

Os Mecos Hollejos 2016. Un abrigo de pelexos

Por José Crusat

Xa vimos hai un tempo outra elaboración de José Luis Aristegui da A Rúa. Daquela tratábase dun viño amparado pola denominación de orixe de Valdeorras, un viño grandioso cunha liña mais convencional. Neste caso imos tratar dun viño  que se atopa fora da D.O., de maior liberdade, na que este inquedo elaborador da renda solta as súas gañas de probar, de experimentar e recuperar elaboración antergas, xa case que esquecidas por mor da enoloxía máis de laboratorio limpa e impoluta.

Este Os Mecos engádese na liña experimental e de elaboración libertarias de Jose Luis, na que tamén se pode atopar un viño tinto. Neste caso trátase dun viño elaborado coa uva Godello, pero como grande diferenza, o mosto macérase cos pelexos da uva, coma se fose un tinto.

A elaboración coas peles da uva confire os viños cor por infusión, coma se fixeramos un té. Ademais aporta estrutura e taninos que fan que o viño teña máis corpo. O tempo de maceración-infusionado é xa cousa do elaborador, neste caso 20 días, se ben en futuras anadas que viran a cousa variou, na constante busca que o elaborador inquedo mantén. Despois da maceración que ten lugar durante a propia fermentación, o viño e prensado e o mosto pasa a criarse en recipientes de cerámica. A cerámica apórtalle maior microoxixenación que fai que o viño evolucione, preserve e incremente a intensidade da cor e suavice a astrinxencia.

Na fase visual da cata o viño presenta unha limpa cor amarelo palliza intensa, propia do aporte das peles das uvas. No nariz é complexo, maza madura, notas cítricas a laranxa, pexegos pasificados, e notas terrosas. Na boca nótase esa gozosa complexidade novamente, acidez media compensada perfectamente cos taninos suaves. Lixeira adstrinxencia, sequidade, quentura agarimosa.

Para acompañar o viño propoño unha comida con certa contundencia, que o viño ben pode con ela, e por iso poderiamos acompañalo con arroz con lumbrigante, o que poda que escolla produto local, e os que non chegamos a elo conformarémonos cun bichiño do Canada.

FICHA TÉCNICA

Adega: José Luis Aristegui

Sen D.O.

Variedades: Godello

Grao: 13º

Ano: 2016

Prezo: En torno aos 18€ en Vide, Vide!