fbpx
Crusat & CostasGalicia

Crusat & Costas: Os Dunares

Escaparate de Vide, Vide! Foto: Iván Barreiro

A vida, ás veces, pode ser cor de rosa

Por Lorena Costas

E digo “ás veces” principalmente por dous motivos: o primeiro, por alusión á fermosa cor deste viño, rosado, que como ben sabedes, aínda non se atopa nas preferencias dos bebedores de viño, sobre todo en Galicia, algo que estamos dispostos a cambiar nós neste artigo. O segundo motivo é porque para que a vida sexa de cor de rosa, estas dúas bravas mulleres tiveron que sacar adiante un proxecto que, seguramente, non sempre foi sinxelo de levar a cabo.

Os Dunares como concepto nace das mans de María Falcón, adegueira de tradición familiar en Adegas Don Olegario e Cristina Yagüe, enóloga, e pretende dar forma a unha liña de viños enmarcados na viticultura sostible e na pegada persoal en todas as fases de produción: solo, viña e viticultor e, finalmente, o viño. Ambas as dúas toman o nome de “Anónimas” para este proxecto que pretende render unha sentida homenaxe  a todas esas mulleres que teñen desempeñado labores relevantes en diversos campos da sociedade pasando desapercibidas no seu tempo.

Dentro deste proxecto nace o seu primeiro viño “Os Dunares 2016”, rosado 100% caíño tinto e non amparado pola D.O. Outra vez caíño tinto? Si si, pero desta volta transformado nun rosado moi diferente aos que se soen ver habitualmente. Uva típica da zona do Salnés de onde sae este viño, dunha parcela única asentada no municipio de Cambados, co seu característico solo granítico que tanto carácter lle aporta aos viños desta zona.

A fermosa etiqueta, ao igual que o viño, inspírase na paisaxe e características do ecosistema dunar atlántico, que podemos observar en moitas zonas do litoral; non resulta difícil trasladarse ás dunas de Corrubedo, as marismas da Lanzada ou a praia de Baltar cando levamos ao nariz este rosado: un anaco do atlántico na copa, pinceladas herbáceas, balsámicas e afumadas. No segundo ataque sae a primavera con fervor: mimosas, granadas e fresa ácida; tamén algún matiz de pementa negra.  Na boca sae o sal do mar, unha extraordinaria acidez típíca da caíño que non se perde neste rosado, aportando toques cítricos de pomelo rosa e tamén de novo fresas ácidas.

Que máis vos podo dicir para convencervos? Bebede, bebede sempre, pero probade, probade sempre cousas distintas; así poderedes apreciar mellor as boas, ampliaredes o voso abano de percepcións e gustos e gozaredes dese “Os Dunares”,  que eu me tomaría acompañado dunha conserva de xarda afumada, mirando ao noso Atlántico mar.

Un rosado coma ten que ser

Por José Crusat

Seguimos outra vez explorando territorios diferentes no mundo do viño. Voltamos a uva caíño novamente e a un territorio xa antes percorrido como é a costa atlántica, localizado no que sería unha grande (polo menos por extensión) DO pero con unha elaboración que non se atopa amparada polo seu selo. Probamos un viño rosado, pero alo menos para min, un viño rosado como ten que ser. Non imos a atopar aquí cousas alcohólicas, cargadas de azucre, e recordos a chupachup Kojac, que resultan empalagosase pesadas. Estamos ante un viño rosado fresco e desfrutón, para beber a garrafa enteira dunha sentada.

Para acadar este perfil, o rosado debe ser como se fora un viño branco con cor. A uva non debe madurar tanto, non se debe esperar a que a uva sexa unha compota chea de azucres, debe conservar acidez que lle aporte frescura. Despois a maceración do mosto coas peles debe ser curta para non aportar excesiva cor nin taninos. A acidez da uva caíño necesita da segunda fermentación para suavizar a bravura e iso é o que temos, un viño co carácter dun branco pero cos toques de froita e complexidade dun viño tinto.

As notas de cata comezan pola cor rosa-alaranxado, que xa nos vai indicando que non é un viño onde predomine a fresa doce coma moitos procedentes de lugares máis cálidos. Viño limpo, e de capa baixa. Nariz fresca, ao comezo lixeiro toque de acetona moi típico da variedade, despois flores de mimosas, balsámicos, amorotes verdes, granada, monte agreste, salvaxismo. Na boca salinidade, acidez contida, outra vez granada, cítrico, pomelo vermello. Amplitude media, fresco como debe ser un viño rosado.

Como maridaxe imos cun peixe azul que arranca a tempada, xurelo, rincha ou bonito tanto ten, mariñado en soia, un bo aceite e raiadura de lima. Todo elo sen dúbida debaixo dunha boa sombra agora que din que chega xa a primavera.

Foto: Iván Barreiro

FICHA

Adega: Proxecto “Anónimas”

Zona: Salnés. Sen D.O.

Variedades: 100% Caíño Tinto

Grao: 11,5º

Ano: 2016

Prezo: En torno aos 11€

Onde mercalo? Vide, Vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10)