fbpx
Crusat & CostasGastronomíaNovas

Crusat & Costas: O Barquiño 2020

Cara adiante mirando atrás

Por Lorena Costas @lorena_costas

Xa estamos de volta, desta vez cun dos nosos labregos ‘fetiche’: José Luis Aristegui. Ben é certo que xa temos falado del en Pincha, pero é que nos gusta moito o que fai, e sobre todo, gústannos os seus viños!

Non imos repetir o que xa dixemos no seu día, pero, se algo caracteriza a este viticultor (labrego como a el lle gusta que o chamen) é o seu inconformismo, a inquedanza e as ganas de pasalo ben facendo viños: Aristegui é un elaborador minucioso e, por riba de todo iso, observador. A intervención na viña debe ser o máis mínima posible, e só froito da observación pola súa parte se consegue obter o viño cando as uvas están no seu momento óptimo. E a isto converterase nalgo clave na elaboración da que nos toca falar desta vez: O Barquiño 2020. E por que? Pois diso falaravos Crusat, que como elaborador de viño, sabe máis ca min desas cousas.

Despois deste ano e medio de pandemia, na que moitos de nós seguramente nos sentimos estancados, atrapados na monotonía de días iguais, segue habendo xente coa mente inqueda. É o caso de Aristegui, que sempre anda pensando en novas ‘trastadas’ en forma de viño: un labrego que goza do seu traballo, que fai viños que transmitan un sentimento, porque como el di: “os viños necesitan unha historia que contar”. E a historia deste viño fala da tradición, que moitas veces se transforma nunha forma de innovación e tamén de aproveitamento de recursos.

Fai moitos anos, a castaña en Galicia, era un recurso vital; de feito o castiñeiro era chamado ‘a árbore do pan’: coa castaña elaborábase fariña, facíase pan, comíase (e hoxe tamén!) crúa, cocida, asada. Os soutos de castiñeiros eran predominantes sobre todo na parte oriental da Galiza. Entón... cal sería a madeira máis empregada daquela? Efectivamente, a madeira de castiñeiro, a máis tradicional da tonelería vinícola galega. Esa madeira será a que utilice Aristegui para elaborar O Barquiño 2020, un godello 100% de cepas moi vellas.

Mágoa que, na actualidade, apenas queden toneleiros en Galiza que traballen a madeira de castiñeiro para facer barricas de calidade!

O Barquiño é un viño de cor pálida, con acidez ben marcada e aromas herbais e de froitas brancas, con notas retronasais de hidrocarburo, que sorprende pola súa frescura e elegancia, moi longo en boca, e ao que os anos de garda lle sentarán marabillosamente.

A cabeciña dun labrego dos de sempre

Por José Crusat @choumimx

Voltamos a un dos elaboradores que máis me gustan, José Luis Arístegui, un labrego en Valdeorras. Desa cabeciña de labrego inquedo, da observación e gañas de aprender nace este novo viño.

Ten o ‘rapaz’ unha fi nca plantada de ‘godello antigo’ que se comporta de xeito diferente ás novas plantacións. Trátase de cepas vellas de porta-enxertos pouco vigorosos enxertadas hai máis de 50 anos. Este pouco vigor ten como consecuencia que a cepa teña poucos acios con bagos máis pequenos, pero onde se concentra a esencia do godello. Iso si, hai que estar moi vixiantes á súa maduración e collelo no momento xusto, xa que se non, pode pasarse de grao e dar viños excesivamente alcohólicos. No caso deste viño foi vendimado sobre o 25 de agosto para obter un viño contundente e ao meso tempo fresco.

E como elaborar este godello antigo? Pois en barrica de castiñeiro que era o que había antigamente antes da influencia do carballo pola parte francesa. O problema é que non quedan toneleiros en Galicia que elaboren barricas de calidade, polo que houbo que recorrer aos veciños de Asturias, para volver a facer un godello antigo dos de antes.

Na vista é un viño limpo de cor amarela clara con notas lixeiramente verdosas. No nariz, cítrico, herbas, fiúncho, a madeira está presente pero moi lixeiramente. En boca, acidez, novamente cítricos, largura e persistencia que aporta a madeira de castiñeiro.

E imos papar agora, estamos en tempo da costeira do bonito de Burela, e polo tanto imos cun par de pratos que teñen coma produto principal este peixe peláxico. Por unha banda o marmitaco de bonito tradicional para coller forza e quentar nos días frío de verán, se é que toca algún. E por outra banda, imos cun lombo de bonito curado en azucre e sal, cortado fi no e aliñado cun aceite aromatizado con sisho verde.

FICHA TÉCNICA:

Adegueiro: José Luis Aristegui

D.O.: Valdeorras

Variedades: Godello

Grao: 13,5º

Colleita: 2020

Prezo: En torno aos 18€

Fotografías: Iván Barreiro