fbpx
Crusat & CostasGaliciaGastronomíaNovas

Crusat & Costas: O ano que perdemos o sorriso / Malo será

O ano que perdemos o sorriso

Por Lorena Costas @lorena_costas

Vaia co 2020, non si??? Creo que ninguén de nós, que nos consideramos “medianamente novos” acordará un ano máis raro ca este e, sobre todo, tan malo en tantos aspectos vitais. Deixando a un lado as cuestións más graves asociadas a esta pandemia como a saúde, existen outros danos colaterais que dificilmente superaremos en anos, e que condicionarán o noso modo de ver o mundo no que vivimos.

E entre eles está o xeito de gozar do noso tempo libre e os nosos hábitos de consumo. E, como non, a nós tócanos falar do viño; eu persoalmente falarei do meu punto de vista como consumidora de viño e meu colega Crusat falará desde o punto de vista de aquel que fai viño (e que tamén o consume, claro está).

O sector do viño sufriu coma nunca este ano: pecharon bares e restaurantes, principal fonte de ingresos para as adegas. As viñotecas, aínda que abertas por ser consideradas actividade esencial, viron diminuída a súa capacidade de venta por non ter clientes (restauración pechada, xente confinada na casa) e moitas optaron por pechar igualmente. Outras optaron pola venta por internet con servizo de entrega a domicilio. Os supermercados transformáronse nos principais subministradores de viño para a poboación en xeral, que tal vez non valora tanto a calidade do viño coma a súa accesibilidade.  E aquí e onde xoga un factor tremendamente importante a comunicación e posta en valor do produto artesán, do elaborador de viño que fai do seu traballo a súa paixón, dos viños únicos e irrepetibles de cada zona, coa súa climatoloxía e chan que os fan diferentes. Esa labor que, pechada a restauración, se perde en grande medida.

Mais non todo está perdido! Nos momentos máis duros do confinamento, raro era o día no que non había máis de cinco ou seis Directos en Instagram de adegueiros e persoas do mundo do viño falando das súas elaboracións, tratando de que non perderamos nunca ese fío vermello que nos une aos que gozamos tanto dunha copa de viño. Tocounos tamén pedir o viño por Internet e deixar de pousar a copa na barra... é duro perder esa sensación de manter unha conversa agradable ao redor desa copa, pero non quedou outra que adaptarse.

E ao sector do viño, inevitablemente, vaille tocar adaptarse, facer emprego das redes sociais para darse a coñecer, facer catas virtuais, usar internet para vender os seus viños... O que nunca debemos permitir ningún de nós é que este 2020 nos borre definitivamente o sorriso, aínda que levemos cubrebocas! Brindemos sempre, polos anos mellores que virán, polo bo viño e a boa xente e, como non, polos bares!!

Na miña copa hoxe, un Treixadura Baixo Velo do mestre José Luís Mateo, un viño de Norte, con alma de Sur, por aquilo de unir todo o que me toca o corazón. Saúde!

Malo será

Por José Crusat @choumimx

Este 2020 non é que sexa malo, de momento é peor. E se hai un gremio fundamentalmente afectado é o hostaleiro, que tivo que facer un grande sacrificio para controlar a situación que temos. Non falo da primeira das “clausuras” porque nesa vímonos metidos todos, senón nesta segunda na que foi sinalado non sei se coma culpable pero mínimo coma prescindible.

Pero tralos bares e restaurantes, tamén outros sectores relacionados están a sufrir as consecuencias do peche. Co peche da hostalaría, péchase tamén o principal canal de venda dos distribuidores de viño, eses que fan de intermediarios necesarios entre os bares e as adegas.

E as adegas tamén perden a principal saída do seu produto, e hai que reinventarse a través do almacenaxe, novos canles de comercialización, venda directa o cliente final, venda online, saír o estranxeiro, aínda que seica por aí fóra tamén o están a pasar mal. Incluso houbo quen tivo que baixar prezos aínda que isto sexa un lastre de cara o futuro porque para baixar non hai fallo, pero despois para subires...

Finalmente tamén esta o viticultor. As adegas que non venden, non poden librar (baleirar) os depósitos e facer sitio para a próxima colleita. E entón, a quen se lle vende a uva?

Como vedes a cousa foi ben mala costa abaixo nesta cadea dende o viticultor ata o cliente final, vós, os consumidores. E aí foi onde xurdiu a maxia, e a partir de onde volverá a hostalaría e a vida ás nosas cidades.

Vós non vos esqueciches, mercastes nesas novas canles, fixestes que as tendas puideran sobrevivir, que os distribuidores aínda estean aí, que as adegas puideran mercar a uva do viticultor.

E agora para rematar soamente vos pido que cando os restaurantes e bares volvan a abrir, que pidamos unha garrafiña de viño e pensemos que con ela estaremos a axudar a moita xentiña que vive de elo. E volveremos a partillar cos amigos e veciños, e a dar vida ás nosas rúas. Que malo será!

E se hai que pedir unha garrafa de viño, veña bótalle tamén un “chuletón” de vaca do país, para acompañar a ese Traste de Adegas Aristegui de A Rúa.

 

FOTO: IVÁN BARREIRO