Crusat & Costas: O Alborexar 2016

Amencer vermello no Ribeiro

Por Lorena Costas

Alborexar: amencer, rexurdir, saír o Sol. Son algúns dos sinónimos que podemos atopar na nosa lingua para esta fermosa palabra. E que ben escollida por parte destes catro amigos que un día decidiron poñerse a facer viños tintos no Ribeiro. Como xa sabedes, vós que sodes inquedos e vinófilos, e todos aqueles que nos ledes de cando en vez, o Ribeiro sempre foi zona onde predominan as variedades brancas: Treixadura, Godello, Lado, Albariño... por citar as máis coñecidas e empregadas.

Ai, pero no Ribeiro tamén podedes atopar variedades tintas ben interesantes, entre elas as que compoñen este viño do que hoxe falamos: Sousón, Caíño Tinto, Brancellao e Ferrón. Pois ben, estes catro amigos apostaron un día por traballar estas variedades, que afortunadamente hoxe, grazas a xente coma eles, e a moitos outros elaboradores, se están volvendo a recuperar e a poñer en valor. E nesta ocasión na zona de Castrelo de Miño, que se caracteriza aínda máis pola hexemonía dos brancos. Con todos estes datos, seguro que xa vos apetece saber un pouco máis dos tintos do Ribeiro e, sobre todo, probar o viño, non si?

O fío condutor deste proxecto, foi (e segue a ser), a recuperación de viñas antigas, da propiedade destes catro adegueiros, e o emprego dunha forma de traballar tradicional, na que os viñedos se expresan sen demasiadas intervencións do home. Así se fixo con este O Alborexar 2016, no que o Sousón e o Caíño se mostran con toda a súa frescura e carácter, e onde queremos tamén destacar a variedade Ferrón, da que Crusat vos contará un pouquiño máis.

Se algo me gustaría remarcar por enriba de todo, é a sinxeleza e pureza coa que se expresa este viño: Un nariz de froita austera, sen exuberancias molestas; froitas negras, compota de mora, e unha expresividade do chan francamente agradable: arxiloso e areoso, terra mollada que trae lembranzas dun verán cálido pero amable. O viño en boca é longo, redondo, non hai verdores nin aristas desagradables; a Caíño sobresae cunha acidez ben posta e o Sousón aporta unha fermosa cor granada brillante e un matiz secante e tánico que lle conforma carácter. Madeira imperceptible e moi ben integrada.

Viño para beber e beber, conversando ao carón do lume, ou, se o tempo o permite, sentados por que non, nunha terraciña no Parque Náutico de Castrelo de Miño, contemplando a paisaxe de onde proveñen estes viños, tapados cunha mantiña, e unhas castañas asadas como acompañamento perfecto. 3400 botellas vos agardan, eu xa teño a miña, e ti?

A experiencia das cepas vellas

Por José Crusat

Estamos outra vez no Ribeiro, e desta volta cun viño tinto. Novamente viño de mestura de uvas onde cada unha de elas aporta o seu carácter para a complexidade do viño. Non atopamos a típica mencía, senón caíño (acidez de frescura), brancellao (finura delicadeza), sousón (contundencia e tánico) e ferrón (estrutura e froita).

O viño está elaborado a partires das cepas vellas recuperadas por catro viticultores que deciden xuntarse a arrancar un proxecto conxunto. Traballan parcelas pequenas espalladas por distintas zonas, pero todas elas de cepas antigas de variedades autóctonas e traballadas de xeito manual, xa que as fincas non permiten a súa mecanización. As cepas vellas teñen rendementos moito máis baixos, pero pola contra concentran no froito toda esa longa vida. Para min é a experiencia das persoas maiores.

Pero falemos do ferrón, ás veces tamén chamado ferrol. É outra desas uvas de pouca presenza pero que aporta toque diferenciador aos viños nos que intervén na súa mestura. É unha uva vigorosa de produtividade media e que require un bo traballo de viña, na que debe de controlarse a súa produción para ofrecer uvas equilibradas. É sensible ás secas, golpes de sol e susceptible aos ataques de botrite ao final do ciclo produtivo. No viño aporta estrutura, corpo, unha boa acidez que equilibra os viños.

Viño tinto de capa media alta, de cor vermello escuro, cereixa picota, que case que tapa o que ves a través da copa. No nariz indica quentura, agarimoso, froita vermella, moras negras, copota, terroso e canto rodado. Cando se bebe amosa esa quentura xusta, viño longo con acidez agradable, que se deixa beber, cirola negra e marmelada de moras.

Imos pois adiante a gozar do viño, e como mellor que comendo. É tinto fresco que aínda non nos pide un cocido de pleno inverno, pero si que é viño de outono e por tanto tempo de pratos de culler, coma unhas lentellas estufadas, cuns boletus.

FICHA TÉCNICA

Adega: O Alborexar no Ribeiro

D.O. : Ribeiro

Variedades: Sousón, Caíño Tinto, Brancellao e Ferrón

Grao: 13º

Ano: 2016

Prezo: En torno aos 11€ en Vide, Vide!

Fotografía: Iván Barreiro