fbpx
Crusat & CostasGaliciaGastronomía

Crusat & Costas: Mix branco 2020

A pureza está na MIXtura

Por Lorena Costas @lorena_costas

Ou, para sermos máis exactos, segundo o Dicionario da Real Academia Galega, na mestura, e parafraseando ao benquerido Pau Donés, “na pureza non hai futuro, a pureza está na mestura, na mestura do puro, que antes que puro foi mestura”.

Así comezamos este artigo, para falarvos dun viño e dun elaborador que non pretenden encaixar en ningunha zona concreta, que non despreza as etiquetas de D.O. ou I.X.P. pero que prefire dar protagonismo ás parcelas, e máis concretamente ás parcelas ao redor da ribeira do río Miño. Deste xeito, os seus únicos lindes serán os das beiras do río, e non as fronteiras dos mapas ou das administracións.

Estamos a falar de Gutier Seijo, anteriormente coñecido por ser enólogo da adega Dominio do Bibei, onde estivo ata o ano 2017 aproximadamente. Foi no 2019 cando comezou o seu proxecto persoal, establecéndose nunha adega en Esposende; mais como el mesmo di, “Mixtura non é unha adega, é un concepto”, que ten como obxectivo atopar os cinco grandes terroirs dentro das ribeiras do río Miño. Afirma Gutier que as variedades autóctonas da Galiza adáptanse de xeito impecable nas marxes dos ríos, conseguindo así viños de alta expresión; e por iso para el a súa adega é coma un pequeno taller onde interpretar eses terroirs, esas variedades que sendo as mellor adaptadas a esas zonas en todo o seu amplo sentido, vanlle dar un equilibrio, unha madurez e unha estrutura que non atoparían noutras parcelas.

Se tivera que definir un fío condutor dos seus viños diría que a mineralidade, sen dúbida, e así mesmo mo dixo Gutier: “Os viños de Mixtura son moi minerais, porque a base do noso traballo son as parcelas en si, non as variedades por separado”. Por iso Mixtura é especial, porque aínda que as uvas proveñan de lugares diferentes, teñen un nexo de unión: o río, ben deste lado da fronteira, ou ben da outra beira, como sucede con MIX Branco 2020. Parte da uva, o 50%, neste caso Treixadura, provén do val do Avia, de chans ricos en xábrego. A outra metade, Albariño, provén da zona de Melgaço en Portugal, de chans de granito descomposto na meirande parte.

Da súa elaboración falaravos o meu compañeiro Crusat con máis detalle, así que eu tan só direi que xa teño probado este viño en varias ocasións e vós non deberiades perder a oportunidade: mineral, profundo, con tensión e final persistente, seguiredes pedindo máis. Saúde!

Sexo nunha tinalla

Por José Crusat @choumimx

Este viño MIX é froito da unión para crear unha nova vida. Recordades a historia da flor e a abella? Ou de papá e máis mamá? Pois iso é este viño, dúas uvas que se xuntan, dous vals, dous tipos de chans, dando lugar a algo único e diferente.

O pensador e elaborador deste viño, Gutier Seijo, concibe o resultado final xa dende o comezo, xuntando un 50% treixadura e outro 50% albariño no mesmo momento da concepción do viño. O mosto das dúas uvas xúntase antes de fermentar. Fermenta pois xa mesturado en tinallas de barro (porque si, existen as tinallas de barro na elaboración de viños e hai que dicilo), e acaba a crianza nas mesmas tinallas. Trátase de tinallas de barro sen tratamento interior, que aportan o contacto coa terra, e a porosidade que permite una pequena oxixenación do viño na elaboración. Mesturando outra vez o río maila terra que miraron as uvas ó medrar. O viño que flúe coma o Miño por as terras aluviais do barro das tinallas.

Na cata, visualmente é un viño limpo, de cor amarelo brillante, e ribete dourado. No nariz é un viño cunha intensidade media, froita de oso, ameixa, flores, froita branca madura, pera, e mineral. Na boca ten volume, pero con tensión, acidez moderada e final lixeiramente amargo. É, pois, un viño complexo que recolle o mellor das súas uvas e elaboracións.

E se queredes saber máis sobre o seu proxecto, Gutier ten dúas liñas de traballo: a línea de Mixtura, que pretende mostrar o potencial de cada parcela por separado; e a liña de MIX, que busca outro tipo de matices; máis experimental e libre, onde encaixa este estupendo Mix Branco.

Imos pensar que lle botamos enriba a este excelente viño. Coma estamos xa en tempos de outono e os cochos xa morreron polo San Martiño, propoño unha terrina de cachucha de porco cuns cogomelos guisados na propia graxa da mesma cacheira. E se non queremos tanta reviravolta dámoslle a cachucha nun cocido co bolo de pote incluído.

FICHA TÉCNICA:

Adegueiro: Gutier Seijo - Mixtura

D.O.: Sen DO

Variedades: 50% Treixadura e 50% Albariño

Grao: 13º

Colleita: 2020

Prezo: En torno aos 19€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.