fbpx
Crusat & CostasGaliciaGastronomíaNovas

Crusat & Costas: Louro 2021

Louro 2021 ou o sabor do traballo ben feito

Por Lorena Costas @lorena_costas

Ola xente! Tras un pequeno descanso no último número de Pincha, xa levabamos algún tempo sen catar viño, eh? Imos pois a Valdeorras, concretamente ao municipio de O Bolo, na Subzona Val do Bibei da D. O. Valdeorras. Alí, ao pé do Macizo Central Ourensá, sitúanse as viñas de Rafael Palacios, que el foi mercando aos vellos viticultores da comarca dende que se estableceu na zona, no ano 2004. 

Coido que ningún amante do viño que nos lea dirá que non coñece a Rafa Palacios: O máis novo da familia de J. Palacios, fundador da adega do mesmo nome en Alfaro, La Rioja, que agora dirixe o seu irmán Álvaro e onde comezou a súa andadura vitícola. Viaxou, e moito, aprendeu, investigou, coñeceu outras variedades; e particularmente namorou da nosa Godello, pola súa profundidade e estrutura. Foi así como comezou no 2004 o seu proxecto persoal, atraído tamén por esa particular orografía do fermoso Val do Bibei, a baixa produción dos seus solos pouco fértiles e ácidos, predominados polo granito, que fai unha espléndida labor de drenaxe cando as choivas son abundantes. Esta comarca vitícola, por mor da filoxera, das crises económicas e da baixa produción, levaron ao case total abandono do cultivo da vide. Nesta zona, o cultivo faise maioritariamente en bancais; trátase de pequenas parcelas (o habitual en Galicia), que se transmiten por herdanza a sorteo, de aí o nome de “sortes” que reciben estas viñas. Seguro que moitos de vós coñecedes o seu viño máis famoso, “As Sortes”, ou o recentemente premiado con 100 Puntos Parker “O Soro”: a calidade dos seus viños é, por tanto, innegable.

Palacios traballa actualmente 28 parcelas en propiedade, cunha superficie total de case 25 ha. da variedade Godello. Son cultivadas ao xeito tradicional con tratamentos ecolóxicos, e as sortes máis vellas gozan dos coidados da agricultura biodinámica. Rafa está presente nos traballos de campo e procesos de elaboración, sempre co máximo respecto á identidade de O Bolo e os seus viños. 

Louro 2021 é un viño froito da paciencia, da espera, do traballo ben feito nun ano que se complicou e fixo retrasar a vendima, tal e como vos explicará Crusat. Un viño maduro (en todo o sentido da palabra), pero cunha estupenda acidez e profundidade, moi moi mineral. Un viño que xa deixa entrever hoxe que terá unha moi boa capacidade de garda, así que facédevos con algunha botella, porque de seguro vos vai encantar. 

Louro 2021 ou como interpretar o ano no viñedo

Por José Crusat @choumimx

Que di Lorena que hai un tempo que non catabamos viño, e iso é en parte certo. Catar, catar... non catamos, pero beber viños si que se beberon. Tiñamos que ir facendo fondo de armario. Chámase estudo de campo. E entre eles decidimos optar por o Louro 2021 de Rafael Palacios.

Outras veces xa falamos da uva godello e das súas características, polo que hoxe imos falar da propia anada en si. De como as condicións climáticas que varían todos os anos confiren características especificas. O ano 2021 comezou cun inverno frío e pouco chuvioso, que provocou unha agromada do viñedo tardía. A primavera, tamén fría e con choiva moderada, deu paso a un verán suave, pero seco, aínda que a final de agosto choveu acelerando a maduración da uva. A cousa prometía unha anada fresca de acidez natural e con boa maduración. Pero cando tocaría vendimar volveron as chuvias durante todo o mes de setembro, o cal obrigou a moito traballo no campo para poder conservar en plenitude as uvas e que a podremia non levara por diante todo o traballo feito durante todo o ano. A espera e os bos coidados deron lugar a un viño de acidez e de unha boa maduración.

Trátase dun viño de cor amarelo palla con bordes verdosos e limpo. No nariz temos fiúncho, flor de toxo, cítricos. En boca é potente graxo, boa acidez marcada pola anada, salino, novamente fiúncho e cítricos.

Aproveitade e buscádeo que este tipo acadou agora os 100 puntos Parker cun dos seus viños de Valdeorras. Ese custa dous riles, pero con este que vos recomendamos hoxe temos un grandísimo viño.

Como proposta de maridaxe propoño uns brotes de fiúncho ao forno cunhas poucas herbas e un bo chorro de aceite de oliva de Quiroga. Ou tamén podemos optar por uns chícharos de tirabeque pequenos e frescos (o que agora chaman bágoa) cunha xema de ovo e unha fina lámina de papada de porco. Desta vez ides comer moi san todos que xa se achega o verán e hai que empezar a lucir o corpo.

 

FICHA TÉCNICA:

Adegueiro: Rafael Palacios

D.O.: Valdeorras

Variedades: Godello

Grao: 14º

Colleita: 2021

Prezo: Sobre 18€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.