fbpx
Crusat & CostasGalicia

Crusat & Costas: Fasquía 2017

Un novo rumbo nas rías atlánticas

Por Lorena Costas @lorena_costas

É ben certo que ultimamente estamos moi “atlánticos” na nosa sección, e ben sabedes que gustamos moito dos chamados tintos atlánticos. Imos pecar de repetitivos para falarvos doutro tinto, pero desta volta, facémolo tamén por outro motivo: Para falarvos da IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria, que naceu no 2007 para dar cabida aos viños elaborados nas comarcas de Ría de Arousa e que ano tras ano demostra que se fan viños de altísima calidade noutras beiras do atlántico distintas dos dominios da D.O. Rías Baixas. Da IXP falaravos en profundidade Crusat, posto que é ben coñecedor da zona e dos seus viños (por que será?); eu, coma sempre, falarei das persoas que hai detrás das elaboracións.

Nesta ocasión trátase da Adega Antonio Saborido López,situada en Boiro,que nace tras uns 35 anos de actividade vitícola do seu propietario. Xa nesa zona había tradición vitícola alá polos anos 30 – 40, pero moitas viñas abandonáronse e foise perdendo a viticultura. Antonio, que antes traballaba no mar, decidiu, xunto con outros viticultores da zona, recuperar esa tradición, impulsando dese xeito a creación da IXP Terras de Barbanza e Iria, da que forma parte desde o ano 2007, ano da súa creación.

Aínda que a adega de Antonio Saborido é máis coñecida polas súas elaboracións con uvas brancas, como o albariño e o raposo, unha vez máis queriamos falar dun tinto; o seu Fasquía 2017. Como Antonio foi un home de mar, gústalle lembrar a súa vinculación con ese mundo, de aí o nome de Fasquía, que fai referencia a unha peza de embarcación. Nace este viño dunha unión entre a mencía e o caíño tinto, para buscar unha expresividade distinta mediante a mestura; a mencía nestas zonas compórtase de xeito ben distinto ca no interior, e acaíño tamén resulta menos ácidaque noutras zonas atlánticas, polo que nos atopamos cun viño de pouca gradación, de trago lixeiro, pero sen perder a rusticidade e salinidade que lle aporta a cercanía do mar.

Aromas mentolados, de terra mollada e froitos vermellos e amoras, de trago salino e suave, perfecto para tomar cunhas verduras á grella, unhas pataquiñas con pel e pimentón, agora que as noites comezan a refrescar pero aínda temos ganas de verán, non si?

Entre o mar e a terra

Por José Crusat @choumimx

Fasquía é un viño elaborado por Bodegas Calidade de Antonio Saborido López, unha das catro adegas adscritas á denominación IXP Viños da Terra do Barbanza e Iria, e da cal é un dos promotores e pertence desde o seu comezo no ano 2007. Cos anos, a adega da familia pasou de ser unha adega tradicional que vendía a produción a granel, como moitas da zona, a sufrir unha profunda transformación e modernización; iso si, mantendo a esencia do terreo no que se asenta, ese carácter arousá que se percibe nos seus viños.

Esta IXP de Viños da Terra acolle adegas dos concellos de Porto do Son en parte, Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro ,Padrón en parte, Pontecesures, Valga e Catoira. É dicir, toda a banda norte da Ría de Arousa, o fondo da mesma, e a metade da banda sur ata lindar cunha DO.

Trátase pois dunha rexión de viños de calidade cento por cento atlántica e mareira. Onde o mar sempre condicionou a vida das súas xentes, e o resto do territorio. Nela o viño sempre foi un dos produtos tradicionais elaborándose tanto viños brancos coma tintos, e incluso claretes. No caso dos viños tintos como do que estamos a falar, empréganse diversas castes coma o Caíño, Sousón, Mencía, Espadeiro, Brancellao e Merenzao. Neste Fasquía temos unha mestura de Caíño e Mencía case a partes iguais cunha pequena presenza de Sousón.

Este é un viño de capa media non moi escuro que denota lixeireza na copa. No nariz presenta notas de terra, pedra, herbáceos e froitas vermellas. Na boca é un viño lixeiro, de paso fluído e sinxelo, amósanos froitas vermellas acedas coma grosellas e framboesas, acidez, lixeira adstrinxencia e secante, e unha salinidade identitaria do territorio e a súa proximidade ao mar.

Como prato para acompañar este viño (ou era ao revés), e sendo prato mariñeiro, penso nun polbo á feira cun bo aceite virxe e pementón da Vera extremeña. Por outra banda, se somos máis arriscados, por que non nos propoñemos maridalo cunha ensalada de polbo e cogombro mariñado e cunha salsa de mostaza xaponesa e miso branco.

FICHA TÉCNICA

ADEGA: Antonio Saborido López

D.O.: IXP Terras de Barbanza e Iria

VARIEDADES: Caíño tinto e Mencía

Grao: 12,5

Ano: 2017

Prezo: En torno aos 9-10€