Crusat & Costas: DisTinto

Costas e Crusat, en Vide Vide! Foto: Iván Barreiro

DisTinto: Ti que queres ser: gato pardo ou ovella negra?

Por Lorena Costas

Os que nos ledes habitualmente xa sabedes que non adoitamos ser moi convencionais nas nosas escollas de viño; máis ben nos gusta facervos pensar, que vexades que nunca que se deben dar por supostas as cousas  “porque sempre se fixeron así”. Nin Ribeiro só é terra de brancos, nin Ribeira Sacra só de tintos, nin Rías Baixas a hexemonía do albariño.

E velaí temos este tinto que revela a súa intención xa visualmente. Esa etiqueta que reza “DisTinto” non leva a engano, chama a atención nos estantes e deseguida queres ser un dos que probe esas 1.333 botellas da anada 2015; queres saber máis dun tinto de Rías Baixas, crecido en zonas realmente complexas, moi no límite da D.O. no seu punto norte.

Adegas Castro Brey, comandadas por Ramón Blanco, arquitecto de profesión e adegueiro por paixón e orgullo, localízase na zona de Camanzo, Vila de Cruces, na Subzona do Ulla. Sabedes que o temos a tan só 20 quilómetros de Compostela, verdade? Adegas Castro Brey existe por unha avoa, por esas tantas avoas que traballan e traballaron na terra desde que o tempo non se recorda. E a avoa de Ramón posúe fincas de cepas moi vellas, na meirande parte dun albariño espectacular que vos recomendo beber e tamén cepas duns 50 anos desta variedade chamada Caíño Tinto, da que xa temos falado nalgunha outra ocasión.

Entón: Por que voltar a falar dun viño elaborado con 100% esta variedade? Pois entre outras razóns, para que saibades que nesta zona, na que non imaxinariades que houbese viño, haino, e baixo unhas condicións francamente complicadas, que fan que as cepas se expresen con máis carácter. En parte pola localización da adega, protexida das zonas máis frías, nun xeito de “val térmico”, e en moita más medida se cabe, polo coidado que profesan todos os que a traballan, xa que é unha zona de clima complicado. De feito, ata teñen un muíño de vento con sensores de temperatura para axudar a disipar as néboas que adoitan cubrir os viñedos, algo realmente inédito e innovador que merece a pena destacar.

E voltando a este viño, edición especial deste pasado Nadal e primeiro tinto da adega, aínda que as cuestións técnicas llas deixe ao meu compañeiro, diremos que realiza unha crianza de tan só 6 meses en barricas usadas de carballo francés, despois da fermentación en aceiro inoxidable o que doma lixeiramente a variedade sen restarlle o seu carácter bravo que tanto nos gusta.

Asoman os aromas de monte atlántico, tamén de froitos negros coma arándanos e especias. En boca resulta moi agradable, frutoso, de paso fácil que invita a beber máis; tamén salino, propiciado, como non,  por ese chan granítico e a propia variedade.

Supoño que despois do que vos contamos, tamén quereredes ser DisTintos, e abrir axiña unha botella!

DisTinto: É o nome do viño

Por José Crusat

Tiramos outra vez a un viño tinto da DO Rias Baixas elaborado coa uva caíño 100%. Trátase dun viño da DO aínda que dunha localización de interior, afastada da costa, de onde a xente non pensa que exista viño, e habelo haino. Viños distintos de carácter diferenciado.

A uva caíño é dun perfil bravo polo que hai que domala. É uva, coma xa contamos algunha vez, cun carácter agreste, acidez marcada e que non adoita a coller moito grao alcohólico. É na viña onde a de comezar a doma deste teimudo viño, que topou cun viticultor e adegueiro quizais moito máis testán que ela. Decidido Ramón Blanco Lobeto a sacar un gran viño, a partires do que fora decisión da avoa da súa muller que foi quen plantou as viñas desta caste, comezou a estudar o comportamento da uva. Comezou a tirar ao chan a metade da uva en verde, para que a planta soamente dedicase a produción de azucres para una pequena cantidade de uva, esfollados e clareados para mellorar a ventilación e vendimas tardías ben entrado o mes de outubro.

Xa na adega se elabora paseniño, fermenta en depósito de aceiro inoxidable para despois pasar a unha crianza de 6 meses en barrica de carballo francés usado, para preservar a froita e que a madeira non a enmascare. Pola súa bravura é necesario que o viño pase polo proceso de fermentación maloláctica onde a acidez suaviza e redondea.

Viño cunha capa de cor baixo propio da variedade, cereixa con destellos violáceos. No nariz destacan a notas de froitas vermellas e negras ben maduras, especias e herbas silvestres. Xa na boca é de entrada fina, pero que despois abre enchendo a cavidade, ten un final lixeiro e boa acidez equilibrada que fai que non sexa pesado e que se deixe beber ata esgotala botella enteira, facédebos con mais dunha. Aparece novamente a froita vermella, pero tamén é cítrico a laranxa sanguina e grosellas.

Para gozar do viño ademais de tomalo sen máis, apostamos por unhas “uñas” de porco. Poden ser guisadas con patacas, chourizo e un bo sofrito, ou cocidas con bertóns e patacas. Tamén me valería cun cocido, por que non!

 

FICHA TÉCNICA

Adega: Castro Brey

Zona: D.O. Rías Baixas (Subzona do Ulla)

Variedades: 100% Caíño Tinto

Grao: 12º

Ano: 2015

Prezo: Sobre 13€

Onde mercalo? Vide, Vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10)