fbpx

Crusat & Costas: BOAS VIDES 2017

Desde a raíz

Por Lorena Costas @lorena_costas

Despois dun tempo parados (e confinados), que mellor forma de coller azos que seguir falando de viño e bebéndoo?

A resposta está clara, así que non perdamos tempo. Desta vez imos cun viño fóra de D.O. e imos falar dunha persoa profundamente vencellada á súa terra e determinada a levar adiante un proxecto de recuperación de variedades e tamén de parcelas de terras, concretamente de socalcos. Que que é un socalco? Pois unha terra de cultivo contida por un valado de pedra nun terreo moi pendente. Pois niso anda Antonio Míguez Amil, alá polas terras do Ribeiro, no suroeste do Val do Avia, desde o ano 1993. Case sen recursos, pero con moita sabedoría e practicando a viticultura ecolóxica e rexenerativa, sempre dentro do movemento respecto a natureza, na procura, como el di, de viños tintos saudables e distintos, moi pegados á terra. Rodéase sempre de bos amigos de profesión: Bernardo Estévez, Emilio Rojo, Nacho González, Iago Garrido, Lois Anxo Rodríguez, entre outros.

Hai case catro anos que se decidiu a facer viño tinto de todas estas castes autóctonas das que  fala o meu compañeiro Crusat: Carabuñeira, Zamarrica, Caíño Longo, Espadeiro do Avia, Sousón… No caso que nos ocupa, en Boas Vides 2017 destaca a Carabuñeira en proporción de 40% con respecto das outras variedades. Unha mágoa que esta variedade tan antiga non estea recollida aínda nos pregos da D.O. Ribeiro, pero nós como consumidores podemos gozala igualmente neste magnífico BOAS VIDES 2017.

O resultado é un viño tinto con “raza”, non é un viño atlántico, senón que máis ben lembra aos tintos portugueses: froita vermella madura, cereixas e amoras, e moito, moito granito, moita terra (no mellor sentido) na copa e nos beizos; boa estrutura e acidez, como di Antonio, “este viño é un libro escrito que fala da paisaxe e do clima, no que a plurivariedade permite viños primitivos e ao mesmo tempo modernos e con vida alén dos tópicos”.

Non podemos estar máis de acordo coas súas verbas, pois este viño sorprendeunos moito e para ben, con moita personalidade, madeira ben integrada e gustoso de beber ata baixar a botella sen darse moita conta! Que tal se o tomamos cun steak tartar? 

Un viño transfronteirizo

Por José Crusat @choumimx

Andamos de volta despois dun parón por esa cousa do coronavirus. Pero estamos de volta a escribir e recomendarvos bos viños para beber, porque nós non paramos de beber e gozar do viño. Anímovos a todos a pedir e consumir na casa viños da nosa terra, apoiar aos comerciantes e elaboradores nestes tempos.

E neste caso imos falar dun viño localizado no Ribeiro pero a pesares de non ter DO, é precisamente un viño que nace do mais profundo dese territorio. Froito do traballo de recuperación de viñedos antigos e castes case que esquecidas. Unha mestura de variedades coma o Sousón, a Garnacha, os Caíños, o Brancellao e a Carabuñeira.

E falemos pois desta “Carabuñeira”. Trátase dunha caste recuperada e aínda non recoñecida no catálogo de variedades de Galicia polo que non pode empregarse para a elaboración de viños amparados polas denominacións de orixe. Esta caste crese que está emparentada coa portuguesa Touriga Nacional, se non é a mesma variedade. E este feito fálanos precisamente de esa relación entre ambas beiras do río Miño que as fronteiras administrativas tentaron de separar. Un exemplo máis da mestura, cruce de camiños e diversidade do Ribeiro. Un viño de castes transfronteirizas.

Visualmente é un viño de capa media cor vermello-granate. No nariz aparecen certos toques vexetais, posible raspón, para despois pasar aos tostados suaves, pementa, mineralizade, xabre, e finalmente moitas froitas vermella e negras. En boca destaca a frescura e  a acidez ben medida, ameixas vermellas, lixeiro toque de mina de lapis, mineral. Un viño con corpo e estrutura pero que ao mesmo tempo é lixeiro dabondo para poder beber del sen caer canso.

Coma maridaxe propoño para este comezo de outono e o fin das festas e feiras (aínda que este ano teña que ser na casiña, pero non quededes sen festas!), un prato de polbo a feira. Ou pola outra banda, unha filloa de polo con prebe de “mole poblano” que pide seguir bebendo do viño, para compensar ese toquiño de picante que lle aporta a súa combinación de chiles.

FICHA TÉCNICA:

Adegueiro: Antonio Míguez Amil

D.O.: Sen D.O.

Variedades: 40% Carabuñeira, 50% entre Brancellao, Espadeiro, Garnacha e Sousón

Grao: 13,5º

Colleita: 2017

Prezo: Sobre 18€