Crusat & Costas: Albamar 2018

Nacido para triunfar

Por Lorena Costas @lorena_costas

Co almanaque case que acabado de estrear, estámonos dando de conta que hai moito tempo que non falamos dun albariño 100%. Temos ido polas Rías Baixas nunhas cantas ocasións, pero falamos máis dos tintos atlánticos que dos brancos, quizais por aquelo de non caer no de sempre: a xente asocia Albariño con Rías Baixas e apenas hai cabida para nada máis. Nós, desde Pincha, ben que vos insistimos en que hai vida máis aló do Albariño, non si?

Pero chega o momento de “facerlle a ola” á uva máis coñecida da nosa terra, tanto aquí como alén das nosas fronteiras, e, polo tanto, de renderlle homenaxe falando dun viño, que máis que un viño é unha institución para os amantes dunha albariño fóra dos parámetros comerciais: Albamar de Xurxo Alba Padín.

A adega nace hai uns 40 anos, principalmente para o autoconsumo, pero logo dunha serie de circunstancias familiares, os pais de Xurxo deciden comezar a plantar viñedo e traballar as terras; mentres, Xurxo ten cada vez máis claro que o seu futuro estará sempre ligado ao viño, polo que dirixe os seus estudos a formarse en enoloxía e enxeñería industrial. Así é como nace, co paso do tempo, a adega Albamar, como froito dese soño de Xurxo de ter unha adega propia, na que se fusiona o apelido da familia “Alba” que tamén está presente na palabra “Albariño” (o mundo está cheíño de casualidades que igual non son tan casualidades), coa proximidade das viñas ao mar.

Así, en 2006, nace entre outros, o viño que lle dá nome a todo o proxecto: Albamar. Tras el, virán outros moitos viños de Xurxo, sempre fieis á súa filosofía de elaboración, que eu sempre gusto de traducir nunha palabra: Respecto. Todos os que coñecemos a Xurxo en persoa podemos coincidir no que transmite cando imos a visitalo á adega, traballo, observación e constancia; as súas elaboracións reflicten a súa personalidade e o seu respecto pola viña e as variedades, o chan e a tipicidade da zona, que asentada no que a min me gusta chamar o Grand Cru (non, non ten que ver co meu compañeiro Crusat, aínda que da zona e demais cuestións técnicas será el quen vos fale) das Rías Baixas, a Subzona do Salnés, lle aporta aos viños grandes doses de salinidade.

A miña primeira lembranza deste viño tivo lugar grazas a un concurso celebrado por outro benquerido amigo galego: Mariano Fisac e o seu ránking de viños por menos de 10 euros, aló polo ano 2012 cando Albamar 2011 fíxose co número un. Albamar é un viño nacido para gañar, insuperable relación prezo-calidade e, sobre todo, un perfecto exemplo de como debe ser un albariño “de verdade”, fuxindo de aromas tropicais e de tragos que dan dor de cabeza ao día seguinte.... Albamar 2018 é un viño potente e robusto, pleno de salinidade e mineralidade, e moi expresivo no nariz, con aromas cítricos e pera branca: un Albariño de 10, perfecto para combinar nestes días cuns mexillóns ao vapor.

Un rapaz como ningún

Por José Crusat @choumimx

Imos falar dun rapaz. Porque falar do viño Albamar é falar de Xurxo Alba e os seus soños. Trátase dun viño de albariño sen trampa nin cartón, honesto coma o seu creador, accesible, humilde, sinceiro, aberto e divertido. Un rapaz que foi quen de entender a súa terra e que coida poñer a súa terra en cada unhas das súas botellas. Mais sen saber que o que alí dentro vai tamén é Xurxo.

Trátase do viño principal en canto a elaboración da adega, polo que xa se entende o resto dos viños mirando a calidade deste. É un viño elaborado con 100% uva albariño procedente de múltiples parcelas na zona de Castrelo en Cambados. A proximidade ao mar, ademais de dar nome ao viño por unha banda, tamén inflúe nel cos chans areosos, frescos, lixeiros e coa influenza do sal. O viño permanece en contacto coas lías (os lévedos mortos despois de fermentar) durante seis a oito meses, aportando estrutura e protexendo o viño. Neste viño non se permite que ocorra a fermentación maloláctica, polo que a frescura e a acidez propia veñen da viña.

Viño limpo de capa clara, amarelo pálido, borde verdoso. No nariz é un viño fresco, intensidade media con notas propias da variedade albariño, mazá verde, cítrico, anisados, nada que ver cos albariños de lévedos industriais con esas notas froitas tropicais, o Caribe non está nas Rías Baixas. Na boca é un viño fresco, con potencia, salino, de acidez punzante, trisca, chispea pero ao mesmo tempo amable, nada agresiva. Volta de vez a mazá, cítricos e fondo de anís.

Como proposta de maridaxe para este viño venme a mente unha tradicional caldeirada de raia con patacas novas, unha boa allada e pementón afumado de la Vera (que ben a cociña a nai de Xurxo). Xa dun xeito máis moderno, propoño unha tempura de raia, con cebola, cilantro e salsa ponzu.

FICHA TÉCNICA:

Adega: Albamar

D.O.: Rías Baixas

Variedades: 100% Albariño

Grao: 13º

Ano: 2018

Prezo: En torno aos 10-12€

Fotos: Iván Barreiro