fbpx
CompostelaCulturaDe librosNovas

Cristina V. Miranda: “Interesábame falar do dó”

Cristina V. Miranda, en A Reixa Tenda – Matrioska, na rúa do Hórreo. Foto: Iván Barreiro

Reunímonos en A Reixa Tenda-Matrioska, en Santiago e, en primeiro lugar, Cristina V. Miranda (Ferrol, 1982) quere deixar claro que ‘La Entusiasta’ non é ela, aínda que se inspira en numerosas historias. Experiencias que merecen ser contadas para facer xustiza a mulleres que un día quixeron ser as protagonistas das cancións dalgúns dos grupos mais míticos da escena indie española.

‘La Entusiasta’ moitas veces vese apoderada polo seu álter ego, a autómata. Dúas rapazas mergulladas nunha espiral de resacas culpables, dobre moral cara as mulleres, autodestrución e música indie no Madrid da primeira década do século XXI.

A novela é unha viaxe etílica pola dor da perda, a través de festivais míticos e noites en bares de Malasaña. Unha viaxe iniciática que comeza na parada de bus da Bañeza, que tan ben coñecerán aqueles que un día marcharon a esa cidade luminosa que nunca para.

O libro é un retrato do dó. Que busca a protagonista a través dos festivais e a noite de Malasaña?

Busca a redención. A min interesábame falar do dó cando perdes a unha persoa que é o teu eixo nunha idade tan complicada coma os 18 anos, que é cando comezas a saír ao mundo. Ás veces a busca do pracer lévanos por camiños escuros.

En canto aos compañeiros da protagonista, quería contextualizar nun lugar que coñezo ben: a escena do indie español de principios do século XXI.

A protagonista di que os festivais son “non lugares”. Que son para ti?

A protagonista comeza a coñecer no 2007 os festivais que hoxe son grandes como o FIB ou Primavera Sound. Os festivais son ese lugar de encontro e hedonismo extremo, aínda nese momento un pouco naif porque a industria non estaba tan organizada. Había un cóctel de xuventude, busca de identidade e fuxir cara diante. Os festivais son lugares de fantasía que non son sociais nin políticos onde todo o que se sucede queda alí.

Deixar claro ademais que non comparto todas as visións da protagonista que, por momentos, é moi ‘repunante’ (risas). Pero si hai moitas reflexións baseadas en emocións que coñecín.

Interesábame narrar a obsesión, como podes converterte en alguén que non estabas destinado a ser.

Tiveches críticas por retratar o lado escuro da escena indie?

Cristina quere deixar claro que ‘La Entusiasta’ non é ela, aínda que se inspira en numerosas historias. Foto: Iván Barreiro

Moitísimas, aínda que non son moi consciente delas. Houbo un antes e un despois tras unha entrevista de El País (titulada “Vida de una grupi del indie español”). Recibín moito hate, pero conseguín non mirar nada. Tamén tiven opinións moi positivas.

En todo caso, quixen analizar desde un punto de vista xornalístico por que xera tanto resentimento a figura da “groupie” en España, menosprezada tanto por homes como por mulleres, aínda que en EEUU ten un certo “brilli brilli”. Quería reafírmame na idea da necesidade de reivindicar a posibilidade como mulleres de trabucarnos nun ambiente tóxico masculino.

Sen embargo, cando lle ensinei o libro ás miñas amigas, agora señoras casadas, preguntáronme por que sacar isto agora.

É unha crítica dos homes poderosos da escena e como enfrontan as mulleres entre “tranquilas” e “as demais”.

Non había vontade de facer crítica, pretendía facer una exploración do pracer, da dor, da culpa. Pero é verdade que se conta a realidade do que pasaba (rapazas moi novas que se deitaban con homes da industria gravemente prexudicadas por alcohol e outras substancias). Pensei que me pasara de rosca, ata que comecei a recibir mensaxes de mulleres identificadas. Todos estábamos nese xogo, pero no xénero masculino non houbo autocrítica. Os grupos indies seguen cantando as mesmas cancións e tendo as mesmas actitudes. Non sinto que houbera un mea culpa tras o “Me too”.

Por parte dos músicos e a industria hai silencio total. O difícil é recoñecer como muller “eu pasei por isto”.

A protagonista constrúe a súa propia identidade a través da autómata, que é como una disociación…

A autómata é o blackout. Interesábame crear este personaxe de Doutor Jekyl e Mister Hyde. O peor é a sensación de perder o control e que outro tome o mando.

Tamén se constrúe a través das incipientes redes sociais do 2006 en adiante.

Si, era o que máis me interesaba narrar, o cambio de xeracións, a posibilidade de crear a túa identidade baseada nos bares aos que vas, a roupa que te pos… É un cambio xeracional brutal, probablemente o último que temos vivido.

Por que usaches pseudónimo nun principio?

Comecei a novela sabendo que quería narrar esas emocións nun contexto, narrar unha ficción nun contexto real (hai unha mestura de grupos reais e inventados). Logo funme crecendo para levar a novela ao límite. Sabía que me costaría explicar a disociación entre a autora e a protagonista.

Cando pasou o tempo e “esquecín” un pouco o que escribira, decidín usar o meu nome porque parecíame frustrante ter unha novela publicada e non dicilo.

Ves similitudes entre a escena musical madrileña e a galega?

Hai actitudes machistas que están en todas as capas. Logo en cousas concretas non. En Santiago non hai un ambiente indie tan forte, pero sobre todo cambiou a idealización con respecto ao que supón Madrid debido a que coas redes sociais podemos seguir as vidas dos cantantes. As periferias agora teñen unha certa importancia.

Fálanos da túa faceta musical.

É “Spoken Word”, recital con música co meu marido (Jorge Mills, integrante do grupo madrileño “Auto Sacramental”). É un xogo poético porque sempre escribín poesía.

Cando o próximo libro?

Tiven unha época moi prolífica no embarazo. Agora estou cun diario de maternidade un pouco punk, que me gustaría publicar nalgún momento.

FICHA TÉCNICA:

“La Entusiasta”

Cristina V. Miranda

386 páxinas

Editorial Dosmanos 2022

A LISTA:

Grupos recomendados por Cristina V. Miranda:

  • Laura Sam
  • Elba
  • Caballo Prieto Azabache
  • Biznaga
  • Manel
  • Auto Sacramental

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.